martes, 4 de diciembre de 2012

Adegas Godeval investiga novas formas de optimizar a elaboración do Godello

Fonte info: Adegas Godeval

A adega valdeorresa Godeval empezou este ano un novo traballo de I+D -en colaboración coa Estación Enológica de Galicia para explorar novas formas de elaboración de viño coa uva de Godello.

 O proxecto recibe o nome de "Estudo de diferentes tempos de criomaceración para a mellora da elaboración do viño godello" e será presentado o próximo día 10 de decembro na sede da adega na localidade barquense de Xagoaza. Ademais do proxecto tamén se achegarán algúns dos resultados da fase inicial e completaranse cos que ofrezan varios catadores nun panel de cata previo á presentación do próximo luns. 

Todo o estudo atópase nunha fase inicial e o seu obxectivo é lograr determinar cal é o tempo óptimo de maceración a baixas temperaturas para extraer as mellores calidades da variedade godello. O proxecto terá unha duración de tres anos. 

A adega busca unha vez máis fusionar a tradición do coidado das viñas e a investigación na elaboración de viños para lograr a maior expresividade da variedade godello. Unha uva que empezou a recuperarse nos anos 80 co proxecto Revival (reestruturación de viñedos de Valdeorras) posto en marcha desde a Axencia de Extensión Agraria e que hoxe en día está a despuntar como unha variedade de gran potencial. Adegas Godeval xurdiu por mor daquel proxecto e hoxe continúa explorando novas formas de elaborar viños coa variedade godello.

 Desde a adega indican que a recuperación se fixo a través da investigación e o futuro continúa con proxectos de I+D no que pon toda a súa experiencia e dedicación. 

A cita da presentación deste proxecto será o vindeiro luns, 10 de decembro ás 14,00 horas na sede da adega na localidade barquense de Xagoaza. Aproveitarán o acto para presentar a nova adega a todos os asistentes e explicarlles o proceso de produción dos seus viños.

INFORMACIÓN COMPLEMENTARIA 

Criomaceración: Maceración dos mostos co hollejo da uva a baixas temperaturas (8-10º). 

Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega): Centro da Consellería de Medio Rural dedicado á investigación, asesoramento e información relacionado co mundo da viticultura e enoloxía. Situado no concello ourensán de Leiro está en funcionamento desde o ano 1987. Os últimos proxectos nos que están a traballar son: selección clonal de variedades galegas, produción de viño espumoso en Rías Baixas e o efecto da tensión hídrico no viñedo. 


Adegas Godeval nace en 1986 a raíz do Programa Revival (Reestruturación Viñedos Valdeorras) dedicado á recuperación da variedade godello en Valdeorras. Godeval aposta desde a súa orixe polos viños monovarietales de godello coidando a uva desde a súa orixe na viña até o seu embotellado. 

Actualmente nas súas novas e modernas instalacións comercializa 120.000 botellas anuais coas marcas Godeval e Godeval Cepas Vellas. Viños que elabora con 17 Ha de viñedo propio plantado nos concellos de O Barco e Vilamartín de Valdeorras, en chans de lousa situados nas ladeiras do val do río Sil.