lunes, 29 de julio de 2013

Os viños DO Valdeorras soan con forza no mercado asiático.


Xapón e Malaisia son dous países que apostan en firme polos viños valdeorresés.

Cun mercado vinícola nacional en claro declive, a excelencia dos viños DO Valdeorras aséntase en novos e poderosos mercados exteriores, apuntándose excelentes valoracións para a súa calidade e exclusividade.

Así,  importantes mercados como o xaponés recibiron en 2012 unha cantidade próxima  aos 6.800 litros de branco e  1000 de tinto. Tamén Malaisia recibiu unha potente suma de viño DO Valdeorras con cifras que roldan os 2000 litros.

A presenza nestes mercados non é baladí, xa que os actos promocionais das adegas souberon apostar por mercados seguros e que saben valorar a exclusividade dos godellos e mencía valdeorreses ao seu xusto prezo, mantendo, á súa vez, menores importacións a mercados volátiles como o caso do chinés.

Presentación do Consello Regulador DO Valdeorras en Xapón - 2013
Así se desprendeu das palabras do presidente do Consello Regulador DO Valdeorras en referencia á guerra de mercados entre China e Europa que mantén en albas as importacións vinícolas da Unión: "A situación está fóra do mundo do viño, pero salpícanos claramente. Son guerras comerciais".

Tras esta problemática, xa foron algunhas adegas as que se decantaron por manterse á expectativa e, segundo palabras do presidente da Cooperativa Jesús Nazareno - adega que acaba de asinar un importante acordo de exportación con Brasil-, Manuel Fernández Pérez di: "Dende China querían entre 200.000 e 300.000 botellas de Mencía, pero rexeitámolo por que o prezo ofrecido era inferior a dous euros".

A pesar diso, espéranse que as "cuitas arancelarias" entre ambos os mercados se diriman coa maior prema e China poida seguir optando á calidade dos viños DO Valdeorras, xa que continua sendo un dos mercados vinícolas máis en boga e con maiores perspectivas de crecemento.

Visita comercial do importador James King a adega O Cepado - DO Valdeorras
Mentres o tema  se soluciona, a aposta de calidade dos viños amparados baixo o selo DO Valdeorras non deixan de traballar na súa conquista de novos mercados exteriores, feito que se ratifica co incremento de cifras de exportación en 2012 e que se cuantifican en 250.000 litros de branco e 40.000 de tinto, como suma aproximada ao montante total das operacións.

Desta maneira e como froito de primeiros contactos, emerxentes mercados vinícolas como o Texano comezaron a enviar emisarios comerciais a terras valdeorresas no firme afán de fortalecer futuras relacións entre un dos estados norteamericanos que máis se está afianzando e a calidade e exclusividade das elaboracións DO Valdeorras.


Neste marco e a próxima semana, desde a nai do viño presentarémosvos máis novidades referentes aos viños DO Valdeorras en Texas e onde podedes atopalos.