lunes, 4 de julio de 2011

Valdeorras xa conta cun novo viño de prestixo: O tostado de Valdeorras

  O Consello Regulador da D.O. Valdeorras na súa procura en aras da excelencia e a recuperación dos viños de calidade que a tradición salvagardou na comarca, última a posta a punto na investigación e desenvolvemento da Xoia da Coroa: o tostado de Valdeorras.

Froito das exitosas colaboracións que dende hai anos se veñen mantendo entre o Consello Regulador da D.O. Valdeorras e o Grupo de Investigacións Agroambientais e Alimentarias da Facultade de Ciencias de Ourense (Universidade de Vigo), estas dúas institucións decidiron colaborar novamente nun proxecto de investigación (financiado pola Xunta de Galicia e que forma parte da Tese Doutoral de Raquel Noguerol Pato) centrada en recuperar os viños tostados de Valdeorras que tradicionalmente se elaboraban de forma artesanal dentro do ámbito familiar. Aínda que existe xa unha longa tradición en Valdeorras de elaborar estes viños doces con uvas brancas godello pasificadas, o Consello Regulador pretende agora impulsar os tintos doces, viños naturalmente doce obtidos a partir de uvas Garnacha tintorera sometidas a un proceso de pasificación. Desta maneira poderase ofrecer aos produtores desta D.O. iniciativas novas cuxo resultado sexa un novo produto de gran calidade e competitividade e ao mesmo tempo diversificarase o mercado vitivinícola galego de calidade. Estes viños poderán competir con outros viños doces europeos (Tokaji Aszu de Hungría, Sauternes de Francia, Icewine de Austria e Alemaña, o Tostado de Ribeiro en España, entre outros) que contan xa cun gran prestixio internacional. 
Onte na Sala de Cata do Consello Regulador levouse a cabo unha valoración sensorial dos viños doces de 2008, 2010 e doutro viño procedentes da mestura de viño envellecidos en barrica con viños doces. Os viños doces 2008 e 2010 tiveron unha gran aceptación pola súa calidez en boca, así como polo seu aroma destacando os matices a uvas pasas, froitas do bosque, cravo, caramelo, chocolate e vainilla. 

Ao mesmo tempo presentáronse os resultados obtidos no laboratorio de investigación da Facultade de Ciencias de Ourense coincidentes coas avaliacións dos catadores. Trátase da primeira vez que se determina o perfil aromático de viño doces galegos. Aínda que un viño doce de 2010 presenta unha maior riqueza en aromas varietales con respecto a un viño novo Garnacha (principalmente aromas que se atopan na uva de partida) como consecuencia da concentración destes durante a pasificación da uva, descenden os aromas froiteiros que proveñen da fermentación do viño dado que a actividade dos fermentos nun medio con tal cantidade de azucre vese alterada. Favorablemente, aparecen novas notas aromáticas a caramelo, aromas tostados e especiados como resultado da síntese de compostos volátiles durante o proceso de pasificación tales como a acetoina, o sotolón, o guayacol e o 2-furfuraledehído. Por outra banda, no viño sometido a un envellecemento en barrica durante 2 anos aparecen e intensifícanse notas a chocolate, vainilla, especias e fume posto que o seu contido en alcol favorece a extracción dos  compostos da madeira que achegan este tipo de matices. 
De novo este ano levarase a cabo a vendima, pasificación e elaboración do tostado de Valdeorras 2011 co obxectivo de optimizar o proceso de pasificación das uvas e seguir descubrindo novos matices potenciais destes viños tostados. 


No hay comentarios:

Publicar un comentario