Mentres a Caseta do Consello Regulador DO Valdeorras recibiu multitude de visitas na Feira Xantar 2013, desde a directiva deste organismo xa se preparan as próximas actividades promocionais que levarán aos viños DO Valdeorras a visitar Suíza e Xapón.
Unha vez concluída a Feira Gastronómica de Galicia, Xantar 2013, que se desenvolveu entre gran expectación e visitas á Caseta do Consello Regulador DO Valdeorras; este organismo porá en marcha a seguir unha serie de preparativos para comezar unha xira promocional, que levará aos viños desta DO a importantes mercados internacionais como o suízo e o xaponés.
![]() |
Caseta do Consello Regulador DO Valdeorras en Xantar |
Xantar, que pechaba o domingo as súas portas, desenvolveu as súas actividades entre unha gran expectación que recaeu, de forma especial, sobre os viños DO Valdeorras. Desta forma, a comitiva estranxeira invitada á Feira, este ano Perú, puido gozar e valorar de primeira man dos viños DO Valdeorras.
![]() |
Comitiva do Perú desfrutando dos viños DO Valdeorras |
Neste ambiente con marcada tinguidura internacional, o punto de partida das próximas presentacións iniciarase en terras helvéticas o 18 de Abril, no hotel METROPOL de Zúric.
Ao acto, ao que acudirán algunhas das adegas máis destacadas da DO e das que vos daremos cumprida información en próximas crónicas, reunirá á flor e nata do sector profesional da rexión centroeuropea, e servirá como importante complemento ás exitosas presentacións realizadas neste país en anos anteriores.
Unha vez culminada a cita co sector especializado Suízo, o Consello Regulador marcará a súa próxima cita en FENAVIN - do 7 ao 9 de Maio - onde, desde a Caseta propia do organismo, farase cumprida representación dun diverso número de adegas.
Foto: EFE ARQUIVO / Frack Robichon
Esta feira abrirá paso á gran cita de Xapón: VINALITUR, que se celebrará os próximos 13 e 14 de Maio en Tokio.
Nesta feira, o Consello Regulador DO Valdeorras actuará en representación de 7 adegas cos seus viños, e porase a disposición, a través da nai do viño, dunha serie de invitacións para todos aqueles que desexen asistir.
A través destes actos, dos que vos iremos dando cumprida conta ao longo das próximas semanas, iniciarase a primeira serie de actos promocionais que o Consello Regulador ten programados para 2013 e, a través dos cales, preténdese reforzar o prestixio internacional do que se fixeron acredores os viños DO Valdeorras no panorama vinícola internacional.