Mostrando entradas con la etiqueta #comparte1valdeorras. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta #comparte1valdeorras. Mostrar todas las entradas

lunes, 28 de octubre de 2013

Os viños DO Valdeorras pechan o ano creando unha grande repercusión internacional



O éxito da presentación en San Sebastián Gastronomika, a visita dende Mendoza (Arxentina) do xornalista José Bahamonde, as grandes cualificacións do estadounidense Stephen Tanzer e a repercusión do Salón dos Mellores Viños de España, engrandecen a emerxente figura dos viños DO Vadaldeorras a nivel Internacional.

Grandes expectativas para os viños DO Valdeorras que pechan outubro de 2013 coa promesa dunha colleita de gran calidade e, en adicción,  completan estes datos cunha  excepcional tirada de prestixio a nivel internacional en diferentes eventos nos que a DO tomou parte. 

Se ao datos referentes das cualificacións de grandes Gurús do Viño (véxase: José Peñín e Stephen Tanzer) sumamos os éxitos de San Sebastián Gastronomika e a visita do reputado xornalista arxentino José Bahamonde, atopámonos coa realidade cotiá duns viños que están á vangarda dos máis prestixiosos padais a nivel internacional.

Así e para dar cumprida información dos datos a este respecto, ampliámosvos a información referente á a recepción de José Bahamonde en Valdeorras e a posterior visita do Consello Regulador a San Sebastián .

Recepción a José Bahamonde en Valdeorras



Como vimos contando, a DO Valdeorras non cella no seu "depertar de intereses" a nivel internacional e, esta vez, foi na ilustre figura do reputado xornalista, fotógrafo, poeta, deseñador e viaxeiro José Bahamonde.

A personalidade polifacética de "Jose" toma forma a través do seu programa de radio "In Vino Veritas", que non só ilustra ao pobo arxentino na internacional cultura vinícola, se non que, dende unha dos berces da viticultura internacional como é Mendoza  en Arxentina, marca tendencia en toda Sudamérica e países de fala hispana.

Talvez e para os neófitos na materia, parte do referendo internacional vén da man dun dos seus colaboradores, Alejandro Vigil, quen é considerado unha das persoas máis influentes no mundo do viño segundo a Decanter Power List 2013, lista que edita a homónima publicación británica Decanter.

Previas conversacións de "@elJosedelaGente"  á súa visita á DO Valdeorras, celebrada o pasado 3 de outubro, este comunicador facía patente a súa declaración de intencións a través das seguintes palabras "Valdeorras é para min o punto máis importante nesta visita a España e Portugal. Como embaixador do viño, desconten que levarei a vosa mensaxe ao mundo".

Con iso, foi recibido por Jorge Mazaira, director técnico do Consello Regulador DO Valdeorras, quen actuou de mestre de cerimonias e gran anfitrión do equipo de "In Vino Veritas".

Foto cortesía: @elJosedelaGente


Segundo nos explicou Jorge, "Foi un auténtico pracer recibir a José Bahamonde e a súa compañía ... Tivo a oportunidade de probar gran cantidade de viños, onde apreciou as pequenas diferenzas entre uns  e outros, destacando o elevado nivel  de todos eles e a diferenciación cos do resto do mundo. Ademais, visitou viñedos e quedou sorprendido da dificultade de cultivo da vide, nada comparable coas extensións de viñedo en Arxentina".

Con isto, o Consello Regulador ofrece o seu máis caloroso agradecemento a Jose e ao equipo de "In Vino Veritas" pola súa visita.  

Aquí tedes a vosa casa amigos !!! 


San Sebastián Gastronomika 2013



Ademais, durante os días 7 a 9 de outubro, déronse cita en San Sebastián as primeiras espadas da cociña nacional e internacional onde, nesta edición da soada cita gastronómica, a cidade convidada foi Londres.

Por alí, ademais dos nacionalmente mediáticos: Juan María Arzak, Joan Roca, Martín Berasategui, Pedro Subinaja, Carlos Arguiñano ou o "Top Cheff" Ángel León (co seu inseparable Alberto Chicote); pasaron tamén reputadas figuras da cociña internacional, a través da presenza de nomes como: Atul Kochlar, Anna Hansen, Chef Peng, Corey Le, David Stamford ... así até unha interminable listaxe dos máis reputados do sector.

Pola súa banda, o Stand do Consello Regulador e nesta ocasión,  foi conformado por representantes das Adegas: Virxen de Galir, Coop. Jesus Nazareno, Adega Avelina SAT. , Adegas Roandi e o propio Consello Regulador, onde había referencias de 10 adegas máis que, por labores de recolección, non puideron asistir. En definitiva, unha aposta clara por parte da DO Valdeorras de achegarse ao publico e aos máis prestixiosos profesionais da restauración internacional.

Na Stand DO Valdeorras déronse cita dende cociñeiros , restauradores , xornalistas e catadores até o máis esixente público que valorou e encumiou, un ano máis, a aposta pola calidade DO Valdeorras.

Foto Cortesía: Adega Avelina
Entre eles, destacar a presenza de Cristina Alcalá,  xornalista especializado no mundo do viño, o Sumiller do laureado restaurante de Kike Dacosta, o Presidente da Asociación de Catadores de Murcia e a ilustre figura  de Sarah Janes Evans , xornalista británica e Master of Wine,  que destacou "o grande aprecio que se procesa polos viños  DO Valdeorras no Reino Unido" e que aconsellou  "a aposta da Denominación de Orixe por este mercado, onde se valora a calidade e págase a exclusividade dos viños DO Valdeorras". 

Toda unha declaración de intencións da que, a recado, tomarán cumprida nota as adegas DO Valdeorras e da que vos iremos informando a través da nai do viño.





martes, 27 de agosto de 2013

O groso da vendima DO Valdeorras estímase para a segunda quincena de setembro



O Consello Regulador DO Valdeorras estima os inicios do groso do período de recolección da colleita 2013 para as derradeiras semanas de setembro, vindo marcado por unha uva de gran calidade pero importante redución de cantidade.

Os factores climatolóxicos dos meses de abril e maio, unidos ás granizadas de xullo e os incendios de agosto, atrasaron considerablemente o inicio dos traballos de recolección en Valdeorras, traendo consigo un decremento considerable da produción en 2013.


Foto: zona afectada por incendio en Valdeorras - Fonte: Faro de Vigo


Fontes do Consello Regulador fálannos dunha cantidade de uva colleitada con tendencia á baixa e con datos difíciles de precisar. A pesar disto, a calidade da uva será optima para a elaboración de caldos e os viños DO Valdeorras seguirán gozando, un ano máis, da fama e prestixio que os caracteriza.

Dende a cúpula directiva do Consello estúdanse,ademais, as solicitudes de axudas para paliar os efectos das extraordinarias condicións meteorolóxicas deste ano, xa que son moitos adegueiros e produtores que viron moi afectados os seus viñedos e, algúns, perderon case a totalidade da produción.


Vendima en Valdeorras - Foto: Rosa Veiga

Por todo isto, exporase nos próximos días a posibilidade de solicitar esta axuda ante  o goberno central, tendo en conta que a situación aprema a facelo, e na firme convicción de apoiar aos máis prexudicados polos danos.







martes, 20 de agosto de 2013

Os viños DO Valdeorras espertan interese en Texas


O incipiente crecemento do Estado norteamericano de Texas non deixa de lado a excelencia dos viños DO Valdeorras e, nunha visita comercial realizada a finais de Xullo, achegou á comarca a importadores e catadores para coñecer "In situ" a calidade dos caldos valdeorreses.

A través dun proxecto impulsado por INORDE e coa firma Go Galicia Worldwide Business como intermediaria, James King, presidente dos catadores texanos e impulsor das importacións de viño galego a este estado, visitou Galicia o pasado mes de xullo facendo parada de rigor na DO Valdeorras.

Desta visita, na que se viu acompañado por Pilar Torres - responsable da organización de "Welcome to Galicia Week" en Houston - e que os levou por todas as denominacións de orixe Galegas, King puido acceder a diferentes adegas valdeorresas, pechando acordos con O Cepado e A Pinguela.

James King visitando viñedo de O Cepado - Foto: Adega O Cepado

Os viños de O Cepado e A Pinguela únense a outras adegas da DO Valdeorras que xa levan varios anos operando  neste mercado. É o caso de A Coroa, Valdesil e Godeval que comercializan as súas anadas nalgúns dos centros vinícolas máis importantes do estado da estrela solitaria.

Así e tras un estudo "In situ" do referente económico do estado, a cidade de Houston, pódense atopar as marcas valdeorresas en "Spec´s", a viñoteca máis importante de Texas, e algúns puntos de venda situados en importantes zonas de primeiro nivel adquisitivo, caso de Woodlands, cidade dormitorio das altas fortunas do estado.


A importancia deste mercado debe ser interpretada na súa xusta medida, xa que, aínda que se albisca como o incipiente motor industrial de Estados Unidos - Industria Médico-Farmaceútica, Industria Petroquímica, disparado índice de crecemento demográfico, o 6º porto máis importante do mundo e a cidade de USA que máis negocio xera segundo a última análise FORBES-, débese entender como un mercado emerxente que, aínda con menor risco de volatilidade que outros exteriores, aínda non asentou ao 100% a cultura do viño nos consumidores potenciais.

Pilar Torres - Frame: Telemiño
A pesar diso, as primeiras iniciativas para materializar este asentamento mostran claras doses de optimismo. Así se desprende das palabras de Pilar Torres concedidas en exclusiva á nai do viño: "Os primeiros achegamentos foron moi positivos. Na cidade de Houston realizáronse varios actos co viño galego como protagonista e a resposta foi impresionante".

Algúns destes actos, como a cata Best Galician Wines ou, sobre todo, Welcome to Galicia Week, son os encargados de dar énfases á introdución do viño galego en Texas.

Entrega de premios Best Galician Wines - Houston 2012
Centrándonos en Welcome to Galicia Week - semana promocional de Galicia en Houston que este ano se celebrará no mes de novembro -, dende a organización , Go Galicia Worldwide Business, póñense altas expectativas promocionais que se estiman corresponderan cunha amplía afluencia de distribuidores, restauradores e público en xeral de todo o estado. Alí,  os asistentes terán a oportunidade de coñecer "in situ" as bondades, calidade e excelencia do produto galego en xeral e algúns dos viños DO Valdeorras máis significativos en particular.    

Desta semana, así como de calquera acto paralelo que poida xurdir en relación ao evento, darémosvos cumprida información dende A nai do viño.






martes, 13 de agosto de 2013

Excepcional acollida ao viño DO Valdeorras en A Coruña onde bateu marca de vendas e asistencia


Os viños DO Valdeorras bateron marca de afluencia e esgotaron existencias a pasada semana na súa presentación da Coruña.

Un envorcado publico coruñés acudiu á chamada dos viños DO Valdeorras na Coruña durante os actos de presentación do seu particular túnel do viño, no cal se presentou a novidade de poder comprar os viños no propio salón.

"A resposta foi impresionante. Superáronse todas as expectivas da organización e esgotáronse as existencias de viño de moitas adegas que houbo que repor até en varias ocasións". Estas eran as palabras dun emocionado Jorge Mazaira - Director Técnico do Consello Regulador DO Valdeorras - quen, ademais de valorar a gran resposta de asistencia, agradeceu a amabilidade e calor das xentes dunha cidade na que, como ben reza o tópico, "ninguén é forasteiro".


Alí, preto de 500 herculinos visitaron o Salón durante os 2 días de celebración. Entre eles non só había profesionais do sector, senon público de a pé que puido gozar e comprar os viños "In situ" e a prezos de adega.

Os viños das adegas foron encomiados por todos os visitantes do salón e as compras dos mesmos foron masivas, por iso e a pesar da gran experiencia que posúe o Consello Regulador en presentacións nacionais e internacionais - Madrid, Barcelona, San Sebastián, Zúric, Tokio, New York, Dallas ... -, houbo varias adegas que tiveron que repor, até en 3 ocasións, toda a súa gama de viños.



Pola súa banda, a empresa organizadora, SERVINO, felicitou á DO Valdeorras pola calidade dos caldos e pola expectación espertada polos mesmos no público coruñés, que superaron  "moi de longo" as mellores expectativas que se crearon na contorna do acto.

Con todo isto, dende o Consello Regulador DO Valdeorras e as súas adegas faise imperativo enviar un caloroso agradecemento a A Coruña e as súas xentes, destacando o gran trato recibido e a exquisita amabilidade de todos os presentes.

Moitas grazas a todos!!!






lunes, 5 de agosto de 2013

Os viños DO Valdeorras preséntanse en exclusiva en A Coruña os días 7, 8 e 9 de Agosto.



16 adegas e 38 marcas comerciais amparadas baixo o selo de calidade DO Valdeorras preséntanse en A Coruña, compartindo a súa calidade co público asistente e colaborando co Banco de Alimentos Rías Altas.

Esta iniciativa solidaria preséntase a través da colaboración entre o Consello Regulador DO Valdeorras e a empresa de promoción SERVINO quen, axuntando calidade e compromiso, achegarán ao público unha proposta única e innovadora no sector.



Os actos darán comezo o mércores 7 cunha cata aproximación guiada e dirixida polo director técnico do Consello Regulador DO Valdeorras, Jorge Mazaira, que se celebrará na aula de Cata de SERVINO - Rúa Europa 3, A Coruña -. Ademais, será dentro deste acto onde se presentará de forma oficial o proxecto e facilitaranse os datos máis destacados da DO aos Medios de Comunicación.

A posta de longo do evento trasladarase os próximos xoves día 8 e venres día 9 de Agosto ao Salón Miramar do Centro Hostaleiro Hesperia Finisterre - Paseo do Parrote 2-4. A Coruña - onde, ambos os días e en horario de 18.00 a 22.00 horas, presentarase o Tunel do Viño DO Valdeorras.


O funcionamento do Tunel do viño, no que os asistentes poderán degustar un total de 38 marcas comerciais pertencentes a 16 adegas DO Valdeorras, caracterízase pola non presencia de adegueiros, sendo o propio director técnico do Consello Regulador en compañía de dous destacados Catadores de primeiro nivel, os encargados de asesorar ao público asistente e completar as explicacións das fichas técnicas dos viños alí expostos.

A gran novidade que presentará o Salón céntrase na posibilidade de adquirir os viños participantes "in situ", optimizando a visita dos asistentes e ofrecendo a posibilidade de que cada que se poda levar a casa os viños máis destacados dende o propio Salón.


Para participar, cada un dos asistentes deberá achegar 1Kg de alimentos non perecedoiros que a DO cederá ao Banco de Alimentos Rías Altas coa firme convicción de achegar unha particular axuda á xente máis necesitada nestes momentos difíciles.

Para participar, debes solicitar o tua reserva de invitación en info@servino.net 

Valdeorras e os seus viños espérante nesta aposta solidaria: non podes faltar!






martes, 16 de julio de 2013

Valdeorras pecha a súa especial Feira do Viño

Foto: Augusto González

"No es un día cualquiera", Rober Bodegas e Román Dacosta compartiron e gozaron da exaltación dos viños DO Valdeorras.

Gran impresión dos visitantes á XVI Feira do viño de Valdeorras que, a pesar das inclemencias meteorolóxicas, gozaron dunha oferta única de radio, gastronomía, humor e, por suposto, uns dos grandes viños no panorama internacional.

Foto: Augusto González
Así, pese ao mollado recibimento para os integrantes de "No es un día cualquiera" - programa líder das mañás radiofónicas nas ondas españolas - o amor e a paixón que compartiron coas xentes, as paisaxes e os viños desta terra deixou prendado a todo o equipo.

Á súa vez, non quixeron perderse as belezas paisaxísticas de Valdeorras e, aproveitando o "impás" producido polas tormentas que azoutaron o recinto feiral, todos os integrantes do programa, con Pepa Fernández á cabeza, non tiveron medo en percorrer e gozar das montañas e agrestes paisaxes que rodean a comarca.

Foto: Augusto González
Á súa vez, o mestre de comunicadores José María Íñigo, propuxo unha cata privada dos caldos da zona guíada polo director técnico da DO Valdeorras e gran druída destes viños, Jorge Mazaira.

Xa entrando en materia radiofónica, o programa triunfou os dous días. O primeiro a través das ondas, logrando co segundo referendar o éxito do primeiro e engadindo un cheo o centro cultural  Cinema Avenida de A Rúa.

Foto: Augusto González
Ademais, a directora do programa e todos os integrantes, agradecidos polo trato dispensado e apaixonados polo gran recibimento outorgado das xentes valdeorresas, quixeron compartir a calor humana de Valdeorras a través de charlas e firmas de autógrafos cos asistentes.

Foto: Augusto González

Outros dos grandes adalices da Feira foi o gran humorista e Rei da comedia Rober Bodegas. Ademais de gran persoa e do loable esforzo que quixo facer o de Carballo por compartir a súa habilidade humorística cos valdeorresés, o público non lle foi á zaga, acudindo en masa e rindo a gargalladas as intelixentes e graciosas propostas do cómico.

Tras unha exitosa posta en escena, Rober non quixo perderse o poder probar o prestixio internacional dos viños DO Valdeorras e, así, visitou as casetas das adegas coa caracterísitca humildade galega que engrandece máis se cabe a súa gran figura, bromenado e repartindo simpatía con adegueiros e asistentes.

Foto: La Región
Talvez o reto máis duro chegoulle a Román Dacosta quen, despois de que a meteoroloxía condicionará a súa participación coa anulación de dous dos seus Showcookings, soubo sacar un cheo o domingo a medio día cando o tempo respectou.

Desta forma, o novo pero brillante cociñeiro axuntou todo o seu saber facer para achegar ao público espectaculares maridaxes culinarias, onde a presenza dos viños DO Valdeorrras brillou con luz propia.


E tras esta introdución quédanos o máis importante: os viños DO Valdeorras. Pero para ser tratados coa importancia que se merecen, convidámosvos a que visitedes este blog o vindeiro luns, onde vos ofreceremos un gran especial dos viños gañadores na XIV Cata de viños de Valdeorras e as súas adegas, engadindo datos como a importación, o prestixio internacional, os premios e algúns segredos que levaron a catapultar aos caldos DO Valdeorras ás máis importantes mesas e adegas de todo o mundo.

Non o perdades ... o luns moito máis da XVI Feira do Viño DO Valdeorras e os seus viños.





jueves, 11 de julio de 2013

Coñece as adegas que compartirán a excelencia dos seus caldos na XVI Feira do Viño de Valdeorras


 Fai clik sobre imaxe para ampliar

A Rúa convértese este fin de semana no templo da viticultura galega con 22 adegas no escaparate.

A XVI Feira do Viño de Valdeorras proponvos unha tentadora axenda de actividades que van dende a posibilidade de asistir en directo ao programa "No es un día cualquiera", de RNE, gozar do agudo humor de Rober Bodegas e deleitarse coa arte culinaria de Román Dacosta.

Desta forma, a XVI Feira do Viño de Valdeorras prepárase para abrir as súas portas o vindeiro sábado, 13 de xullo, coa participación de 22 adegueiros que durante dous días traballarán intensamente para compartir a calidade e o prestixo internacional dos seus caldos.

Este ano dotase de maior dinamismo ao evento coa organización de actos paralelos que inclúen a emisión en directo do programa de RNE, "No es un día cualquiera", a actuación do humorista Rober Adegas e a maridaxe culinaria da man do chef Román Dacosta, un dos máis prometedores expoñentes da cociña de vangarda galega.

Este acontecemento gastronómico, social e cultural, que se leva a cabo en A Rúa, conta con dous centros neurálxicos. Xunto ao Cinema Avenida da Rúa, onde se darán cita algúns dos máximos expoñentes da comunicación en España, será a área recreativa do Aguillón onde os afeccionados ao viño, restauradores e visitantes en xeral disporán, desde as 12 da mañá, dun espazo cómodo e tranquilo para catar os mellores viños da DO Valdeorras.

Fai click sobre imaxe para ampliar

Con isto, presentámosvos as 22 adegas que compartirán con todos os asistentes ese bo facer que chegou a cualificar estes viños como "A revolución enolóxica do Século XXI". Son as seguintes:

Fai click en cada unha delas para acceder á súa Web























Lembrándovos que vos agardamos na Feira, propómosvos as liñas de autobuses que ofrecerán transporte gratuíto até o recinto Feiral - Área recreativa do Aguillón, A Rúa de Valdeorras-.

SAÍDAS 19:00 e 20:30 horas: O BARCO (HCV) - VILAMARTIN (BAR MARBELLA) - A RÚA VELLA (BAR SAN ROQUE) - O AGUILLON RECINTO FEIRAL, A Rúa

REGRESOS 20:00 e 22:30 horas 


En adicción, o Exc. Concello de Almendralejo será da partida na feira compartindo, un ano máis, a excelencia dos seus produtos máis característicos como os aceites, olivas e , por suposto, os seus viños.
  

Agora si, xa non o penses máis ... Valdeorras, os seus viños e as súas xentes agárdante !!!







miércoles, 10 de julio de 2013

Fin de semana de viño e radio en Valdeorras


Artigo: Rosa M. Rodríguez

Pepa Fernández pecha a tempada de "No es un día cualquiera" cun programa adicado aos caldos da D.O Valdeorras. Estará acompañada, entre outros, polo incombustible José María Íñigo.

A proxección nacional e internacional dos viños da D.O. Valdeorras, a innovación ou a implementación de novas técnicas de elaboración dos caldos serán algúns dos temas sobre os que virará a emisión do programa radiofónico que se celebrará no cinema avenida da Rúa, de 8.30 a 13:00 horas.

Así, esta fin  de semana, 13 e 14 de xullo, "No es un día cualquiera" en A Rúa. A brillante xornalista, Pepa Fernández, cuia familia paterna é de Ourense, e o seu equipo de RNE, presentan en directo o programa máis lonxevo da radiodifusión española.  Son catorce anos á fronte dun espazo marcado pola diversidade temática e apoiado por máis dun millón de oíntes, ou "escuchantes" como á propia Pepa Fernández gústalle dicir. Ademais o último Estudo Xeral de Medios confírmao como o programa máis seguido de RNE. 


A directora de "No es un día cualquiera"  escolleu expresamente a XVI Feira do Viño de Valdeorras para despedir esta tempada e achegarlles a radio en vivo aos seus seguidores.  Pepa Fernández mergullarase no universo vitivinícola da comarca , respirará a súa riqueza natural inigualable e transmitirao, coa paixón á que nos ten afeitos, a toda España. De feito, con este "magazine" matinal recibiu todos os premios aos que se pode aspirar en radio como: os Ondas á mellor traxectoria profesional, o Micrófono de ouro, Micrófono de prata ou a Antena de ouro.

Ademais, a premiada xornalista e escritora Nieves Concostrina fará un puntual repaso pola historia e peculiaridades da comarca e as súas xentes, facendo fincapé no valor da tradición como elemento sinerxético do desenvolvemento dun pobo e as súas manufacturas.

Pola súa banda, o internacionalmente recoñecido naturalista, escritor, guionista e xornalista  Joaquín Araujo, ofreceranos a análise da cara máis natural da comarca de Valdeorras. Aquel que foi guionista de "El hombre y la tierra", e compartiu o amor pola natureza con finado mestre Felix Rodríguez de la Fuente,  dará a coñecer a todo o público das ondas as belezas paisaxísticas, ecolóxicas e naturais da comarca valdeorresa.


Tamén confirmou a súa presenza no Cinema Avenida da Rúa, de 8.30 a 13 horas, o polifacético José María Iñigo coas súas seccións "El hombre del Saco" e "Apaga e vámonos". Un dos rostros máis coñecidos da televisión española grazas a programas como 'Fiesta', 'Estudio abierto' ou o Festival de Eurovisión non quixo perderse esta cita enoturística. Jose María Íñigo conta cunha extensa traxectoria en revistas sobre viaxes e turismo que se converteron na súa paixón.

O incombustible comunicador, co que creceron varias xeracións de televidentes, confésase unha persoa tremendamente tímida. A pesar diso saudará e charlará cos seguidores que se acheguen até o cinema Avenida, este sábado e domingo, de oito da mañá a unha do mediodía. Prometen ser dúas xornadas de radio únicas e con moitas sorpresas.

Lembrándovos que a entrada é gratuíta e o aforamento limitado, facémosvos partícipes das liñas de autobuses, tamén gratis, que se habilitaron para que poidades asistir á celebración do programa.

Autobuses gratis, saída e regreso, con paradas en:

SAÍDA 8:00 horas: O BARCO (HCV) - VILAMARTIN (BAR MARBELLA) - RÚA VELLA (BAR SAN ROQUE) - CINEMA AVENIDA, A Rúa // REGRESO 13:00 horas

SAÍDA 8,45 horas: LAROUCO (IGREXA) - PETIN (PRAZA) // REGRESO 13:45 horas

Agardámosvos!!!








viernes, 5 de julio de 2013

A Coroa, Ruchel e D´Berna gañadores do Ouro, Prata e Bronce, respectivemente, nos premios Acio 2013


Un ano máis a Consellería de Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia concede as súas distincións que identifican aos mellores viños e destilados de Galicia, onde os caldos DO Valdeorras seguen brillando con luz propia.

Desta forma e dentro dos viños galardoados na Denominación de Orixe Valdeorras, Godello A Coroa 2012 levouse o Ouro, Ruchel Mencía 2012 a Prata e D´Berna o Bronce. Ademais, outorgouse diploma a Joaquín Rebolledo Mencía 2012, Godeval Godello 2012 e Viña de Fornos Godello 2012. 

No marco da calidade incomparable dos viños galegos e dentro do prestixio internacional dos DO Valdeorras, os Godellos e Mencías das terras valdeorresas seguen compartindo o carácter e a índole que os caracteriza ano tras ano. Así, na edición 2013 da Cata de Viños, Destilados e Licores Tradicionais de Galicia volveuse a premiar o traballo dos adegueiros a través dos seguintes galardóns:

Acio de Ouro para A Coroa Godello 2012


Adega A Coroa segue coa súa evolución en canto a recoñecementos, logrando este ano o Acio de Ouro e tras lograr a Prata na pasada edición do certame. Este feito referenda o traballo dunha das adegas con maior proxección internacional da DO, xa que máis do 50 % da súa produción comercializase en importantes mercados internacionais coma o estadounidense, xaponés, centroeuropeo, escandinavo e británico, entre outros. 

Tras unha colleita 2011 que se fixo acredora de importantes premios e grandes recoñecementos internacionais ( Best wine - The New York Times Selection - Cata a cegas; Medalla de Ouro - Selección Mundial de Viños de Canadá; Medalla de Ouro - Concurso Internacional de Viños de Lyon; Medalla de Prata - Mellores Viños españois para EE UU; Gran Mesquita de Ouro - Premios Mesquita 2012; Gran Ouro - Guía de Viños de Galicia; Distinción Gallaecia 2012 e Bacchus de prata 2012 - Outorgado pola Unión Española de Catadores, ademais de gañar por segundo ano consecutivo o Tender de Monopolio Sueco), a colleita 2012 pretende seguir a mesma liña dando un importante paso no seu posicionamento nacional con este Acio de Ouro. 

Godello A Coroa 2012 presenta as seguintes notas de Cata: Cores atrevidas e frescas cargadas de luz e brillos que evocan o xardín primaveral de flores de folla verde con plantas vivaces de cor amarelo claro.

En nariz aparecen notas cálidas con recordos refrescantes e doces como a flor de sauco, xasmín e céspede que se funden con froita recentemente cortada como a pera, mazá e mango,  cun final cítrico moi refrescante.

En boca entra con garra, frescura e vivacidade, combinando todo iso coa calidez necesaria para lograr un excepcional equilibrio. É estruturado e potente. Aparecen recordos de zumes cítricos-  especialmente pomelo co seu moi sutil amargor - que fan que o seu postgusto sexa longo, delicado e moi elegante.






 Acio de Prata para Ruchel  Mencía 2012 


 Adegas Ruchel logra co seu mencía o máis alto recoñecemento para os tintos DO Valdeorras na edición deste ano. 

O traballo da adega segue a liña evolutiva conseguida en 2010 co seu Godello, seleccionado mellor branco de Galicia 2011, referendando o gran desenvolvemento dos tintos DO Valdeorras nos últimos anos. 

A adega, que destaca por unha máis que notable presenza internacional e un gran coidado da súa cadea de distribución, foi unha das pioneiras en asentarse no mercado brasileiro e os seus viños comercialízanse baixo o amparo de prestixioso selo "Galicia Calidade".

As notas de cata de Ruchel Mencía 2012 son as seguintes: De cor vermella cereixa, de mediana capa, brillante. Caracterízase por unha  intensidade media, sobresaíndo pola súa nitidez varietal onde destacan os tons propios da variedade Mencía.

En boca preséntase suave, gustoso e sutil,  cun equilibrio armónico que chega a rozar unha excepcional  redondez onde o grao, por non ser excesivo, actúa como un interesante factor que o dota dun coidado equilibrio.







 Acio de Bronce para D´Berna Godello 2012



Adega D´ Berna, caracterizada por uns viños con gran vocación internacional, entra no ranking dos viños galegos máis laureados obtendo un máis que notable Acio de Bronce para o seu Godello xove 2012. 

Cunha idiosincrasia marcada por unha afinidade á contorna natural de Valdeorras, os produtores de D´Berna souberon extrapolar dita liña aos seus caldos, axuntando nunha tradición familiar que se remonta ao século pasado, a máis recente innovación e, nesta confluencia de factores, dotando aos seus viños dun selo de característico prestixio, marca inconfundible dos Adegueiros DO Valdeorras.

A peculiaridade dos seus caldos, asentados nas ladeiras de Córgomo e cunha excepcional orientación xeográfica, conxúgase cunhas plantas de idade madura e unha mineralidad de chan moi característica, o que se traduce nuns apreciados viños dunha interesante exclusividade.

Así se presentan as notas de Cata de D´Berna Godello 2012: Dotado de cor Amarela pálido, case transparente. Luminoso e brillante. 

En nariz aparecen notas de melón e mazá, xunto a tons de mel e limón. Notas minerais de fondo.

En boca é froiteiro, de tacto sedoso, con recordos de froita branca madura, sutil dulzor, tons herbáceos e característica sensación de lousa. Paso untuoso, fresco e froiteiro, con final lixeiro e elegante.






Con iso, ofrecémosvos a posibilidade de que os probedes "in situ" visitando a próxima Feira do Viño DO Valdeorras os días 13 e 14 de Xullo, na Rúa de Valdeorras. Ademais de gozar dos apreciados caldos valdeorreses, poderedes complementar a vosa visita cun amplo elenco de actividades que, a recado, farán as delicias de todos os públicos.

Agardámosvos !!!