lunes, 3 de diciembre de 2012

Estados Unidos aposta polos viños DO Valdeorras e o próximo destino será Xapón

 EE.UU. adquire case a metade do viño que exporta a DO Valdeorras, nun ano no que se constata un aumento do  58% nas exportacións.

As adegas da DO Valdeorras atoparon no padal de Estados Unidos ao seu mellor cliente exterior en 2012, e cara aos seus almacéns viaxaron 113.500 litros entre agosto de 2011 e ese mesmo mes de 2012, o período que toman como referencia as estatísticas vitivinícolas.
 
 Un pouco máis lonxe dese volume está Suíza que, con 38.700 litros, converteuse na segunda nación compradora de caldos valdeorreses. Outras nacións como Reino Unido (22.700 litros), Bélxica (14.600) e Holanda (13.900) sitúanse como importantes mercados importadores dos caldos, segundo os datos que manexa o Consello Regulador, recompilados polo técnico Enrique Santiago Pérez das embotelladoras.
 
O volume total das exportacións contabilizadas en base ás cifras que facilitaron as adegas ascende a 263.645 litros no último período de 12 meses. Estas vendas supoñen un aumento do 58% respecto das 166.469 de 2011 e superan amplamente as 86.196 de 2010.
 
Os países do continente americano ocupan un primeiro lugar nas importacións de caldos valdeorreses. As compras de Estados Unidos elevan o total do continente americano a 127.600 litros, por encima dos 121.600 de Europa e aínda lonxe dos datos de Asia e Oceanía, con 10.874 e 3.826 litros, respectivamente.
 
 O groso das vendas no exterior lévano os brancos, fundamentalmente godello, con 223.945 litros. As estimacións do Consello Regulador apuntan que un 16 % da produción é consumida noutras nacións. 

O tinto aos poucos vai atopando o seu nicho, con 39.700 litros atoparon comprador máis aló das fronteiras de España.
 
 
A potenciación dos mercados exteriores que importan máis viños da Denominación de Orixe Valdeorras é unha das prioridades do Consello Regulador. Nos meses de outubro e novembro, desenvolveu actos promocionais nas cidades de Nova York e Bruxelas, que se suman aos organizados en territorio español (San Sebastián e Madrid).
 
O último tivo lugar en terras belgas os días 26 e 27 de novembro. Acudiron 11 adegas, que presentaron as súas marcas no hotel Meridién, ante importadores e distribuidores do país anfitrión, e na Fundación Galicia Europa. Apuntouno o presidente do Consello Regulador, José Luís García Pando, quen insistiu en que 'Bélxica é un dos países aos que máis exportamos, despois de Estados Unidos, Suíza e Reino Unido'. 

 
Tamén apuntou que a próxima cita será en Xapón, onde os adegueiros de Valdeorras acoden da man do Instituto de Comercio Exterior. O país do sol nacente é a unha das excepcións do  mercado asiático para estes caldos, xa que algunhas adegas levan tempo desenvolvendo políticas promocionais alí. E a pesar de que nos últimos meses comezan a aflorar de forma firme o interese asiático,  'No  resto de países emerxentes aínda non hai unha cultura do  viño suficientemente asentada e estandarizada e, en moitos casos, aínda buscan prezos baixos', explicou.