viernes, 24 de diciembre de 2010

Felices Festas!!!

Consello Regulador DO Valdeorras, Adegueiros e todo o equipo de A nai do viño, deséxanvos unhas felices festas.

miércoles, 22 de diciembre de 2010

Sinerxía a modo de maridaxe entre os viños de Valdeorras e a música de Lulavai

A historia de Lulavai comeza na "Escola de Artes e Oficios" de Vigo onde as catro compoñentes da banda coñécense (Paula Oanes, Josefa Fernández, Lorena Reinaldo e Elena Paz). Estudan harpa céltica co profesor Rodrigo Romaní e pasan a formar parte da orquestra folc Sondeseu, comezando un período de xiras, percorrendo importantes escenarios da xeografía nacional e europea. A finais de 2007 deciden crear "Lulavai", un novo proxecto no que a sonoridad de 4 harpas e 4 voces fúndense para interpretar cun son propio tanto temas tradicionais como de composición. En marzo do 2008 Lulavai é finalista no concurso "Festival Cancioneiros" convocado pola fundación Pedro Barrié da Maza. A partir de entón comezan a percorrer escenarios galegos e europeos. En abril de 2010 sae á venda o seu primeiro traballo discográfico, "CorDasVerbas".

O compromiso destas catro artistas cos produtos da súa terra faise patente na cesión desinteresada coa colaboración do seu tema Amalgama para a realización dos vídeos do Portal Web da D.O. Valdeorras. Dende a nai do viño queremos mostrarlles todo o noso agradecemento, compartindo a súa música con todos vós, a nosa familia, nestas datas tan especiais.


viernes, 17 de diciembre de 2010

A D.O. Valdeorras inaugura mañá sábado, a partir das 12.00 horas, a exposición fotográfica "Un universo en cada Ollada", con obras de Will Agar

Mañá, sábado 18 de decembro, a partir das 12.00 horas, inaugúrase na sede do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, a exposición fotográfica "Un universo en cada Ollada"; que contará este ano con obras cedidas polo veterano fotógrafo de Mineapolis, Will Agar.

Esta iniciativa que parte dende a dirección do Portal Web dovaldeorras.tv, pretende achegar a arte en modo de fotografía; esta proposta traerá cada ano á comarca valdeorresa as obras de importantes fotógrafos internacionais.

Para a súa primeira edición, convidouse ao veterano fotógrafo de Mineapolis, Will Agar, quen cede durante un ano 25 fotografías, para que o Consello Regulador as comparta con todos os interesados nesta arte. Á súa vez, Will Agar, quen se recoñece como un namorado desta terra, aínda que só a coñece a través de medios online, comunicou o seu desexo expreso de visitala en próximas datas, a fin de "sentir eses viños e esa terra para retratalos".

A exposición que se inaugura mañá, permanecerá na sede do Consello Regulador da D.O. Valdeorras (Nacional 120, km 463, Vilamartín de Valdeorras, Ourense) até o próximo 18 de xaneiro, e poderá ser visitada en horarios de 9:00 a 15:00 e 16:00 a 18:00 horas excepto venres pola tarde, sábado e domingo. A partir desta data, converterase en itinerante a través dos diversos Concellos valdeorreses, por solicitude dos mesmos previo acordo subscrito coa D.O.; a fin, de achegar a toda a xente da comarca o compromiso que contrae a Denominación de Orixe Valdeorras cos seus habitantes a través da arte.


martes, 14 de diciembre de 2010

Este nadal a túa mellor aposta é D. O. Valdeorras

Os viños D.O. Valdeorras son un selo de calidade e exclusividade sempre ao mellor prezo

O compromiso dos adegueiros da D.O. Valdeorras co consumidor, materialízase na calidade da que fan galas os seus caldos, tal e como ratifican os diversos premios outorgados a nivel mundial polos especialistas. Pero, se a iso, sumamos uns prezos que os fan alcanzables a todos os públicos; atopámonos cun dos produtos "estrela" destas festas.

Para gozar en familia, para a túa cesta de nadal ou simplemente como un obsequio ... nestes días tan sinalados, os viños do D.O. Valdeorras móstranse como unha aposta exclusiva, capaz de satisfacer aos padais máis esixentes a un prezo máis que aconsellable. Con cuantías que van dende os 6 ata os18 euros, compartirás un produto de gran calidade que non pasará desapercibido pola súa exclusividade, e que, ademais, darate a coñecer como un entendido do mundo do viño. 



jueves, 9 de diciembre de 2010

O plan director turístico apostará pola viticultura

Fonte do artigo: La Región
O turismo industrial e o enoturismo son as dúas opcións que, segundo a Secretaría xeral para o Turismo, poderían diferenciar a oferta turística de Valdeorras. A importancia da extracción de pizarra e da Denominación de Orixe son os dous aspectos polos que, nun principio, aposta para a redacción do plan director do sector turístico valdeorrés.

Esta inclinación foi posta sobre a mesa na visita que o presidente do Consorcio de Turismo de Valdeorras e alcalde de O Barco, Alfredo García Rodríguez, realizou á Secretaría xeral para o Turismo. Este organismo comprometeu o apoio de Planificación e Promoción Turística 'Turgalicia' ao citado traballo, que pretende encaixar dentro do programa que divide o territorio galego en 'geodestinos turísticos', segundo apuntou o portavoz do Consorcio valdeorrés.

Nas próximas horas, Alfredo García solicitará a colaboración do presidente da Deputación, José Luís Baltar Pumar, para sacar adiante o proxecto. Tal e como acordou a asemblea do órgano comarcal, o seu presidente solicitará que o Padroado de Turismo de Ourense adiante o financiamento necesario para o plan director.

'Trátase sobre todo de buscar unha maior axilidade', explicou Alfredo García. Engadiu que o apoio da Deputación permitiría comezar os traballos, á espera de recibir a subvención do novo programa Agader. Unha vez recibida esta, a súa contía será reenviada ao organismo turístico provincial. 'Pretendemos sacar a concurso o plan director en xaneiro ou febreiro, para que estea finalizado no 2011', dixo o presidente do Consorcio, que cifrou ao redor dos 40.000 euros o seu custo.



miércoles, 8 de diciembre de 2010

A crecente demanda do Godello de Valdeorras, fai que se adiante o embotellamento da nova colleita máis dun mes

O esgotamento das existencias da colleita 2009, fai que varias adegas soliciten permisos ao Consello Regulador para comezar co proceso de embotellado da última vendima.

A crecente demanda do viño Godello, propiciou que varias adegas soliciten o Permiso do Consello Regulador para comezar a embotellar o viño da nova colleita, e desta forma poder satisfacer a crecente demanda destes viños no mercado.

Aínda que a situación non é igual para todas as adegas,  sí se fai patente que a variedade Godello de Valdeorras atópase nunha situación de demanda de importancía significativa. Gran culpa disto, recae no mercado exterior que cada vez valora e demanda en maior medida estes caldos. 

O presidente do Consello Regulador, José Luís García Pando, afirma que aquelas adegas que non concentran os seus mercados e apostan pola exportación, posúen moitas máis defensas ante a crise que está a caracterizar ao mercado interior; apoiando desta forma, a iniciativa que tomaron diversos adegueiros na aposta pola internacionalización dos seus caldos.




martes, 7 de diciembre de 2010

A gran relación calidade prezo que atesouran os viños da D.O. Valdeorras axúdanlle a superar a crise en 2010

foto: S. Prieto / La voz de Galicia

A cantidade de botellas vendidas en 2010 aproxímase ás de 2009 na Denominación de Orixe Ourensá.

A gran relación calidade prezo da que fan gala os viños Valdeorreses, propician que as unidades vendidas en 2010 se equiparen ás da campaña anterior, cuns números que roldan o tres millóns de botellas; paliando momentaneamente a crise.

Os prezos, que oscilan entre o seis e oito euros por botella en venda directa, e que se incrementan a entre once e dezaoito euros en restaurantes; fan dos caldos valdeorreses unha aposta máis que acertada por parte do consumidor. Desta forma o número de unidades vendidas non diminuíu con respecto ao ano anterior, ao contrario que outras Denominacións que destacan os seus produtos con prezos máis elevados. A este feito, axudan factores como a especilización dos consumidores neste sector, as políticas promocionais e de posicionamento que levan a cabo desde o Consello Regulador  e as adegas e o gran auxe e recoñecemento que están a alcanzar estes caldos a nivel internacional.

De tódolos xeitos, e dende o Consello Regulador, comunícasenos que a situación pode chegar a reverterse se se mantén a actual tendencia económica; xa que o deficit orzamentario nos fogares  pode afectar á compra dun produto que non é considerado de primeira necesidade.




viernes, 3 de diciembre de 2010

A exportación de viños de Galicia crece cinco veces máis, en 2010, que a do resto de España

Estados Unidos, Reino Unido e Suíza son algúns dos países que abren os seus padais aos caldos Galegos.

Mentres especialistas mundiais do viño, como o estadounidense Richard Halstead, máximo responsable de Wine Intelligence, cualifica aos caldos galegos como excelentes, incluíndoos na categoría de viños de luxo; as adegas galegas comezan a súa aposta pola promoción internacional e posicionamento no estranxeiro.

Aínda que a crise non é allea ao mundo do viño. O sector vinícola galego está a loitar enconadamente contra ela a base de produción, elaboración e promoción de caldos de altísima calidade que logran satisfacer os padais máis esixentes, non só en España, como mostran os recentes premios recolleitos polos viños das diferentes D.O. galegas; senón a nivel internacional, como se fai patente co crecemento exportador do último ano, logrando exportar cinco veces máis que o total o total do sector a nivel nacional.

Esta adaptación fundaméntase na innovación que se está levando a cabo na elaboración de caldos dende as diferentes Denominacións de Orixe galegas, que sumado a un cambio de tendencias, con miras postas no mercado exterior, fan da industria vinícola da rexión unha prolífera aposta de futuro. 


jueves, 2 de diciembre de 2010

O proceso de Vinificación en Valdeorras

Durante o último ano a Denominación de Orixe Valdeorras, a través do seu portal web, recolleu en formato audivisual diferentes pezas que mostran o proceso de elaboración do viño na Comarca.

Coa finalidade de mostrar a todos os interesados o mimo e saber facer que as diferentes adegas da Denominación de Orixe Valdeorras poñen na elaboración dos seus caldos; o portal Web dovaldeorras.tv, recolleu en diversos vídeos as diferentes fases do proceso. Desde pódaa até o embotellamento, a través das diferentes estacións do ano poderedes seguir no seu portal Web, de maneira completa e didáctica, como se elaboran uns dos caldos máis valorados do país. 



miércoles, 1 de diciembre de 2010

Washington e San Francisco serán dous dos destinos da D.O. Valdeorras en 2011

Tras o éxito cultivado en Nova York, a D.O. Valdeorras volverá cruzar o charco en 2011, rumbo a Washington e San Francisco.

A gran acollida recibida polos caldos valdeorreses no Great match de Nova York espertou o interese dos especialistas do viño no país das barras e estrelas, converténdose en visita obrigada para 2011. Ha este respecto tamén resulta salientable o seguimento que se está a realizar dende Rusia destes caldos, facéndose efectivo coa visita realizada por técnicos deste país o pasado mes.

Mentres no Consello Regulador seguen investigando para ofrecer un produto adaptado ás novas e dinámicas tendencias que caracterizan a este sector. Jorge Mazaira, máximo responsable técnico do Consello Regulador Denominación de Orixe Valdeorras, atópase inmerso no estudo do proceso de elaboración de viño branco en madeira de Acacia.