viernes, 2 de marzo de 2012

A tendencia vinícola internacional aposta por viños frescos e lixeiros que convidan a beber

As novas tendencias gastronómicas están a marcar un cambio de paradigma  no mundo do viño. A procura de viños frescos e lixeiros substitúe a aqueles máis potentes, abrindo un novo e moi alentador campo de manobra para os viños galegos.

As novas tendencias gastronómicas, baseadas na sutileza de sabores, reafirman a aposta internacional polos viños frescos e lixeiros que convidan a beber. Esta propensión fincouse de forma internacional en países cunha arraigada cultura vinícola, que van da man do refinamiento gastronómico. Así, non é estraño atopar en EE UU, Francia e Italia, entre outros moitos países, está nova tendencia asentada dende hai xa algúns anos.

En España prodúcese un caso atípico. Sendo posuidores duns dos mellores viños do mundo, o seu consumo redúcese a pouco máis de 16 litros por habitante ao ano. Unha das cifras máis baixas da comunidade europea.

Que é o que falla para que se produza isto?

Son moitas as opinións referentes ao caso. Redundando, unha gran maioría, na perdida do tradicional costume de comer con viño. Con esta alusión exponse unha nova interpelación que se podería propoñer da seguinte forma:

a nova cociña que se realiza en España non está en concordancia co consumo do viño embotellado tradicional ?.

A resposta chéganos case por unanimidade por parte dos máis prestixiosos cociñeiros de vangarda españois, resumíndose no tema que encabeza o titular deste artigo. 

O consumo de viño español debe cambiar cara  un produto de tendencia máis suave; reafirmándose, desta forma, como un complemento da nosa rica gastronomía.

A evolución lóxica lévanos cara a uns viños frescos e elegantes; que, á súa vez, non enmascaran a sutileza dos alimentos e serven de condimento indispensable para lograr o maior goce dos pratos. Uns viños de grolo longo, nos que unha copa che convida a beber outra, evitando un resultado de pesadez.

Os grandes grupos adegueiros españois xa son conscientes diso e comezaron a enfocar a súa tendencia cara a este novo horizonte. Agora, só queda facer partícipe ao consumidor desta opción que, a recado,  recibirá unha máis que notable acollida.

Pola súa banda, en Galicia levase traballando moito tempo seguindo esta pauta. Feito que é fiel reflexo do triunfo xeneralizado dos viños galegos a nivel internacional. Cobrando maior prevalencia, se cabe, na man de importantes autoridades da cociña internacional como o gurú gastronómico newyorkino Eric Ripert.

Un paso máis aló, coa mirada posta nun futuro próximo, faise patente que pronto se estará falando dunha revolución enológxca; na que, tal como leva comentando neste blog durante varios meses, as denominacións de orixe galegas, en xeral, e Valdeorras, en particular, xogarán un papel destacado na nova cultura mundial do viño.