miércoles, 29 de junio de 2011

É tempo de verán, é tempo de godello

 Coa inminente irrupción estival ábrese o sempre eterno e de xeito evidente polémico debate, de cal é o viño a elixir para gozar desas típicas veladas estivais tan característica de España e da cada vez máis ampla, esta nosa aldea global.

Por medio destas humildes liñas a modo de reflexión, pero sempre fundamentadas en criterios de tendencias, dinámicas de mercado e evolución de gustos e valores pretendo, e máis nada que iso, realizar unha simple análise da evolución dos viños brancos españois concretando, se mo permiten, nos galegos e facendo clara alusión ao de que máis preto me toca, o godello de Valdeorras.


A calor cambia as nosas tendencias gastronómicas de forma moi marcada. Tan acentuada chega a ser esta permuta que a nosa relación cara ao consumo de certos alimentos chega a recaer mesmo no desterro e esquecemento dos mesmos até épocas consideradas como máis proclives cara ao apetito destes.

No mundo do viño, como maridaxe aliñador da nosa gastronomía, non ocorre o mesmo. Faise dificultoso para un gran número de consumidores a alteración do costume e goce deste importante condimento que transfire ao seu degustador un universo de sensacións aditivas á súa goce.

E é que non é baladí a famosa expresión "o mellor viño branco é un tinto". Dando grazas pola súa cada vez menor frecuencia de uso, ainda  que non se poda nin se deba obviar que a día hoxe aínda se usa con bastante asiduidade.

É unha realidade que en España durante anos traballouse, trabállase e a recado traballarase, no marco duns dos mellores viños tintos do mundo. Feito que outorga prestixio pero, que á súa vez, xera unha barreira a efectos e tendencia de consumo cara novos caldos, xa sexa en aspectos de variedade, marca ou tipoloxía.

Nesta contorna móvense os viños brancos españois. Entre eles a variedade típica e autóctona de Valdeorras, o godello.

Aínda é frecuente acompañar pratos de características liviás e frescas con viños espesos que, aínda que de enorme calidade e prestixio, funcionan a forma de encubridor da esencia do sabor do prato. Sen obviar o gran problema que supón lograr a temperatura adecuada dun tinto en época de calor, que talvez por exceso ou déficit de frío, que fai perder ese elemento máxico,  selo identificador do viño.

A ninguén lle cabe dúbida algunha que os tintos españois áchanse no Olimpo dos viños, pero non podemos esquecer a importancia dos nosos brancos, que como o mercado internacional afirma, e sen pretender caer na arbitrariedade, atópanse entre os mellores brancos do mundo.

Hoxe hai máis de 20 anos que unhas denominacións de orixe pioneiras, entre elas as xentes de Valdeorras, puxeron todo o seu traballo, ilusión e esforzo en recuperar a paixón do viño branco en España. Tras un arduo camiño de traballo duro, coidado mimo e bo saber facer, conseguiuse axuntar tradición e modernidade para que os brancos españois, e moi especialmente os galegos, cheguen a "cume"do universo do viño actual.

Os caldos brancos españois a día de hoxe caracterízanse por unha personalidade propia, froito da evolución tecnolóxica aplicada ao cultivo tradicional das variedades autóctonas, sendo capaces de transmitir a máxima expresión do "terroir" característico da nosa rica xeografía. Son capaces de encher en boca como un tinto, ofrecendo unha gran profundidade, largura e similar intensidade e que ademais, e como selo característico dos grandes viños, son capaces de desenvolverse en botella, mellorando co paso do tempo.

Aos asiduos a este blog, que contarlles sobre o marco no que se desenvolve o godello de Valdeorras a nivel internacional? Xa sexa desde os sectores máis afíns ao "parkerismo" ou  desde os sectores máis críticos co afamado Gurú do viño, existe unanimidade ao enxalzar e premiar a calidade e excelencia dos brancos D.O. Valdeorras;  materializando estes eloxios en multitude de premios e recoñecementos que chegan, ano tras ano, desde multitude de países con forte cultura e tradición vinícola.

A nivel nacional os mellores centros de hostalaría e restauración contan con Godellos de Valdeorras nas súas adegas. A variedade autóctona de Valdeorras está a recibir tal prestixio entre os especialistas que son diversos os estudos realizados sobre o Godello, chegando mesmo a exportala a outras zonas peninsulares para tentar reproducir a maxia da súa elaboración, sen valorar na súa xusta medida o importante concepto de "Terroir".

Para concluír, e retomando o fío inicial, só convidarvos a que perdades o medo de apostar por un produto de enorme e contrastada calidade, os viños brancos españois.  Aconsellándovos entre eles, e sobre todo para aqueles que non os coñezades, os godellos de Valdeorras, por medio dos que poderedes gozar de todo o sentir dunha terra.


No hay comentarios:

Publicar un comentario