Gran acollida para os viños DO Valdeorras nas xornadas de ouro da gastronomía ourensá, VI Xornadas Gastronómicas Ponte Vella, celebradas a pasada semana.
O pasado 25 de novembro comezaron as VI Xornadas gastronómicas Ponte Vella, Sabores e Harmonías de Ourense, onde e nesta edición, o gran atractivo culinario veu de parte do prolífico cociñeiro Diego López, xefe de cociña do restaurante A Molinera en Lalín.
Diego López é un dos máis prometedores expoñentes da cociña contemporánea galega que, ademais, fusiona con pratos tan tradicionais como o cocido xa que, como bo lalinés, ese é o prato forte do seu restaurante A Molinera.
![]() |
Jorge Mazaira e Diego López presentando as maridaxes |
A presentación dos viños DO Valdeorras realizouse a través do director técnico do Consello Regulador, Jorge Mazaira, quen presentou a un selecto público as virtudes dos caldos valdeorreses.
A gran estrela da sesión foi "a maridaxe de Godello con Ravioli de Cebola e Vexetais", a través do cal, os asistentes puideron gozar dunha perfecta ensamblaxe de sabores e sensacións.
Pola súa banda, a valoración dos comensais volveu ser moi positiva e puidéronse recoller manifestacións como a seguinte: "a excelente acidez e estrutura do viño branco godello de Valdeorras marida perfectamente coa cremosidade e os aromas cítricos do ravioli. Todo un pracer para os sentidos".
A VI edición das Xornadas Gastronómicas Ponte Vella volveu a ser, un ano máis, punto de encontro e de exaltación dos produtos típicos da comunidade. De novo a castaña e o viño como grandes expoñentes - e entre moitas outras delicias gastronómicas ourensás - foron os protagonistas dun evento do que cada ano gozan máis adeptos.