jueves, 6 de diciembre de 2012

Coñece as novas adegas DO Valdeorras que presentan os seus vídeos no Web do Consello Regulador

Achégase o nadal e desde a nai do viño temos o pracer de ofrecervos os novos vídeos de tres adegas DO Valdeorras que, a través do Portal Web do Consello Regulador, preséntanvos a excelencia do seu traballo.


Para que as coñezades un pouquiño mellor, imos cos vídeos e unha pequena descrición do seu traballo:

Adega DBERNA


Fai hoxe máis dun século,  Manuel Guitián puxo as súas primeiras plantacións nas asolladas ladeiras de Córgomo, comezando deste xeito unha tradición familiar que chega até o día de hoxe .

Manuel Guitián ensinou ao seu fillo José e este a o seu, Ramón Guitián, o coidado das plantacións. 
Hoxe,  é o fillo deste último, Berna Guitián xunto á súa esposa,  quen quixo seguir esta longa tradición familiar da viticultura, a través da creación dunha adega para a elaboración da produción destes propios viñedos, situados nas devanditas ladeiras de Córgomo.

A adega  DBERNA está equipada coas últimas tecnoloxías enolóxicas onde, aplicando novas técnicas de elaboración, unidas á tecnoloxía e á tradición familiar, obtén uns magníficos viños de Godello e Mencía, que son fiel reflexo do selo de calidade DO Valdeorras.


Adega José Aristegui


Adega José Aristegui é unha Adega de viños de autor de recente implantación e que comezou a funcionar no  ano 2012, cunha produción inicial de aproximadamente 6.000 botellas.

No seu primeiro ano conseguiu importantes condecoracións dalgúns dos máis prestixiosos concursos de novos viños a nivel nacional. Feito que a catapultou de forma inmediata, a ter presenza tamén no sector internacional.

Na elaboración os seus viños: José Aristegui Mencía, José Aristegui Godello e Traste; a Adega selecciona coidadosamente variedades de uva de parcelas centenarias e realiza vinificacións por separado.  


Adega Roandi


A familia Moral na súa 4ª xeración de viticultores, asume o proxecto de fundar Adegas Roandi. Esta última xeración familiar, crecida con instinto innovador á vez que respectuoso coa tradición, son coñecedores das posibilidades dos coupages de cepas galegas autóctonas e ,en tal estudado equilibrio,  dotan aos seus viños cun marcado carácter único de variedades tintas galegas.

 Os viñedos asíntanse en ladeiras de 525 m. de altitude sobre chans de natureza pizarrosa e arcillosa. Estes viñedos están  compostos por cepas ancestrais, mesturados coa reconversión de 16 hectáreas de viñedo de variedades nobres galegas nun compendio tan equilibrado que conseguen imprimir aos seus viños un nutrido conxunto de sensacións complexas, diferentes e, posiblemente, únicas. Con iso, conforman uns viños de alto sentido común, baseados polo respecto á terra e as maneiras de traballala seguindo a tradicional liña herdada dos antepasados.