miércoles, 10 de julio de 2013

Fin de semana de viño e radio en Valdeorras


Artigo: Rosa M. Rodríguez

Pepa Fernández pecha a tempada de "No es un día cualquiera" cun programa adicado aos caldos da D.O Valdeorras. Estará acompañada, entre outros, polo incombustible José María Íñigo.

A proxección nacional e internacional dos viños da D.O. Valdeorras, a innovación ou a implementación de novas técnicas de elaboración dos caldos serán algúns dos temas sobre os que virará a emisión do programa radiofónico que se celebrará no cinema avenida da Rúa, de 8.30 a 13:00 horas.

Así, esta fin  de semana, 13 e 14 de xullo, "No es un día cualquiera" en A Rúa. A brillante xornalista, Pepa Fernández, cuia familia paterna é de Ourense, e o seu equipo de RNE, presentan en directo o programa máis lonxevo da radiodifusión española.  Son catorce anos á fronte dun espazo marcado pola diversidade temática e apoiado por máis dun millón de oíntes, ou "escuchantes" como á propia Pepa Fernández gústalle dicir. Ademais o último Estudo Xeral de Medios confírmao como o programa máis seguido de RNE. 


A directora de "No es un día cualquiera"  escolleu expresamente a XVI Feira do Viño de Valdeorras para despedir esta tempada e achegarlles a radio en vivo aos seus seguidores.  Pepa Fernández mergullarase no universo vitivinícola da comarca , respirará a súa riqueza natural inigualable e transmitirao, coa paixón á que nos ten afeitos, a toda España. De feito, con este "magazine" matinal recibiu todos os premios aos que se pode aspirar en radio como: os Ondas á mellor traxectoria profesional, o Micrófono de ouro, Micrófono de prata ou a Antena de ouro.

Ademais, a premiada xornalista e escritora Nieves Concostrina fará un puntual repaso pola historia e peculiaridades da comarca e as súas xentes, facendo fincapé no valor da tradición como elemento sinerxético do desenvolvemento dun pobo e as súas manufacturas.

Pola súa banda, o internacionalmente recoñecido naturalista, escritor, guionista e xornalista  Joaquín Araujo, ofreceranos a análise da cara máis natural da comarca de Valdeorras. Aquel que foi guionista de "El hombre y la tierra", e compartiu o amor pola natureza con finado mestre Felix Rodríguez de la Fuente,  dará a coñecer a todo o público das ondas as belezas paisaxísticas, ecolóxicas e naturais da comarca valdeorresa.


Tamén confirmou a súa presenza no Cinema Avenida da Rúa, de 8.30 a 13 horas, o polifacético José María Iñigo coas súas seccións "El hombre del Saco" e "Apaga e vámonos". Un dos rostros máis coñecidos da televisión española grazas a programas como 'Fiesta', 'Estudio abierto' ou o Festival de Eurovisión non quixo perderse esta cita enoturística. Jose María Íñigo conta cunha extensa traxectoria en revistas sobre viaxes e turismo que se converteron na súa paixón.

O incombustible comunicador, co que creceron varias xeracións de televidentes, confésase unha persoa tremendamente tímida. A pesar diso saudará e charlará cos seguidores que se acheguen até o cinema Avenida, este sábado e domingo, de oito da mañá a unha do mediodía. Prometen ser dúas xornadas de radio únicas e con moitas sorpresas.

Lembrándovos que a entrada é gratuíta e o aforamento limitado, facémosvos partícipes das liñas de autobuses, tamén gratis, que se habilitaron para que poidades asistir á celebración do programa.

Autobuses gratis, saída e regreso, con paradas en:

SAÍDA 8:00 horas: O BARCO (HCV) - VILAMARTIN (BAR MARBELLA) - RÚA VELLA (BAR SAN ROQUE) - CINEMA AVENIDA, A Rúa // REGRESO 13:00 horas

SAÍDA 8,45 horas: LAROUCO (IGREXA) - PETIN (PRAZA) // REGRESO 13:45 horas

Agardámosvos!!!