jueves, 30 de junio de 2011

Produtores e elaboradores de Txakoli visitan adegas da D.O. Valdeorras

Araceli Fernández, de adegas Godeval, cóntanos como foi a cita coa Asociación Txakolineros de Vizcaia, Bialtxa, que pasaron un día na adega con visita, cata e comida no Mosteiro.

-Produtores e elaboradores desta entidade decidiron organizar unha viaxe a terras galegas e bercianas para coñecer  adegas das dúas denominacións entre elas, Godeval. Pasaron un día na comarca de Valdeorras visitando a zona e catando viños. Algúns deles xa nos visitaron hai uns anos e sorprendéronse dos cambios que a adega está a realizar para ampliar a súa capacidade de produción e para mellorar a atención aos visitantes. Nesta ocasión quixeron utilizar o Mosteiro como lugar para gozar da súa comida, despois de catar os viños Godeval e Cepas Vellas.- que foron condecorados cos premios excelencia 2011, cunha puntación de 98 e 99 puntos respectivamente. Os que non coñecían a adega e tampouco o godello aproveitaron para preguntar por esta variedade e a súa elaboración. Ademais de probalo durante a cata e a comida onde cada un decantouse polo seu preferido.-


-Ademais durante a visita sorprendeulles a nova adega que proximamente estará a funcionar ao completo. Consideran que a empresa está a facer un gran esforzo por crecer e agradoulles o deseño moderno da nova adega en contraste coa sede anterior nos baixos do Mosteiro de Xagoaza.-

A asociación de Txakolineros de Vizcaia, Bialtxa,  ten a súa sede no municipio de Lezama desde a súa fundación no ano 90. Na actualidade conta con 218 socios entre produtores e elaboradores dentro da Denominación de Orixe Bizkaiko Txakolina que acolle 55 adegas.  No 2010 tiveron unha produción de 1,170.000 litros dos cales un 95 por cento é branco e o resto rosado e tinto.

No hay comentarios:

Publicar un comentario