martes, 29 de junio de 2010

Valdeorras, terra de grandes viños

O pasado 18 de xuño no IES Fonte Fresnedo de Laredo, sede oficial da Asociación de Catadores Unami, celebrouse unha cata de viños da Denominación de Orixe Valdeorras, dirixida e coordinada por Jorge Mazaira, director técnico do Consello Regulador do D.Ou. Valdeorras.

Catáronse cinco viños brancos da variedade Godello e outro tres da variedade Mencía. Previamente, Jorge Mazaira realizou unha exposición acerca da comarca, na que se destacaron a terra, as variedades de uva que se desenvolven, o clima que favorece ao crecemento das viñas e ao traballo dos homes e mulleres que forman o Consello.

martes, 22 de junio de 2010

Concurso de fotografía e imaxe dixital




1º CONCURSO DE FOTOGRAFÍA E IMAXE DIXITAL: O MUNDO DO VIÑO EN VALDEORRAS

BASES

1. PARTICIPANTES
Poderanse presentar ao concurso todas aquelas persoas maiores de idade procedentes de
calquera nacionalidade.

2. TEMÁTICA
O motivo das fotografías é totalmente libre, sempre e cando teña relación coa temática do
Concurso: O Mundo do Viño en Valdeorras.

3. REQUISITOS
Os concursantes poderán presentar un mínimo de 5 fotografías e un máximo de 20.
As fotografías irán convenientemente identificadas, é dicir, indicarase que ou quen aparece nelas.
A obra, sen restricción temporal, non puido ser premiada con anterioridade.
A técnica e estilo son libres, así como o uso da cor e o branco e negro.

4. FORMA DE PRESENTACIÓN E ENVÍO
As fotografías poden ser enviadas por correo electrónico a lamadredelvino@dovaldeorras.tv.
Cada fotografía ou grupo de fotografías deberá enviarse acompañada dos seguintes datos:
-Título da obra.
-Nome e apelidos, enderezo, teléfono e mail.
-Localización da fotografía e data de realización.

5. PREMIOS
Serán tres premios de semellante categoría:
- Fin de semana para dúas persoas no Hotel Palladium (O Barco de Valdeorras)
- Cea para seis persoas na Casa Galaica (O Barco de Valdeorras)
- Cea para seis persoas no Restaurante Fernando III (O Barco de Valdeorras)

6. DATA LÍMITE
Todos os traballos deberán ser enviados antes do 22 de Setembro de 2010 ás 18.00 horas.

7. XURADO E ENTREGA DE PREMIOS
O xurado, elixido pola organización tomará unha decisión que lle será comunicada aos gañadores
e publicada no Blog Un universo en cada botella.


8. PROPIEDADE E UTILIZACIÓN DAS IMAXES
As fotografías dos gañadores serán expostas no Consello Regulador da D.O. Valdeorras por
tempo indefinido.
Os dereitos de autor sobre as obras premiadas serán dos autores, pero éstos cederanos de xeito
inmediato ao resultaren gañadores (polo mero feito de aceptar estas bases) ao Consello
Regulador da D.O. Valdeorras co obxecto da súa repoducción gráfica e/ou difusión sen ánimo de
lucro por calquera tipo de canle audiovisual que estime procedente. En calquera caso, a D.O.
citará sempre o nome do autor.
O participante deberá ser o único titular dos dereitos de autor das fotografías enviadas e
asegurarse de que terceiras persoas non poidan reclamar ningún dereito con respecto a ellas. O
autor é o único responsábel da fotografía. A organización e o Consello Regulador declinan toda
responsabilidade legal sobre a fotografía a concurso.
Os gañadores do concurso enviarán as imaxes nun formato de maior calidade dentro dun
CD/DVD ao enderezo que se lle faiclitará no seu momento.
Todas as fotografías participantes no Concurso serán publicadas no Blog Un universo en cada
botella.

9. OUTROS
A participación neste concurso supón a aceptación íntegra das súas bases por parte do
concursante.
Os convocantes resérvanse o dereito de decidir sobre calquera incidencia na interpretación das
mesmas.

martes, 15 de junio de 2010

Valdeorras cría viño noble de mencía en barrica que compite cos rioxas

A adega Virxe de Galir, referente en apostar pola calidade, avoga por un departamento de I+D+i na denominación.


Un dos produtos dos que pode presumir Galicia é dos seus excelentes viños, que a pesar da alta competitividade neste sector, colocou os seus caldos insignia nas mesas de case todo o mundo.

A denominación de orixe ourensá de Valdeorras é unha das emerxentes na nosa comunidade grazas ao bo facer da maioría das súas adegas, nunha aposta decidido pola calidade e a diferenciación.

Virxen de Galir é unha desas adegas que se converteu en referente nesta denominación. Os seus viños insignia figuran, coas puntuacións máis altas, na nómina do crítico Robert Parker. De orixe familiar, naceu en 2002, "aproveitando a tradición vitícola da nosa familia que se remonta varias décadas atrás", sinala David Barros, xerente da adega. Na actualidade conta con 15 hectáreas de viñedo provenientes da saga familiar e a súa aposta, unha das pioneiras en Galicia neste aspecto, foi a de elaborar viños nobres de mencía criados en carballo, de calidade, "para competir nas mesas cos mellores caldos de Rioxa, Ribeira do Douro... rompendo a crenza de que os tintos galegos eran inferiores en calidade ou para consumo local", explica David.

Engade "hoxe en día e creo que en parte grazas á nosa aposta, as adegas máis representativas de Galicia contan na súa gama de produtos con algún Mencía barrica, e penso que nun futuro non moi afastado estes serán os viños predominantes naquelas adegas que dispoñan de viñedos con calidades para vinificación en madeira, neste sentido creo que Valdeorras e Monterrey son as máis propicias para este tipo de elaboración en madeira debido a chan e clima", asegura.

Para facer un viño de calidade, David indica que a única receita secreta "está na viña, en crer e querer o viño que se desexa facer, a nosa maior forza son os nosos viñedos, sobre lousa, en altitude e sendo os que máis horas de sol teñen de Galicia, a partir de aquí, moita dedicación en viña con bo complemento tecnolóxico e humano en adega", afirma.

Futuro do sector. O futuro dos viños galegos cre que pasa "por elaborar viños de calidade diferenciada, cada vez máis, os mercados están máis saturados e para exploralos é

necesario viños que acheguen algunha calidade diferenciadora e propia da zona, e como denominación de orixe debemos apostar por un valor engadido como o enoturismo", relata David, de acordo coa filosofía que aplica na súa adega.

Tamén destaca que "sería moi importante desenvolver ou crear un departamento exclusivo de I+D+i na denominación que nos permita estar en continua evolución, hoxe máis que nunca se te pairas...morres", di.

En canto ao papel das denominacións non dubida en afirmar que, nestes momentos, "non se entende o consumo ou elaboración de viños se non están amparados por algunha denominación, xa que é garantía para os consumidores de calidade e procedencia".

lunes, 7 de junio de 2010

Máis de 400 profesionais e coñecedores dos viños asisten en Compostela á presentación da colleita 2009 de DO Valdeorras



O Consello Regulador do D.O. Valdeorras presentou en Compostela a colleita 2009. O acto celebrouse no Hostal dos Reis Católicos e contou coa participación de máis 400 profesionais dos sectores da hostalaría, a restauración, prensa especializada, catadores e, en xeral, coñecedores dos viños galegos. O presidente do Consello Regulador, José Luís García Pando, mostrou a súa satisfacción pola gran acollida deste evento, que se celebra en Santiago por terceiro ano consecutivo.

Durante a presentación, García Pando definiu a colleita de 2009 como dunha calidade excelente aínda que non abundante, dadas as especiais condicións climatolóxicas que afectaron á Comunidade galega durante o pasado ano. Con todo, o presidente do Consello Regulador dixo estar moi contento pola evolución dos viños de Valdeorras durante estes últimos anos, lembrando que se trata dun D.O. que ten xa uns niveis de calidade amplamente recoñecida, ás veces mesmo máis fóra das nosas fronteiras que no mercado nacional.

José Luís García Pando adiantoulles aos asistentes a este acto que o próximo mes de outubro, o Consello Regulador fará unha presentación dos viños en Nova York, un mercado, o estadounidense que ofrece, segundo indicou, unhas grandes perspectivas de negocio. Neste sentido, tamén destacou que a evolución das exportacións é moi positiva e compensa a crise do mercado nacional. A crise, en todo caso, non está a afectar demasiado á Denominación, segundo o presidente, aínda que que se se nota máis dificultades na distribución.

Pola súa banda, o director técnico, Jorge Mazaira, definiu a colleita do 2009 como atlántica, polo grao de acidez e frescura que presentan os seus viños brancos, e de gran calidade. No que respecta aos tintos afirmou que presentan aromas a froita fresca e, para ambos os casos, viños que conservados nas condicións debidas aguantan perfectamente entre tres e catro anos en botella sen perder absolutamente nada das súas calidades.

Vinte e seis adegas acollidas á Denominación de Orixe foron as encargadas de presentar máis de sesenta marcas de brancos, tintos e tintos madurados en barrica mediante degustacións comentadas polos propios adegueiros.

Con esta presentación pública, o D.O. Valdeorras quixo dar a coñecer na capital de Galicia os viños desta comarca do nordeste da provincia de Ourense, que programa realizar unha segunda presentación da colleita o próximo mes de xuño en Vigo.