viernes, 5 de julio de 2013

A Coroa, Ruchel e D´Berna gañadores do Ouro, Prata e Bronce, respectivemente, nos premios Acio 2013


Un ano máis a Consellería de Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia concede as súas distincións que identifican aos mellores viños e destilados de Galicia, onde os caldos DO Valdeorras seguen brillando con luz propia.

Desta forma e dentro dos viños galardoados na Denominación de Orixe Valdeorras, Godello A Coroa 2012 levouse o Ouro, Ruchel Mencía 2012 a Prata e D´Berna o Bronce. Ademais, outorgouse diploma a Joaquín Rebolledo Mencía 2012, Godeval Godello 2012 e Viña de Fornos Godello 2012. 

No marco da calidade incomparable dos viños galegos e dentro do prestixio internacional dos DO Valdeorras, os Godellos e Mencías das terras valdeorresas seguen compartindo o carácter e a índole que os caracteriza ano tras ano. Así, na edición 2013 da Cata de Viños, Destilados e Licores Tradicionais de Galicia volveuse a premiar o traballo dos adegueiros a través dos seguintes galardóns:

Acio de Ouro para A Coroa Godello 2012


Adega A Coroa segue coa súa evolución en canto a recoñecementos, logrando este ano o Acio de Ouro e tras lograr a Prata na pasada edición do certame. Este feito referenda o traballo dunha das adegas con maior proxección internacional da DO, xa que máis do 50 % da súa produción comercializase en importantes mercados internacionais coma o estadounidense, xaponés, centroeuropeo, escandinavo e británico, entre outros. 

Tras unha colleita 2011 que se fixo acredora de importantes premios e grandes recoñecementos internacionais ( Best wine - The New York Times Selection - Cata a cegas; Medalla de Ouro - Selección Mundial de Viños de Canadá; Medalla de Ouro - Concurso Internacional de Viños de Lyon; Medalla de Prata - Mellores Viños españois para EE UU; Gran Mesquita de Ouro - Premios Mesquita 2012; Gran Ouro - Guía de Viños de Galicia; Distinción Gallaecia 2012 e Bacchus de prata 2012 - Outorgado pola Unión Española de Catadores, ademais de gañar por segundo ano consecutivo o Tender de Monopolio Sueco), a colleita 2012 pretende seguir a mesma liña dando un importante paso no seu posicionamento nacional con este Acio de Ouro. 

Godello A Coroa 2012 presenta as seguintes notas de Cata: Cores atrevidas e frescas cargadas de luz e brillos que evocan o xardín primaveral de flores de folla verde con plantas vivaces de cor amarelo claro.

En nariz aparecen notas cálidas con recordos refrescantes e doces como a flor de sauco, xasmín e céspede que se funden con froita recentemente cortada como a pera, mazá e mango,  cun final cítrico moi refrescante.

En boca entra con garra, frescura e vivacidade, combinando todo iso coa calidez necesaria para lograr un excepcional equilibrio. É estruturado e potente. Aparecen recordos de zumes cítricos-  especialmente pomelo co seu moi sutil amargor - que fan que o seu postgusto sexa longo, delicado e moi elegante.






 Acio de Prata para Ruchel  Mencía 2012 


 Adegas Ruchel logra co seu mencía o máis alto recoñecemento para os tintos DO Valdeorras na edición deste ano. 

O traballo da adega segue a liña evolutiva conseguida en 2010 co seu Godello, seleccionado mellor branco de Galicia 2011, referendando o gran desenvolvemento dos tintos DO Valdeorras nos últimos anos. 

A adega, que destaca por unha máis que notable presenza internacional e un gran coidado da súa cadea de distribución, foi unha das pioneiras en asentarse no mercado brasileiro e os seus viños comercialízanse baixo o amparo de prestixioso selo "Galicia Calidade".

As notas de cata de Ruchel Mencía 2012 son as seguintes: De cor vermella cereixa, de mediana capa, brillante. Caracterízase por unha  intensidade media, sobresaíndo pola súa nitidez varietal onde destacan os tons propios da variedade Mencía.

En boca preséntase suave, gustoso e sutil,  cun equilibrio armónico que chega a rozar unha excepcional  redondez onde o grao, por non ser excesivo, actúa como un interesante factor que o dota dun coidado equilibrio.







 Acio de Bronce para D´Berna Godello 2012



Adega D´ Berna, caracterizada por uns viños con gran vocación internacional, entra no ranking dos viños galegos máis laureados obtendo un máis que notable Acio de Bronce para o seu Godello xove 2012. 

Cunha idiosincrasia marcada por unha afinidade á contorna natural de Valdeorras, os produtores de D´Berna souberon extrapolar dita liña aos seus caldos, axuntando nunha tradición familiar que se remonta ao século pasado, a máis recente innovación e, nesta confluencia de factores, dotando aos seus viños dun selo de característico prestixio, marca inconfundible dos Adegueiros DO Valdeorras.

A peculiaridade dos seus caldos, asentados nas ladeiras de Córgomo e cunha excepcional orientación xeográfica, conxúgase cunhas plantas de idade madura e unha mineralidad de chan moi característica, o que se traduce nuns apreciados viños dunha interesante exclusividade.

Así se presentan as notas de Cata de D´Berna Godello 2012: Dotado de cor Amarela pálido, case transparente. Luminoso e brillante. 

En nariz aparecen notas de melón e mazá, xunto a tons de mel e limón. Notas minerais de fondo.

En boca é froiteiro, de tacto sedoso, con recordos de froita branca madura, sutil dulzor, tons herbáceos e característica sensación de lousa. Paso untuoso, fresco e froiteiro, con final lixeiro e elegante.






Con iso, ofrecémosvos a posibilidade de que os probedes "in situ" visitando a próxima Feira do Viño DO Valdeorras os días 13 e 14 de Xullo, na Rúa de Valdeorras. Ademais de gozar dos apreciados caldos valdeorreses, poderedes complementar a vosa visita cun amplo elenco de actividades que, a recado, farán as delicias de todos os públicos.

Agardámosvos !!!