
Os viños elaborados con uvas da variedade godello mereceron os eloxios dos visitantes do expositor do Consello Regulador de Valdeorras no congreso 'San Sebastián Gastronomika- Euskadi Saboréaa' que, acompañado por unhas 15 adegas, promocionou os seus caldos entre os hostaleiros do País Vasco.
Tras as boas expectativas que se anunciaban neste blog hai unha semana, o éxito dos viños valdeorreses foi ratificado polo director técnico do Consello Regulador, Jorge Mazaira, momentos antes de que o recinto feiral do Kursaal botase o peche. 'Quedaron moi sorprendidos cos godellos', dixo. Apuntando que algúns viños da Denominación de Orixe xa están introducidos nos locais de pintxos e restaurantes da cidade.
A feira gastronómica de San Sebastián comezou o pasado 7 de outubro e o seu programa inclúe o Campionato de Catadores de España, un certame que reúne aos máis importantes do Estado.
A importancia do certame aválana os integrantes do comité técnico do congreso, un órgano no que participan os máis recoñecidos restauradores da alta cociña de Euskadi: Karlos Arguiñano, Juan Mari Arzak, Martin Berasategui, Andoni Luís Adúriz, Pedro Subijana e Hilario Arbelaitz.
Desta forma, a DO Valdeorras dá outro pasiño cara adiante na promoción da excelencia dos seus viños nun dos mercados de maior consumo e esixencia da península.