lunes, 13 de febrero de 2012

Os viños DO Valdeorras preséntanse en Bembibre mentres ultiman os preparativos de participación no Forum Gastronómico de Santiago

Os viños DO Valdeorras, en compañía de DO Bierzo e DO viños de León, foron os encargados de dar o pistoletazo de saída á Feira Agroalimentaria de Bembibre.

Con motivo da Feira Agroalimentaria de Bembibre celebrada o pasado fin de semana na comunidade de León, uns dos viños escollidos para dar o pistoletazo de saída a unha das feiras máis importantes da comunidade foron, de novo, os caldos amparados baixo o selo de calidade DO Valdeorras.

Tras o acto inaugural, que se levou a cabo o pasado venres día 10 de Febreiro, uns dos caldos máis de moda no panorama internacional uníanse cos seus homónimos, pertencentes ás DO Bierzo e DO viños de León, nunha cata que mostrou as excelencias dos caldos desta magnífica zona do noroeste peninsular.


Mentres se celebraba este acto, os preparativos de participación no Forum Gastronómico de Santiago non cesan. Unha das citas máis destacadas do sector no panorama nacional, e que cada ano se reparten Cataluña e Galicia, contará un ano máis coa presenza da DO Valdeorras.

Dentro dun marco no que o viño galego xogará un papel destacado. As excelencias dos caldos valdeorresés volverán ter unha posición preponderante nos actos que se celebrarán entre os días 26 e 28 de Febreiro en Santiago de Compostela.




martes, 7 de febrero de 2012

A DO Valdeorras e o audiovisual galego confraternizan en Xantar 2012 da man de Ignacio Villar, Rubén Riós e Xoel Yáñez

Con motivo da participación do Consello Regulador DO Valdeorras no XIII Salón de Turismo e Gastronomía de Galicia, "Xantar"; e de entre as múltiples visitas recibidas pola Caseta do devandito organismo, dende a nai do viño gratificanos compartir a presenza e interese mostrados por parte da nova onda do audiovisual galego, personificada na imaxe do director Ignacio Villar e nas emerxentes figuras da interpretación española Rubén Riós e Xoel Yáñez.

De entre as múltiples actividades nas que participou a representación da DO Valdeorras en "Xantar"; talvez, unha das máis gratas resulta a de dar cumprido recibimento e atención á multitude de persoas que se achegan á Caseta da DO para gozar ou descubrir uns dos viños máis de moda no panorama internacional do Sector.

Nun marco de singular confraternización con multitude de públicos, que para os integrantes da DO é fonte dun máis que sincero agradecemento, destácase a presenza de sobresaintes figuras do audiovisual galego en aras da promoción e a internacionalización da cultura desta terra.

Por iso, dende a DO, mostran o seu agradecemento á visita do destacado director valdeorrés Ignacio Villar, que se presentou en compañía de dúas novas promesas do audiovisual galego e nacional: Rubén Riós e Xoel Yáñez. Todos eles atopánse inmersos nun novo e ambicioso proxecto cinematográfico que presentará, nunha rupturista historia do pasado, a máis rabiosa actualidade social do momento dentro da interesante obra recollida baixo o título: "Vilamor".

"Vilamor", mergúllanos dentro dunha historia baseada en feitos reais acaecida nas montañas luguesas de "O Foxo", a principios dos anos 70. Neste marco, nárrase a historia de Breixo, un mozo altruísta cheo de boas intencións que se topa cos habitantes dunha comuna aparecida  nas inmediacións da súa aldea.  A pesar da súa proximidade ás forzas vivas do pobo, Breixo déixase seducir polo ideal dun estilo de vida alternativo, axudando aos novos comuneiros a recuperar a aldea perdida de Vilamor. Sen propiedade privada, traballando a terra e en total comuñón coa natureza, o soño comeza a facerse realidade a pesar dos constantes ataques das autoridades locais. O horizonte dun mundo novo parece debuxarse nas montañas perdidas de Galicia ata que: o amor libre, as drogas e o ateísmo absoluto mostran a súa cara máis desgarradora dentro dos íntimos ideais socializadores do protagonista.

Desde A nai do viño e a DO Valdeorras instámosvos a non perdervos este xenial filme, do que se espera a súa estrea en maio de 2012; agradecendo a Ignacio, Rubén e Xoel  a visita á Caseta do Consello Regulador para compartir "A revolución enolóxica do Século XXI" amparada baixo o selo de calidade DO Valdeorras.

E para ir abrindo boca ... aquí vos deixamos unhas imaxes do Making of de "Vilamor".

jueves, 2 de febrero de 2012

Colaboracións enológico-gastronómicas da DO Valdeorras en Xantar 2012

 A DO Valdeorras, no seu afán de achegar a todos os públicos as excelencias duns dos viños máis de moda no panorama nacional e internacionalmente, desenvolverá as seguintes iniciativas e colaboracións dentro dos actos que conforman o XIII Salón de Turismo e Gastronomía de Galicia, "Xantar 2012".

Para todos aqueles visitantes ao salón que, ademais de gozar dos viños DO Valdeorras nas mesas dos restaurantes ou a Caseta do CRDO Valdeorras, desexen coñecer a posta en escena destes caldos maridados coa rica gastronomía de Galicia. Dende a nai do viño temos o inmenso pracer de ofrecervos as iniciativas e colaboracións que a DO levará a cabo con diversas institucións gastronómicas e enolóxicas participantes en "Xantar".  

Son as seguintes:

- Xoves día 2 , ás 14 :00 h, colaboración con Pesca de Ría, onde se elaboran tapas con produtos do mar en maridaxe con brancos e tintos da DO Valdeorras.

- Sábado día 4,  ás 17:00h, en colaboración coa Asociación de Sumilleres de Galicia "Gallaecia", presentarase o proxecto dos viños doces e tostados da DO Valdeorras.

- Sábado día 4, ás 20:00 h, en colaboración coa Conselleria do Medio Rural e do Mar, realizarase unha cata- presentación da DO Valdeorras ao público asistente.

Coñece Xantar 2012

Goza dun dos packs promocionais de Xantar

Coñece as ofertas de maridaxes gastronómicas que che ofrece a DO Valdeorras

Talvez poda interesarche

Coñece as características dos viños DO Valdeorras

miércoles, 1 de febrero de 2012

A DO Valdeorras presentará o seu proxecto sobre viños tostados en Xantar 2011

 O Consello Regulador DO Valdeorras, co apoio da Asociación de Catadoras de Galicia "Gallaecia", presentará o vindeiro sábado día 4 deFebrero ante o "gran público" o seu proxecto de viños doces e tostados D.O Valdeorras. Esta presentación realizarase dentro das actividades desenvolvidas pola DO na XIII edición do Salón de Turismo e Gastronomía de Galicia, "Xantar".

O proxecto de elaboración para unha futura produción comercial dos viños doces e tostados de Valdeorras, será presentada ante o gran público o vindeiro sábado día 4 de Febreiro ás 17:00 horas, por parte de integrantes do equipo técnico do CRDO Valdeorras. O acto, no que estarán acompañados por membros da Asociación Galega de Catadoras de Galicia "Gallaecia", desenvolverase dentro das actividades que o CRDO Valdeorras ten programas para o XIII salón de Turismo e Gastronomía de Galicia "Xantar".

A inciativa, na que leva traballando varios anos o CRDO Valdeorras, personificase na figura do seu director técnico Jorge Mazaira, tendo como principal finalidade dar un enfoque comercial á milenaria cultura de elaboración destes caldos; xa que no último século desenvolvíanse na comarca valdeorresa da man de viticultores e particulares para autoconsumo. A pesar disto, cabe facer alusión á tradición histórica destes particulares viños, lembrando que xa foran premiados na Exposición Universal de París do ano 1900.



Tras máis de tres anos de minucioso e coidado estudo en aras de ofrecer ao consumidor un produto de inigualable calidade, o Consello Regulador Denominación de Orixe Valdeorras ofrecerá unha pormenorizada presentación do seu proxecto na que os asistentes poderán coñecer de primeira man as cualidades intrínsecas e diferenciais deste excepcional produto.

lunes, 30 de enero de 2012

A DO Valdeorras acude a súa habitual cita con Xantar

 Como cada ano por estas datas, a DO Valdeorras volve participar na cita gastronómica e turística máis importante do panorama autonómico galego, Xantar 2012. Que se celebrará, como cada ano, no recinto Expourense da capital das Burgas, entre os días 1 e 5 de Febreiro.

Dende o mércores día 1 de Febreiro e até o domingo día 5 do mesmo mes, o Consello Regulador da DO Valdeorras porá a disposición de todos os asistentes á máis importante cita gastronómica e do turismo en Galicia, Xantar 2012, a oportunidade de coñecer e gozar duns dos viños con maior número de galardóns internacionais nos últimos anos.

Previa confirmación dos actos promocionais que realizará o propio Consello Regulador, os asistentes terán á súa disposición na caseta do CRDO Valdeorras, a oportunidade de valorar en primeira persoa as variedades vinícolas propias da comarca valdeorresa. Así mesmo, e no seu firme compromiso cara á promoción, difusión e desenvolvemento da cultura gastronómica galega, poderase gozar da degustación destes caldos acompañados das delicias culinarias da terra.

Xantar é un Salón que xorde tendo como principal obxectivo a defensa da cultura da calidade na gastronomía, situándoa como un dos reclamos turísticos máis importantes de Galicia. Esta será a súa décimo terceira edición e espérase que máis do 35 % dos visitantes sexan profesionais dos distintos sectores. Ademais, en Xantar 2012 poderase gozar de diferentes paquetes promocionais adecuados ás demandas e preferencias individuais de cada un dos asistentes. Vaste perder esta cita?


viernes, 27 de enero de 2012

Canutillo de azucre e laranxa recheo de Mousse de Chocolate e Xeado de Mazá

Para endulzar a fin de semana e completar o menú que vos propoñemos dende A nai do viño, Grupo Nove e a DO Valdeorras, hoxe toca esta magnífica sobremesa: "Canutillo de azucre e laranxa recheo de Mousse de Chocolate e xeado de Mazá". Esta excepcional sobremesa chéganos da man de Miguel Ángel Campos, representante do prolífico grupo culinario de vangarda "Nove", e  rexente da cociña do case centenario restaurante "A Gabeira" en O Ferrol. Para acompañar esta delicia culinaria, Miguel Ángel proponnos na súa maridaxe un Godello DO Valdeorras, do que exalta as súas virtudes no segundo vídeo da publicación.
Miguel Ángel, "un vixía da ortodoxia coquinaria galega", preséntase da seguinte forma:
"Pertenzo á cuarta xeración dun restaurante inaugurado en 1.923. Tiña sete anos cando me queimei elaborando unha salsa de tomate coa miña avoa Pepucha. A aventura levou tres días encamado pero eu tiña claro que quería ser cociñeiro e o meu idilio cos fogóns non fixera máis que comezar. É o seo da miña familia. A boa mesa e os grandes cociñeiros facían espectaculares as celebracións en casa. Levámolo no sangue que herdamos da miña bisavoa Jesusa, unha persoa moi avanzada para a súa época. Ela é o meu referente pola súa elegancia e a súa perfeccionismo. Adoraba e consentía a horta e a cociña. Recordo como seleccionaba durante unha hora as patacas para facer unha boa tortilla. Esa era por entón a base da súa cociña, xunto cos percebes. En 1.995 tomei as rendas da Gabeira e marqueime un prazo de cinco anos para, aplicando os meus estudos e habilidades, para convertelo nun restaurante de referencia na comarca do Ferrol. Non persigo o favor da crítica, aínda que un sempre agradece que valoren o seu traballo. Cociño para a miña cidade. Aínda que sigo as novas tendencias, aplícoas con certa mesura, con humildade, con respecto ao produto e especialmente ao cliente. Podería elaborar pratos máis arriscados pero prefiro pisar firme e seguro porque o restaurante tamén é unha empresa que ha de manter ás familias que nela traballan. A Gabeira é o meu capricho e a miña ilusión, pero a miña filosofía é realista".

A modo de atalaia sobre a despensa rexional, este restaurante ten así mesmo no seu xefe de cociña, Miguel Ángel Campos, un atento vixía da ortodoxia coquinaria galega para, dende esa referencia, aplicar ao condumio toques modernizadores cuidadamente respectuosos co xénero. Feito que así corrobora e premia a prestixiosa Guía Michelín

viernes, 20 de enero de 2012

Costelar de vaca vella de Bandeira con cabaza pochada e queixo curado de Arzúa

 No seguinte vídeo presentámosvos a proposta gastronómica da fin de semana: Costelar de vaca vella de Bandeira con cabaza pochada e queixo curado de Arzúa. Esta receita chéganos por cortesía de Alberto González Prelcic, representante de Grupo Nove e máximo responsable da Cociña do Restaurante Silabario en Tui. Para a perfecta maridaxe deste prato Alberto recoméndanos un Mencía DO Valdeorras.

Alberto González Prelcic preséntase como un cociñeiro de "formación e vocación", destacando que: 

"Tres puntos crave son os que marcan o escoller os fogóns como unha maneira de entender a vida. O primeiro, o exemplo familiar, o ver á miña nai na cocíña día tras día ao longo da miña nenez e adolescencia. O segundo, a miña formación no Centro Superior de hostalaría, no que afiancei unhas sólidos alicerces sobre os que comnezar a crecer profesionalmente. O terceiro, o paso por Casa Solla, onde a cociña pasou para min de profesión a paixón. Este tres ingredientes básicos fóronse enriquecendo con pasos por outras cociñas de primeira liña e a realización de diferentes cursos ata que, sen que te deas conta, veste á fronte dun proxecto vital que che apaixona e ilusiona... igual que un neno que aprende a escribir coa axuda do seu silabario".

Porque "Silabario" é o nome do restaurante situado na fronteiriza rexión de Tui onde Alberto desenvolve a súa gran habilidade culinaria e todo o seu saber facer.

"O Silabario era un antigo caderno para aprender a escribir. Igual que un neno na escola, no noso restaurante partimos das bases da cociña tradicional, guisos pausados, brasas de leña de carballo galego, repostaría artesá... e adaptamos os pratos aos tempos actuais, utilizando as novas técnicas da cociña moderna e empapándonos co bo que vén de fóra, collendo sustancia, crecendo... facemos unha cociña eminentemente galega, influenciada por todo aquilo que nos rodea e nos enriquece. A situación fronteiriza imprime sen dúbida carácter á carta do Silabario e o vivir na raia vai deixando no noso restaurante pequenas chiscadelas do veciño Portugal".

Así presenta Alberto este prato:





viernes, 13 de enero de 2012

Xarda escabechada con queixo de Cebreiro ao Godello de Valdeorras

No seguinte vídeo ofrecémosvos a receita de elaboración de Xarda escabechada con queixo de Cebreiro ao Godello de Valdeorras. Unha receita que nos chega da man de Iñaki Bretal, rexente da cociña do restaurante Eirado dá Leña e integrante do prolífico grupo gastronómico de vangarda galego "Nove".

Iñaki Bretal é unha cabeza inquieta que procura sacar sempre "o mellor do mellor produto galego" utilizando a máxima expresión dese produto como trazo caracterizador da súa cociña. 

A súa arte culinaria alcanza a máxima expresión no seu restaurante "O Eirado da Leña", situado nunha casa antiga no centro histórico de Pontevedra, concretamente na Praza da Leña, fronte á entrada principal do antigo Museo Provincial.

"O Eirado" comezou hai 7 anos como un proxecto de tres amigos (Marta, Rober e Iñaki) no que a idea principal "sempre foi a de non montar o comedor dun restaurante, senón que deberiamos conseguir montar nun restaurante o comedor dunha casa". Un comedor acolledor no que o comensal se sentise cómodo e a gusto.

Así presenta Iñaki a receita de hoxe 
 




jueves, 12 de enero de 2012

Financial Times selecciona a un Godello de Valdeorras entre os 25 mellores viños brancos do mundo

A xornalista e influente crítica de viños Jancis Robinson escribiu un artigo no diario "Financial Times" en defensa dos grandes viños brancos, no que citou cales son os seus 25 favoritos de todo o mundo, sendo o viño Valdesil 2010 o único español da lista.

No seu artigo titulado "Os grandes brancos" (The Great Whites) Jancis Robinson manifesta o seu apoio aos viños brancos, xa que segundo ela, son tan consumidos como o tintos pero moito menos encomiados. Engade, ademais, que hai moitos viños brancos bos hoxe en día polos que non fai falta esperar moito para bebelos.

Robinson describe Valdesil 2010 da seguinte maneira: "Procede dun produtor dunha Denominación de Orixe na que se están producindo algúns dos viños brancos máis interesantes de España. Da variedade Godello, unha uva local revitalizada, procede de altos viñedos de 30 anos de idade e ladeiras de lousa. Moi fresco, afumado, un viño puro e seguro de si mesmo. Cremoso".

Pode lerse o artigo completo do Financial Times coa listaxe dos 25 facendo click.








O Barco de Valdeorras preparase para un xaneiro de Maridaxes Gastronómicos

Fonte Info: La Región

A II Ruta de Pinchos e a XII Festa do Botelo, principais atractivos gastronómicos da vila valdeorresa de O Barco en xaneiro.

Un total de 29 establecementos hostaleiros de O Barco iniciaban a pasada fin de semana a segunda edición de "O Barco vai de viños - II Ruta de pinchos', organizada polo Concello, a Asociación de Empresarios de Valdeorras (Aeva) e o Centro Comercial Aberto.

Até o próximo 22 de xaneiro, veciños e visitantes de O Barco poderán degustar algunha das creacións culinarias dos establecementos participantes.

Este ano, como novidade, editáronse uns cartóns, nos que se irá pondo o selo do establecemento ao que se acuda. Entre os clientes que completen o cartón sortearase a denominada 'escapada relax no Pazo do Castro', que consiste nunha noite de aloxamento en habitación dobre, con almorzo buffet para dúas persoas, dúas ceas de menú no restaurante e dous circuítos hidrotermales completos dunha hora de duración (jacuzzi, sauna finlandesa, termas de vapor ou duchas de aromas).

O primeiro día desta segunda edición da Ruta dos petiscos 'rexistráronse 550 persoas que os probaron nalgún dos establecementos participantes', sinala Anxo Álvarez, presidente do Centro Comercial Aberto.

Á súa vez, o Concello de O Barco comezará a vender as entradas da 'XII Festa do Botelo' mañá, ao prezo de 14 euros, que como cada ano, prevé reunir o próximo día 22 a un milleiro de comensais no polideportivo municipal de Calabagueiros.

Con estas dúas iniciativas proponse exaltar as delicias gastronómicas propias de Valdeorras en compañía duns dos viños máis premiados internacionalmente en 2011. Unha gran aposta para coñecer a máis pura esencia dunha marabillosa terra.