sábado, 24 de diciembre de 2011

Felices Festas!!


Consello Regulador DO Valdeorras, Adegueiros e todo o equipo de A nai do viño, deséxanvos unhas felices festas.

viernes, 23 de diciembre de 2011

Ouro e prata internacionais para os Godellos de A Coroa


O Godello de Valdeorras, materializado na Coroa e A Coroa Leas, recibe o prestixioso reconocimieto internacional do " International Wine Challenge Catavinum 2012 " por medio de senllas medallas de prata e ouro.

Unha vez máis os godellos de Valdeorras fanse acredores dun merecido recoñecemento internacional, o " International Wine Challenge Catavinum 2012", por medio dunha medalla de prata e outra de ouro que seguen mostrando a aposta e predilección do público internacional pola variedade valdeorresa.

Na edición 2012 do "International Wine Challenge Catavinum" tomaron parte 2057 viños de todas as rexións do planeta, dos que só 599 conseguiron facerse acredores do recoñecemento que outorga a organización. Por todo iso, o gran traballo realizado pola adega A Coroa obtén un novo, importante e máis que merecido recoñecemento ao seu gran labor en "prol" da calidade do Godello.

A Coroa Leas (medalla de Ouro) e A Coroa (medalla de prata) suman un novo galardón ás súas vitrinas, que xunto aos 91 puntos outorgados por Robert Parker á adega en xullo, fala ás claras da gran calidade e prestixio internacional que caracteriza aos viños DO Valdeorras.

Por todo elo, dende a nai do viño propómosvos que estas festas gocedes nas vosas mesas da calidade, honestidade e saber facer que encerran os viños DO Valdeorras e que, día tras día, son selo de prestixo nas máis importantes mesas internacionais.



jueves, 15 de diciembre de 2011

OS VIÑOS DA D.O. VALDEORRAS E O GRUPO GASTRONÓMICO NOVE ESTREAN UNHA MARIDAXE "DE CINEMA"

Foto: David A Panizo
Os viños da DO Valdeorras e a cociña galega de vangarda de Grupo Nove únense baixo a mesma bandeira para presentar internacionalmente as excelencias da gastronomía de Galicia.

A exaltación e recoñecemento internacional dos viños amparados baixo o selo de calidade DO Valdeorras e a cociña galega de vangarda representada polo prolífico Grupo Nove, únense nunha promoción conxunta das súas excelencias que remarcan a firmeza da revolución enolóxico-gastronómica do século XXI en Galicia.

A través dunha maridaxe perfecta, e por medio de tres vídeos que poderedes gozar na páxina do Consello Regulador DO Valdeorras ao longo de 2012 e baixo o nome de "Un universo en cada prato"; o mellor da cociña galega de vangarda representada por Grupo Nove, tal e como acreditan as 7 estrelas Michelin que se reparten entre os seus 20 membros dun total de nove estrelas outorgadas á cociña galega, únense ao auxe internacional dos viños DO Valdeorras para dar a coñecer o selo de incomparable calidade de Galicia que namorou a propios e estraños de todos os recunchos do mundo.

A adecuación de valores de ambas partes fundaméntase na adaptación das súas creacións aos novos tempos, sempre baixo o amparo fundamental de manter a herdanza tradicional e a gran calidade dos produtos de Galicia.

O acto de presentación do primeiro dos vídeos, celebrado hoxe en Valdeorras e ao que acudiron representantes do grupo gastronómico provenientes das 4 provincias galegas, serviu para dar o punto de partida a unha das máis importantes campañas de promoción enolóxico-gastronómicas da comunidade.

Por medio desta iniciativa preténdese achegar a todos os públicos a posibilidade de gozar dos pratos máis significativos da nova cociña galega en estreita maridaxe coa gran calidade dos viños de Valdeorras.

Xa sexa na Web do Consello Regulador DO Valdeorras ou na mesa dos restaurantes dos integrantes de Grupo Nove, instámosvos a que gocedes nestas festas da revolución enolóxico-gastronómica da Galicia do século XXI.

Lembrade que poderedes coñecer as receitas para elaborar os pratos na sección de gastronomía do Website da DO Valdeorras.




lunes, 12 de diciembre de 2011

O sector internacional réndese á revolución enóloxica da DO Valdeorras cun aumento de importacións do 93%

 As adegas da Denominación de Orixe case duplicaron as súas exportacións en 2011, respecto ao ano anterior. O volume de 166.469 litros vendido no exterior é un 93 % maior que os 86.196 litros de 2010, segundo os datos que o Consello Regulador logrou recompilar entre os embotelladores. Só o período de 2007, con 209.577 litros, supera a cantidade da última campaña.

En canto ao tipo dos caldos exportados, 106.757 litros foron brancos e 59.712 de tintos. Estas cifras demostran o bo momento da variedade godello, que son as uvas que encabezan as preferencias dos consumidores nas dúas citadas variedades.

O continente americano é o principal mercado das adegas valdeorresas. Cara a él viaxaron 68.643 litros. Máis do dobre, 47.022, son brancos, que atopan no mercado estadounidense un cliente nada despreciable, ao levar 42.262. A Unión Europea, con 42.327 litros, ocupa o segundo lugar na relación de importadores. Os seus compradores mostran unha clara inclinación polo branco, como  demostran os 38.599 litros que adquiriron deste tipo de caldos. No resto de Europa sucede todo o contrario, pois as súas preferencias inclínanse polos tintos, comprando 28.868 litros desta variedade.

Estados Unidos e Suíza, con 49.834 e 31.845 litros, respectivamente, son os maiores importadores. Este dato xustifica plenamente as cidades estranxeiras elixidas polo Consello Regulador para presentar os viños da  Denominación. O pasado 24 de outubro, unha ducia de adegas deron a coñecer os seus caldos en Zúric (Suíza). Cinco meses antes, o 19 de maio, sete embotelladores levaron os seus caldos ao 'Great Match' de Dallas (Estados Unidos).

'Os actos promocionais que organiza o Consello foron programados para os países que reflicten as maiores exportacións e tamén nos que están presentes máis adegas valdeorresas', dixo o presidente do citado Consello Regulador de Valdeorras, José Luís García Pando.

O Consello Regulador remítese a unha combinación favorable de 'calidade, prezo, materia prima e desenrolo' para xustificar o auxe dos viños da Denominación.Unha proba do éxito son os premios e valoracións dos expertos en enoloxía. O último recoñecemento conseguiuno a adega Godeval, polo seu viño de uva godello 'Godeval 2010'. Foi clasificado no posto 71 dos 100 mellores viños do mundo pola prestixiosa revista norteamericana 'Wine Spectator', sendo o único branco español.

'Non é unha sorpresa. Antes xa se nos valorou moi favorablemente', dixo Horacio Fernández Presa, director técnico de Godeval. A adega barquense ten os seus principais mercados en Estados Unidos, Canadá, China, Xapón e Reino Unido, exportando o 40 % dunha produción de 150.000 botellas. Esta porcentaxe supera amplamente o 4 % da produción que a Denominación destina á exportación.

Pola súa banda, a adega ruesa A Coroa sitúase de forma consolidada en Asia obtendo unha máis que destacable medalla de Prata no certame "Mellores viños españois para Asia", celebrado en Hong Kong. Desta forma, o godello de Valdeorras logra un merecido recoñecemento á súa calidade, abanderiado polo traballo que dende hai algúns anos levan realizando algunhas adegas para darse a coñecer nestes novos mercados.

Mentres isto sucede, o compromiso da DO Valdeorras cos seus seguidores faise patente con novos apostas de maridaxes, para que poidades gozar destes mágnificos caldos na súa máxima esencia.








viernes, 2 de diciembre de 2011

Broche de Ouro para os viños de Valdeorras cun godello seleccionado entre os 100 mellores viños do mundo


Wine Spectator situou ao Godello de Valdeorras Godeval 2010 entre os 100 mellores viños do mundo; enxalzándoo no posto 71, como único viño branco español incluído no Top 100 da prestixiosa publicación estadounidense.

Este prestixioso recoñecemento únese ao que recolliamos dende a nai do viño alá por Setembro; onde Wine Spectator outorgaba 90 puntos ao godello de Godeval que se sumaban aos 91 puntos outorgados por Parker en xullo. Pola súa banda, os especialistas galegos de AGASU e GALLAECIA tamén premiaron o gran traballo desta adega, pioneira en recuperar o Godello en Galicia, con senllos recoñecementos que sitúan de forma merecida a aposta de calidade de Godeval.

Os recoñecementos que chegan ás adegas de Valdeorras, tanto do ámbito nacional como internacional, xa non resultan estraños para ninguén. Se Estados Unidos rendeuse á gran calidade do Godello de Valdeorras; agora países como: Inglaterra, Francia, Italia e sobre todo salientar a importancia de Alemaña como importante competidor en brancos, fíxanse en Valdeorras como un exemplo a seguir en aspectos de calidade, prezo, materia prima e desenvolvemento.

A nivel nacional o mercado está a estenderse moito. Importantes rexións como as comunidades de Madrid, Cataluña, Baleares, Levante, A Mancha ou Cantabria, entre outras moitas, supuxeron un incremento máis que considerable na demanda e consecuente consumo dos viños de Valdeorras por toda España.

Con todo iso, queremos felicitar aos adegueiros de Godeval, extendendo a nosa felicitación e agradecemento a todas as adegas valdeorresas, por todo o empeño que poñen no arduo traballo de elaborar uns dos mellores viños do mundo, sempre fundamentados na honestidade do gran labor de crear uns caldos que son fiel reflexo das súas xentes e a súa terra.