O mercado internacional segue rendéndose á revución enológica do século XXI que emana das adegas DO Valdeorras, seleccionando o monovarietal de Godello de adega A Coroa nun tender de monopolio que abrirá as portas de diversas rexións nórdicas á excelencia deste viño.
Como recoñecemento á calidade e saber facer que emana da adega adscrita á DO Valdeorras A Coroa, o mercado sueco, tras rigorosos e exhaustivos controis de calidade, seleccionou nun tender de monopolio ao monovarietal A Coroa 100% Godello.
Este gran fito plásmase nas palabras Marta Sertaje, responsable comercial da Coroa, quen nos aclara o seguinte:
"É moi difícil gañar un ténder en Suecia e estamos moi contentos xa que pronto se comezará a gozar do noso produto no mercado nórdico.
Os estritos controis aos que son sometidos os produtos que forman parte deste monopolio son unha proba máis da calidade do noso godello 100%.
A partir de setembro de 2012, a nosa colleita 2011 poderá atoparse a través da rede de distribuidores que forman este monopolio estatal con sede en Suecia e Finlandia".
As adegas Valdeorresas A Coroa e A Tapada, xunto á cooperativa Virxe das viñas, logran senllos Bacchus de prata cos seus viños A Coroa 2011, Guitian 2011 e Amavi 2011, respectivamente, reafirmando o bo momento internacional que viven os viños DO Valdeorras.
Mentres arrinca en Barcelona a Feira Alimentaria 2012 cunha importante representación da DO Valdeorras; os premios seguen chegando ás adegas adscritas a esta DO de forma constante. Esta vez son os premios Bacchus, por medio dos cales se segue recoñecendo o gran traballo, dedicación e saber facer que os viticultores, produtores e adegueiros valdeorresés poñen na súa labor.
Desta forma, Adega A Coroa consolídase cun Bacchus de prata na edición 2012 dos premios. Este galardón únese aos xa recibidos aos longo do ano, resumíndose en: 91 puntos Parker en The Wine Advocate, Ouro e prata en International en Wine Challenge Catavinum 2012 e Premio á excelencia en Prowein 2012
A outra adega que acompañou á Coroa nos galardóns foi A Tapada, con outro dos Bacchus de prata, para un dos viños con máis soleira e maior rede de distribución da rexión, Guitián Godello Xove. Adega A Tapada ofrece tres variedades de Godello baixo o nome: Guitián Godello Novo, Guitián Godello Barrica e Guitián Godello Sobre Lías. Todos eles amparados sobre o forte investimento en I+D+I, que propón a adega, e constastable co feito de ser a primeira adega na península en usar o innovador sistema anti - xeadas para protexer as cepas
Dende hai tempo, a variedade autóctona de Valdeorras "Godello" considérase unha das mellores variedades en uva branca do mundo. Este feito ratifícase nas palabras do gran enólogo, asentado en Toro, Manuel Louzada. Louzada, un habitual das máis altas puntuacións nas máis prestixiosas guías do viño internacional (conseguiu 100 puntos Parker co seu viñoThermantia 2004), cualifica o viño elaborado con godello da seguinte forma:
"É dos mellores do mundo e do que son gran admirador. Cando vou por aí e fálanme de Sauvignon Blanc ou Chardonnay, eu digo: Godello. Teno todo, intensidade, exotismo, aroma, cremosidad... Encántame e póñoo en catas enolóxicas en Estados Unidos".
Nacido no seo dunha importante familia portuguesa de produtores de viño, Manuel Louzada foi enólogo xefe da internacionalmente afamada adega "Terrazas de los Andes"; onde, durante 8 anos, desarollou a súa labor en Mendoza, Arxentina. Dende hai varios anos emprendeu unha nova aventura á fronte de Toro, en Numancia, un histórico pobo onde as vides, adquiridas por Moët Chandon, posúen un prestixio de máis de cen anos de produción.
Dende a nai do viño queremos compartir a entrevista que Manuel concedeu aos compañeiros de "La Voz de Galicia", e que se publica baixo o título "O meu branco favorito é o Godello". Nesta entrevista, ademais deste tema, trata aspectos de tan rabiosa actualidade coma o cambio climático e como este afecta á vinicultura, a elaboración de viños 100 puntos Parker e as novas técnicas vinícolas para afrontar a climatoloxía.
Os compañeiros de "La voz" recollen o seguinte:
"Baixou do avión en Alvedro coa sensación de reencontrarse cunha vella amiga, Galicia, pois a mocidade de Manuel Louzada (Coimbra, 1969) transcorreu entre vides da súa adega familiar e escapadas ao veciño norte para tomar contacto co albariño e o godello, polo que profesa devoción. Louzada sentou cátedra no hotel Finisterre cunha cata de produtos da adega Numanthia (da denominación de orixe Toro e pertencente ao grupo LVMH). Entre eles, Termes, Numanthia e Thermantia, ao que Parker deu 100 puntos pola colleita do 2004.
-Cóntenos un segredo. Como se fai un viño de 100 puntos Parker?
-Cun estilo propio e a sorte de que coincida co seu gusto. Pero un viño do máximo nivel debe ter intensidade para que chame a atención nunha cata na que se están probando moitos máis. Tamén complexidade; non vale un só descriptor, ten que haber froita fresca, notas de madeira... E por último, volume en boca, estrutura e elegancia. Nós buscamos a expresión tradicional de Toro, pero cunha nova dimensión: a elegancia.
-Como afecta un recoñecemento desa envergadura?
-Os recoñecementos non venden máis, pero pódenche axudar a vender. O noso obxectivo só é continuar ano tras ano co soño de facer un gran viño.
-A uva tinta de Toro é contundente, velle cabida en Galicia?
-É unha uva que explota na boca, brutal, e é verdade que en Galicia se consome moito branco cos peixes, pero nós propomos para noso veu maridaxes con zamburiñas e cebola caramelizada, por pór un exemplo.
-Que lle parecen os viños galegos?
-O meu branco favorito é o godello, que é dos mellores do mundo e do que son gran admirador. Cando vou por aí e fálanme de Sauvignon Blanc ou Chardonnay, eu digo: godello. Teno todo, intensidade, exotismo, aroma, cremosidad... Encántame, adoito polo en catas enológicas en Estados Unidos, e acabo de probar un fermentado en madeira que é para quitarse o chapeu. E por suposto, lémbrame ás miñas incursións en Galicia cando vivía en Portugal.
-É vostede dos que cren que o cambio climático está a afectar ao viño?
-En Toro hai un grao máis de temperatura media que fai dez anos. É moito, e ante un cambio tan importante hai que actuar. Nós temos unha gran superficie de viñedos prefiloxéricos con máis de 80 anos. Algúns, de 120. O que fixemos é adaptar a vide durante a póda a esas novas condicións, preparando a planta para máis seca e mesmo para máis choiva. A colleita do 2011 é un exemplo extremo, con 304 milímetros de precipitación anual.
-Inflúe tamén en que os viños sexan cada vez máis alcohólicos?
-Calculo que se traduce no medio grao máis. Pero hai outro motivo para iso. Antes, a decisión da data de colleita marcábana a acidez da uva e o alcol potencial. Recollíase en 12 ou 12,5 graos. Hoxe búscase outra cousa, a madurez fenólica. Cultívase cando os taninos están maduros, máis tarde. Por iso un Bordeus tiña antes 12,5 graos e hoxe non baixa de 13,5."
Aquí vos deixámos un vídeo de Manuel na súa etapa á fronte de "Terrazas de los Andes" para o programa de México: "líderes méxicanos"
A xornalista e influente crítica de viños Jancis Robinson escribiu un artigo no diario "Financial Times" en defensa dos grandes viños brancos, no que citou cales son os seus 25 favoritos de todo o mundo, sendo o viño Valdesil 2010 o único español da lista.
No seu artigo titulado "Os grandes brancos" (The Great Whites) Jancis Robinson manifesta o seu apoio aos viños brancos, xa que segundo ela, son tan consumidos como o tintos pero moito menos encomiados. Engade, ademais, que hai moitos viños brancos bos hoxe en día polos que non fai falta esperar moito para bebelos.
Robinson describe Valdesil 2010 da seguinte maneira: "Procede dun produtor dunha Denominación de Orixe na que se están producindo algúns dos viños brancos máis interesantes de España. Da variedade Godello, unha uva local revitalizada, procede de altos viñedos de 30 anos de idade e ladeiras de lousa. Moi fresco, afumado, un viño puro e seguro de si mesmo. Cremoso".
Pode lerse o artigo completo do Financial Times coa listaxe dos 25 facendo click.
O descenso no número de hectáreas de viñedo e o forte incremento na extensión da plantación das variedades preferentes, mostra a clara aposta do D.O. Valdeorras por fundamentar os seus criterios definitorios en aspectos de calidade.
Como mostra diso, os compañeiros da Rexión recollen os seguintes datos facilitados polo Consello Regulador:
"As 1.300 hectáreas de hai 11 anos quedaron nas 1.159 actuais. Paralelamente, aumentou considerablemente a extensión das viñas de godello e mencía, que pasaron de 206 e 132 a 286 e 274 hectáreas, respectivamente. Á súa vez, os viñedos de alicante e jerez descenderon de 582 e 307 a 235 e 139 hectáreas".
As subvencións, a especialización do traballo e o protagonismo e prestixo que posuen as calidades preferentes Godello e Mencía, son as bases sobre as que se fundamente esta aposta que se viu recompensada nos últimos anos por unha incesante choiva de recoñecementos tanto a nivel nacional como internacional.
Mentres, dende o departamento técnico do propio Consello realízase unha forte aposta pola investigación e o desenvolvemento en varias frontes. A investigación da crianza do viño en Carballo Galego, a aposta pola elaboración do Viño Tostado de Valdeorras e unha futurible produción de Cava, son algúns dos proxectos que auguran un máis que alentador futuro para a D.O. Valdeorras.