viernes, 28 de enero de 2011

Adegas Sampayolo saca ao mercado un novo viño 100% garnacha

Adegas Sampayolo lanza ao mercado un novo e exclusivo monovarietal de Garnacha 

"Garnacha vella dá chaira do Ramiriño" é o nome do novo viño desta pequena adega da D.O. Valdeorras. Un viño elaborado con uvas de cepas centenarias de garnacha de moi pouco rendemento (2 kgs como máximo por cepa) o que permitiu lograr un viño de intenso aroma, cor e sabor.

Un viño escaso, do que só se elaboran 700 botellas , no que predominan aromas de froitos vermellos, marcada mineralidade e un paso de boca longo, persistente e ben estruturado onde a integración da madeira (6 meses en barrica) e a froita convérteo nunha pequena obra de arte.



jueves, 27 de enero de 2011

A D.O. Valdeorras confirma a súa asistencia a Xantar 2011

A XII edición do Salón da Gastronomía e turismo de Galicia, que se celebrará en Expourense entre o 2 e o 6 de febreiro, contará coa participación da D.O. Valdeorras.

O máis importante salón gastronómico e turístico da comunidade galega adicará especial énfase na súa XII edición ó Camiño de Santiago e ó Entroido, como eventos de importante carácter gastronómico e turístico na península.  Este punto de encontro reunirá un ano máis a profesionais do sector con público de todo España e parte de Portugal; aos que transmitirá por parte de conferencias, degustacións e talleres didácticos o bo facer gastronómico da Comunidade Galega e do país convidado este ano, Francia.

Neste ámbito de exaltación do sector, non podía faltar a D.O. Valdeorras como selo identificador de Galicia en moitos recunchos do mundo. Así, confírmase a inclusión dunha caseta onde todos os asistentes que o desexen poderán degustar a calidade dalgúns dos máis significativos caldos valdeorreses. 



martes, 25 de enero de 2011

Jay Miller, integrante do equipo do Wine geek Robert Parker, celebra hoxe en Madrid unha cata na que será protagonista un Godelllo da D.O. Valdeorras

Jay Miller, encargado de facer a selección de viños en España para a famosa lista "the Wine Advocate" de Robert Parker; realizará unha cata en Madrid, nun acto correspondente ao certame gastronómico Madrid  fusión, na que os protagonistas serán un Godello de Valdeorras e un Mencía da Ribeira Sacra.

Desde hai algúns anos e ante a inxente cantidade de viños que o famoso Wine geek Robert Parker valora para elaborar a súa lista, este entendido decidiu repartir o seu traballo entre un grupo de especialistas do mundo do viño; creando, desta forma, un equipo que poida dar resposta á crecente produción vinícola a nivel Mundial. É aquí onde se encadra a Jay Miller como o encargado de elaborar a lista de viños españois que entrarán a formar parte da valoración que ano tras ano publica "the wine Advocate".

Miller foi durante moitos anos o gran difusor da calidade dos caldos elaborados polas diversas  D.O. galegas, abrindo a moitas adegas as portas de diversidade de países, entre os que destaca todo Norteamérica. Na súa colaboración con Madrid Fusión, este entendido, decidiu seleccionar dous caldos galegos entre os que se atopa un Godello da adega Rafael Palacios. Este recoñecemento súmase aos últimos recolleitos por esta adega ruésa como galardón ao gran traballo que se está realizando na  elaboración duns caldos internacionalmente recoñecidos.



viernes, 21 de enero de 2011

Outro novo recoñecemento para unha adega da D.O. Valdeorras

A Asociación Española de Xornalistas e Escritores do Viño enxalzou á adega valdeorresa Rafael Palacios; outorgando o primeiro premio, na categoría de brancos con crianza, ao seu viño "As Sortes 2009".

Os membros da Asociación Española de Xornalistas e Escritores do Viño (AEPEV) elixiron como cada ano os Mellores Viños e Espirituosos de España nunha votación a dobre volta na que tomaron parte o 72% dos seus membros e na que tiveron que decidir entre as 393 marcas propostas na primeira fase do concurso.
    
Nun ano prolifero en recoñecementos para a D.O. Valdeorras, de novo a adega Rafael Palacios consegue alzarse cun primeiro premio outorgado por un recoñecido xurado en España. Desde a nai do viño convidámoste a que degustedes  este caldo, e os multiples que Valdeorras ofrece, este fin de semana en "A feira do Botelo". Todo un espectáculo gastronómico para os padais máis esixentes.




jueves, 20 de enero de 2011

Valdeorras espérate para un gran fin de semana gastronómico

Foto: La Región

O embutido rei da gastronomía valdeorresa vístese de gala para ofrecerse a modo de degustación este fin de semana en O Barco.

Este fin de semana terá lugar na vila Valdeorresa de O Barco, a popular "Feira do Botelo", que ano tras ano recibe preto dun milleiro de persoas de todas partes da península e o norte de Portugal.

Esta tradición popular, que goza de gran aceptación no marco gastronómico do norte penínsular, verase este ano reforzada  polos bares e restaurantes inscritos na 'I Ruta de Petiscos' de O Barco que aproveitarán a "Feira do Botelo" para promocionar este valorado produto acompañado dos sempre exquisitos viños da zona. Se aínda non tes plan para este fin de semana, desde a nai do viño instámosche a que valores esta opción, non te arrepentirás, garantido.



miércoles, 19 de enero de 2011

O viño tostado de Valdeorras, un tesouro gardado desde xeracións

foto: Rosa Veiga

Mentres o Consello Regulador  tenta recuperar a produción masiva  desta variedade para a súa comercialización a base de uva garnacha, a tradición secular dos tostados elaborados a base de godello, soubo pervivir nas viñas e adegas dalgúns particulares.

A terra e a calidade das uvas augúrannos uns futuros tostados de Valdeorras de gran calidade, equiparables aos Tokaji húngaros ou os máis próximos Oportos portuguesés.  Todo iso referendado pola calidade, tradición e fama que estes caldos tiñan no pasado en terras Valdeorresas. Alá por 1900  xa recibiron notorio prestixio e gran aceptación na Exposición Universal de París.  

A día de hoxe, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, de man da súa dirección técnica seleccionou a variedade garnacha como a adecuada e prolífera para a recuperación destes caldos; aínda que, o xerme foi gardado con coidado e mimo dentro das adegas de poucos particulares, que mantiveron a tradición na elaboración destes valoradísimos brebaxes coa variedade autóctona Godello.





martes, 18 de enero de 2011

A exportación vinícola, unha aposta ante a actual situación económica

Gráfico: vinogallego.com

A fortaleza deste sector e a gran reputación que se outorga aos caldos galegos no estranxeiro, propician que a administración autonómica, por medio da Consellería de medio rural, outorgue axudas que roldan o millón de euros en concepto de promoción internacional.

Por medio desta campaña, que terá unha duración de tres anos e que estará financiada polo  Fondo  europeo agrícola de garantías (FEAGA), preténdese incrementar o fluxo comunicativo sobre os viños galegos en terceiros países; ampliando, á súa vez, a comercialización dos mesmos a través de programas promocionais que terán unha duración de tres anos  por beneficiario e país.

Desta forma valórase a apreciada industria vinícola galega no exterior como unha resposta ante a actual situación económica, procurando non deixar da man a "fráxil" fortaleza  que a día de hoxe posúen os caldos galegos no exterior; xa que, de non promocionarse, os grandes recoñecementos e valoracións  poderían chegar a volatilizarse.



miércoles, 12 de enero de 2011

Valdeorras prepárase para a X edición da feira do "botelo"

fonte do artigo: Berenguela

O Concello do Barco de Valdeorras pon á venda as entradas para a Festa do Botelo o xoves día 13 de xaneiro. 

A exaltación deste delicioso embutido celebrará a súa décima edición o 23 de xaneiro. A corporación municipal decidiu manter o prezo da entrada, que seguirá custando 13 euros. Os tickets poden retirarse na conserxería do Conservatorio de Música, de luns a venres e de 16 a 21 horas.

A degustación do embutido rei da gastronomía barquense terá lugar a partir das 14.30h no Pavillón Municipal de Calabagueiros e está prevista a participación de máis de 800 persoas. Dúas horas antes dará comezo o acto de entrega das Mencións de Honra e o Pregón no salón de actos do IES Martaguisela.

O pregón será lido polo xornalista e escritor Carlos Santos Gurriarán, oriúndo da comarca; e a nota musical, neste acto previo ao xantar, será posta polo cantautor Anxo Rei e o guitarrista Jorge Fernández Ojea, un dúo de talentos musicais valdeorreses para amenizar o preludio da X Festa do Botelo.




martes, 11 de enero de 2011

O MARM publicou hoxe o calendario oficial de concursos de viño para o 2011

O ministerio de medio Ambiente e Medio Rural e Mariño (MARM) publicou hoxe no Boletín Oficial  do Estado (BOE) o calendario dos concursos oficiais de viño en España para este ano.

A día de hoxe publicouse o calendario de concursos oficiais de viños 2011, que se resume nun conxunto de certames relativos ao mundo do viño que son organizados polo Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, as diversas D.O. españolas, os Gobernos autonómicos, Consellos Reguladores, etc.

Neste documento detállanse os eventos enolóxicos, convocantes, lugares, datas e os premios que se outorgan en cada un dos múltiples concursos que se celebran durante o ano.

Para os amantes do mundo do viño que desexedes asistir aos eventos, deixámosvos unha ligazón á publicación oficial para que consultedes e planifiquedes a vosa asistencia a estes actos oficiais imprescindibles para os máis incondicionais.



lunes, 10 de enero de 2011

Os petiscos e os viños de Valdeorras vencen á climatoloxía en O Barco

Foto: La Región

Coa iniciativa "O Barco vai de viños - I Ruta de Petiscos", que tivo unha gran acollida entre os participantes, téntase recuperar a tradición polos viños acompañados de petiscos na vila Valdeorresa.

Este fin de semana no que daba comezo a actividade, e que se prolongará até o 22 de xaneiro, cando se clausurará co broche de ouro da festa do Botelo; recibiu unha boa acollida entre o gran público, que fixo fronte ás inclemencias meteorolóxicas para gozar dos manxares que ofrece a rica gastronomía desta terra.

A  trintena de locais que participan na actividade, non desexan marcarse iniciativas previas e prefiren centrar os seus esforzos en recuperar a tradición de "saír de petiscos" sempre acompañados por un bo viño de Valdeorras. Dende o equipo da nai do viño, apoiamos esta iniciativa e convidámosvos a compartir as vosas fotos con esta gran familia, enviándoas a: lamadredelvino@dovaldeorras.tv . Ademais gustaríanos que nos contasedes que vos parece esta iniciativa e se desexaríades que se mantivese durante o resto de meses do ano, deixa o teu comentario neste artigo.



martes, 4 de enero de 2011

O Barco inaugura a súa ruta de Petiscos e viños

Desde este fin de semana e até o 22 de Xaneiro, data que coincide coa Festa do Botelo, trinta establecementos de O Barco promocionarán a súa ruta de Petiscos e viños.

26 Bares e cafetarías e 4 restaurantes promocionan nestes primeiros días de 2011 a recuperada ruta de petiscos e viños na vila Valdeorresa. Con esta iniciativa, onde os que o desexen poderán gozar dos viños da rexión en compañía de petiscos tradicionais e innovacións culinarias, ábrese unha oferta gastronómica para os oriúndos e para os visitantes da zona. 

Desde a típica tortilla, até o puré con zorza e ovo, pasando polo afamado botelo, as fabas con ameixas, tosta de chacina con queixo, brocheta de polbo, cotofello, boliños preñados e filloas recheas entre outros; os cociñeiros destes bares, restaurantes e cafetarías porán todo o seu empeño para satisfacer aos padais máis esixentes sempre a prezos máis que recomendables.

Para facilitar a localización dos locais, e á súa vez ofrecer unha ruta na que se poidan degustar todos estes manxares, a organización porá a disposición de quen o desexe centos de planos para non perderse esta magnífica iniciativa.


lunes, 3 de enero de 2011

Celebrando o 2011. Feliz ano familia!

Que teñamos un bó ano de catro estacións climáticamente equilibradas,
onde a terra, a atmósfera e a viña celebren a máis perfecta das maridaxes…

Facendo referencia a que, un ano máis, neste 2011 que comeza, A Nai do Viño estará convosco celebrando, informando, estreando e compartindo todo un universo de novidades
relacionadas con Valedoras e os seus Caldos, entorno a unha das culturas máis plurais e variadas que existen no mundo: a cultura do viño.  

Nese senso estreámonos lembrando o que xa adiantamos, de xeito que os videos da Homepage ou páxina de Inicio que formaban parte das Novidades 2010, atópanse agora á disposición dos Internautas nas diferentes páxinas que se corresponden cos seus títulos referenciais:
Así, a presentación de Nova York atópase nas Noticias do Consello Regulador, o desecenso do río Sil e os Escultores de tremiñan en Festas e artesanía,
e a Poda, Inxerto e Vinificación na páxina do Ciclo do Viño, correspondente á Denominación de Orixe.