martes, 27 de agosto de 2013

O groso da vendima DO Valdeorras estímase para a segunda quincena de setembro



O Consello Regulador DO Valdeorras estima os inicios do groso do período de recolección da colleita 2013 para as derradeiras semanas de setembro, vindo marcado por unha uva de gran calidade pero importante redución de cantidade.

Os factores climatolóxicos dos meses de abril e maio, unidos ás granizadas de xullo e os incendios de agosto, atrasaron considerablemente o inicio dos traballos de recolección en Valdeorras, traendo consigo un decremento considerable da produción en 2013.


Foto: zona afectada por incendio en Valdeorras - Fonte: Faro de Vigo


Fontes do Consello Regulador fálannos dunha cantidade de uva colleitada con tendencia á baixa e con datos difíciles de precisar. A pesar disto, a calidade da uva será optima para a elaboración de caldos e os viños DO Valdeorras seguirán gozando, un ano máis, da fama e prestixio que os caracteriza.

Dende a cúpula directiva do Consello estúdanse,ademais, as solicitudes de axudas para paliar os efectos das extraordinarias condicións meteorolóxicas deste ano, xa que son moitos adegueiros e produtores que viron moi afectados os seus viñedos e, algúns, perderon case a totalidade da produción.


Vendima en Valdeorras - Foto: Rosa Veiga

Por todo isto, exporase nos próximos días a posibilidade de solicitar esta axuda ante  o goberno central, tendo en conta que a situación aprema a facelo, e na firme convicción de apoiar aos máis prexudicados polos danos.







martes, 20 de agosto de 2013

Os viños DO Valdeorras espertan interese en Texas


O incipiente crecemento do Estado norteamericano de Texas non deixa de lado a excelencia dos viños DO Valdeorras e, nunha visita comercial realizada a finais de Xullo, achegou á comarca a importadores e catadores para coñecer "In situ" a calidade dos caldos valdeorreses.

A través dun proxecto impulsado por INORDE e coa firma Go Galicia Worldwide Business como intermediaria, James King, presidente dos catadores texanos e impulsor das importacións de viño galego a este estado, visitou Galicia o pasado mes de xullo facendo parada de rigor na DO Valdeorras.

Desta visita, na que se viu acompañado por Pilar Torres - responsable da organización de "Welcome to Galicia Week" en Houston - e que os levou por todas as denominacións de orixe Galegas, King puido acceder a diferentes adegas valdeorresas, pechando acordos con O Cepado e A Pinguela.

James King visitando viñedo de O Cepado - Foto: Adega O Cepado

Os viños de O Cepado e A Pinguela únense a outras adegas da DO Valdeorras que xa levan varios anos operando  neste mercado. É o caso de A Coroa, Valdesil e Godeval que comercializan as súas anadas nalgúns dos centros vinícolas máis importantes do estado da estrela solitaria.

Así e tras un estudo "In situ" do referente económico do estado, a cidade de Houston, pódense atopar as marcas valdeorresas en "Spec´s", a viñoteca máis importante de Texas, e algúns puntos de venda situados en importantes zonas de primeiro nivel adquisitivo, caso de Woodlands, cidade dormitorio das altas fortunas do estado.


A importancia deste mercado debe ser interpretada na súa xusta medida, xa que, aínda que se albisca como o incipiente motor industrial de Estados Unidos - Industria Médico-Farmaceútica, Industria Petroquímica, disparado índice de crecemento demográfico, o 6º porto máis importante do mundo e a cidade de USA que máis negocio xera segundo a última análise FORBES-, débese entender como un mercado emerxente que, aínda con menor risco de volatilidade que outros exteriores, aínda non asentou ao 100% a cultura do viño nos consumidores potenciais.

Pilar Torres - Frame: Telemiño
A pesar diso, as primeiras iniciativas para materializar este asentamento mostran claras doses de optimismo. Así se desprende das palabras de Pilar Torres concedidas en exclusiva á nai do viño: "Os primeiros achegamentos foron moi positivos. Na cidade de Houston realizáronse varios actos co viño galego como protagonista e a resposta foi impresionante".

Algúns destes actos, como a cata Best Galician Wines ou, sobre todo, Welcome to Galicia Week, son os encargados de dar énfases á introdución do viño galego en Texas.

Entrega de premios Best Galician Wines - Houston 2012
Centrándonos en Welcome to Galicia Week - semana promocional de Galicia en Houston que este ano se celebrará no mes de novembro -, dende a organización , Go Galicia Worldwide Business, póñense altas expectativas promocionais que se estiman corresponderan cunha amplía afluencia de distribuidores, restauradores e público en xeral de todo o estado. Alí,  os asistentes terán a oportunidade de coñecer "in situ" as bondades, calidade e excelencia do produto galego en xeral e algúns dos viños DO Valdeorras máis significativos en particular.    

Desta semana, así como de calquera acto paralelo que poida xurdir en relación ao evento, darémosvos cumprida información dende A nai do viño.






martes, 13 de agosto de 2013

Excepcional acollida ao viño DO Valdeorras en A Coruña onde bateu marca de vendas e asistencia


Os viños DO Valdeorras bateron marca de afluencia e esgotaron existencias a pasada semana na súa presentación da Coruña.

Un envorcado publico coruñés acudiu á chamada dos viños DO Valdeorras na Coruña durante os actos de presentación do seu particular túnel do viño, no cal se presentou a novidade de poder comprar os viños no propio salón.

"A resposta foi impresionante. Superáronse todas as expectivas da organización e esgotáronse as existencias de viño de moitas adegas que houbo que repor até en varias ocasións". Estas eran as palabras dun emocionado Jorge Mazaira - Director Técnico do Consello Regulador DO Valdeorras - quen, ademais de valorar a gran resposta de asistencia, agradeceu a amabilidade e calor das xentes dunha cidade na que, como ben reza o tópico, "ninguén é forasteiro".


Alí, preto de 500 herculinos visitaron o Salón durante os 2 días de celebración. Entre eles non só había profesionais do sector, senon público de a pé que puido gozar e comprar os viños "In situ" e a prezos de adega.

Os viños das adegas foron encomiados por todos os visitantes do salón e as compras dos mesmos foron masivas, por iso e a pesar da gran experiencia que posúe o Consello Regulador en presentacións nacionais e internacionais - Madrid, Barcelona, San Sebastián, Zúric, Tokio, New York, Dallas ... -, houbo varias adegas que tiveron que repor, até en 3 ocasións, toda a súa gama de viños.



Pola súa banda, a empresa organizadora, SERVINO, felicitou á DO Valdeorras pola calidade dos caldos e pola expectación espertada polos mesmos no público coruñés, que superaron  "moi de longo" as mellores expectativas que se crearon na contorna do acto.

Con todo isto, dende o Consello Regulador DO Valdeorras e as súas adegas faise imperativo enviar un caloroso agradecemento a A Coruña e as súas xentes, destacando o gran trato recibido e a exquisita amabilidade de todos os presentes.

Moitas grazas a todos!!!






lunes, 5 de agosto de 2013

Os viños DO Valdeorras preséntanse en exclusiva en A Coruña os días 7, 8 e 9 de Agosto.



16 adegas e 38 marcas comerciais amparadas baixo o selo de calidade DO Valdeorras preséntanse en A Coruña, compartindo a súa calidade co público asistente e colaborando co Banco de Alimentos Rías Altas.

Esta iniciativa solidaria preséntase a través da colaboración entre o Consello Regulador DO Valdeorras e a empresa de promoción SERVINO quen, axuntando calidade e compromiso, achegarán ao público unha proposta única e innovadora no sector.



Os actos darán comezo o mércores 7 cunha cata aproximación guiada e dirixida polo director técnico do Consello Regulador DO Valdeorras, Jorge Mazaira, que se celebrará na aula de Cata de SERVINO - Rúa Europa 3, A Coruña -. Ademais, será dentro deste acto onde se presentará de forma oficial o proxecto e facilitaranse os datos máis destacados da DO aos Medios de Comunicación.

A posta de longo do evento trasladarase os próximos xoves día 8 e venres día 9 de Agosto ao Salón Miramar do Centro Hostaleiro Hesperia Finisterre - Paseo do Parrote 2-4. A Coruña - onde, ambos os días e en horario de 18.00 a 22.00 horas, presentarase o Tunel do Viño DO Valdeorras.


O funcionamento do Tunel do viño, no que os asistentes poderán degustar un total de 38 marcas comerciais pertencentes a 16 adegas DO Valdeorras, caracterízase pola non presencia de adegueiros, sendo o propio director técnico do Consello Regulador en compañía de dous destacados Catadores de primeiro nivel, os encargados de asesorar ao público asistente e completar as explicacións das fichas técnicas dos viños alí expostos.

A gran novidade que presentará o Salón céntrase na posibilidade de adquirir os viños participantes "in situ", optimizando a visita dos asistentes e ofrecendo a posibilidade de que cada que se poda levar a casa os viños máis destacados dende o propio Salón.


Para participar, cada un dos asistentes deberá achegar 1Kg de alimentos non perecedoiros que a DO cederá ao Banco de Alimentos Rías Altas coa firme convicción de achegar unha particular axuda á xente máis necesitada nestes momentos difíciles.

Para participar, debes solicitar o tua reserva de invitación en info@servino.net 

Valdeorras e os seus viños espérante nesta aposta solidaria: non podes faltar!