martes, 7 de febrero de 2012

A DO Valdeorras e o audiovisual galego confraternizan en Xantar 2012 da man de Ignacio Villar, Rubén Riós e Xoel Yáñez

Con motivo da participación do Consello Regulador DO Valdeorras no XIII Salón de Turismo e Gastronomía de Galicia, "Xantar"; e de entre as múltiples visitas recibidas pola Caseta do devandito organismo, dende a nai do viño gratificanos compartir a presenza e interese mostrados por parte da nova onda do audiovisual galego, personificada na imaxe do director Ignacio Villar e nas emerxentes figuras da interpretación española Rubén Riós e Xoel Yáñez.

De entre as múltiples actividades nas que participou a representación da DO Valdeorras en "Xantar"; talvez, unha das máis gratas resulta a de dar cumprido recibimento e atención á multitude de persoas que se achegan á Caseta da DO para gozar ou descubrir uns dos viños máis de moda no panorama internacional do Sector.

Nun marco de singular confraternización con multitude de públicos, que para os integrantes da DO é fonte dun máis que sincero agradecemento, destácase a presenza de sobresaintes figuras do audiovisual galego en aras da promoción e a internacionalización da cultura desta terra.

Por iso, dende a DO, mostran o seu agradecemento á visita do destacado director valdeorrés Ignacio Villar, que se presentou en compañía de dúas novas promesas do audiovisual galego e nacional: Rubén Riós e Xoel Yáñez. Todos eles atopánse inmersos nun novo e ambicioso proxecto cinematográfico que presentará, nunha rupturista historia do pasado, a máis rabiosa actualidade social do momento dentro da interesante obra recollida baixo o título: "Vilamor".

"Vilamor", mergúllanos dentro dunha historia baseada en feitos reais acaecida nas montañas luguesas de "O Foxo", a principios dos anos 70. Neste marco, nárrase a historia de Breixo, un mozo altruísta cheo de boas intencións que se topa cos habitantes dunha comuna aparecida  nas inmediacións da súa aldea.  A pesar da súa proximidade ás forzas vivas do pobo, Breixo déixase seducir polo ideal dun estilo de vida alternativo, axudando aos novos comuneiros a recuperar a aldea perdida de Vilamor. Sen propiedade privada, traballando a terra e en total comuñón coa natureza, o soño comeza a facerse realidade a pesar dos constantes ataques das autoridades locais. O horizonte dun mundo novo parece debuxarse nas montañas perdidas de Galicia ata que: o amor libre, as drogas e o ateísmo absoluto mostran a súa cara máis desgarradora dentro dos íntimos ideais socializadores do protagonista.

Desde A nai do viño e a DO Valdeorras instámosvos a non perdervos este xenial filme, do que se espera a súa estrea en maio de 2012; agradecendo a Ignacio, Rubén e Xoel  a visita á Caseta do Consello Regulador para compartir "A revolución enolóxica do Século XXI" amparada baixo o selo de calidade DO Valdeorras.

E para ir abrindo boca ... aquí vos deixamos unhas imaxes do Making of de "Vilamor".