lunes, 5 de agosto de 2013

Os viños DO Valdeorras preséntanse en exclusiva en A Coruña os días 7, 8 e 9 de Agosto.



16 adegas e 38 marcas comerciais amparadas baixo o selo de calidade DO Valdeorras preséntanse en A Coruña, compartindo a súa calidade co público asistente e colaborando co Banco de Alimentos Rías Altas.

Esta iniciativa solidaria preséntase a través da colaboración entre o Consello Regulador DO Valdeorras e a empresa de promoción SERVINO quen, axuntando calidade e compromiso, achegarán ao público unha proposta única e innovadora no sector.



Os actos darán comezo o mércores 7 cunha cata aproximación guiada e dirixida polo director técnico do Consello Regulador DO Valdeorras, Jorge Mazaira, que se celebrará na aula de Cata de SERVINO - Rúa Europa 3, A Coruña -. Ademais, será dentro deste acto onde se presentará de forma oficial o proxecto e facilitaranse os datos máis destacados da DO aos Medios de Comunicación.

A posta de longo do evento trasladarase os próximos xoves día 8 e venres día 9 de Agosto ao Salón Miramar do Centro Hostaleiro Hesperia Finisterre - Paseo do Parrote 2-4. A Coruña - onde, ambos os días e en horario de 18.00 a 22.00 horas, presentarase o Tunel do Viño DO Valdeorras.


O funcionamento do Tunel do viño, no que os asistentes poderán degustar un total de 38 marcas comerciais pertencentes a 16 adegas DO Valdeorras, caracterízase pola non presencia de adegueiros, sendo o propio director técnico do Consello Regulador en compañía de dous destacados Catadores de primeiro nivel, os encargados de asesorar ao público asistente e completar as explicacións das fichas técnicas dos viños alí expostos.

A gran novidade que presentará o Salón céntrase na posibilidade de adquirir os viños participantes "in situ", optimizando a visita dos asistentes e ofrecendo a posibilidade de que cada que se poda levar a casa os viños máis destacados dende o propio Salón.


Para participar, cada un dos asistentes deberá achegar 1Kg de alimentos non perecedoiros que a DO cederá ao Banco de Alimentos Rías Altas coa firme convicción de achegar unha particular axuda á xente máis necesitada nestes momentos difíciles.

Para participar, debes solicitar o tua reserva de invitación en info@servino.net 

Valdeorras e os seus viños espérante nesta aposta solidaria: non podes faltar!






No hay comentarios:

Publicar un comentario