jueves, 12 de enero de 2012

Financial Times selecciona a un Godello de Valdeorras entre os 25 mellores viños brancos do mundo

A xornalista e influente crítica de viños Jancis Robinson escribiu un artigo no diario "Financial Times" en defensa dos grandes viños brancos, no que citou cales son os seus 25 favoritos de todo o mundo, sendo o viño Valdesil 2010 o único español da lista.

No seu artigo titulado "Os grandes brancos" (The Great Whites) Jancis Robinson manifesta o seu apoio aos viños brancos, xa que segundo ela, son tan consumidos como o tintos pero moito menos encomiados. Engade, ademais, que hai moitos viños brancos bos hoxe en día polos que non fai falta esperar moito para bebelos.

Robinson describe Valdesil 2010 da seguinte maneira: "Procede dun produtor dunha Denominación de Orixe na que se están producindo algúns dos viños brancos máis interesantes de España. Da variedade Godello, unha uva local revitalizada, procede de altos viñedos de 30 anos de idade e ladeiras de lousa. Moi fresco, afumado, un viño puro e seguro de si mesmo. Cremoso".

Pode lerse o artigo completo do Financial Times coa listaxe dos 25 facendo click.








O Barco de Valdeorras preparase para un xaneiro de Maridaxes Gastronómicos

Fonte Info: La Región

A II Ruta de Pinchos e a XII Festa do Botelo, principais atractivos gastronómicos da vila valdeorresa de O Barco en xaneiro.

Un total de 29 establecementos hostaleiros de O Barco iniciaban a pasada fin de semana a segunda edición de "O Barco vai de viños - II Ruta de pinchos', organizada polo Concello, a Asociación de Empresarios de Valdeorras (Aeva) e o Centro Comercial Aberto.

Até o próximo 22 de xaneiro, veciños e visitantes de O Barco poderán degustar algunha das creacións culinarias dos establecementos participantes.

Este ano, como novidade, editáronse uns cartóns, nos que se irá pondo o selo do establecemento ao que se acuda. Entre os clientes que completen o cartón sortearase a denominada 'escapada relax no Pazo do Castro', que consiste nunha noite de aloxamento en habitación dobre, con almorzo buffet para dúas persoas, dúas ceas de menú no restaurante e dous circuítos hidrotermales completos dunha hora de duración (jacuzzi, sauna finlandesa, termas de vapor ou duchas de aromas).

O primeiro día desta segunda edición da Ruta dos petiscos 'rexistráronse 550 persoas que os probaron nalgún dos establecementos participantes', sinala Anxo Álvarez, presidente do Centro Comercial Aberto.

Á súa vez, o Concello de O Barco comezará a vender as entradas da 'XII Festa do Botelo' mañá, ao prezo de 14 euros, que como cada ano, prevé reunir o próximo día 22 a un milleiro de comensais no polideportivo municipal de Calabagueiros.

Con estas dúas iniciativas proponse exaltar as delicias gastronómicas propias de Valdeorras en compañía duns dos viños máis premiados internacionalmente en 2011. Unha gran aposta para coñecer a máis pura esencia dunha marabillosa terra.