martes, 21 de junio de 2011

A Asociación Galega de Sumilleres presenta os mellores viños en: "A emoción dos viños"

Fonte: vinogallego
O vindeiro sábado Tui acollerá un acto dirixido pola Asociación Galega de Sumilleres, baixo o título "A emoción dos viños", e por medio do cal pretende enxalzar as calidades do viño galego encumbrándoo como un dos mellores viños do mundo.

Aproveitando unha contorna tan especial como o Claustro da Catedral de Tui, o vindeiro sábado, a Asociación Galega de Sumilleres (Agasu) dará a coñecer 'A emoción dos viños' un certame que mostra "os viños que emocionan, viños que van máis aló, elaboracións especiais dun grupo de viticultores, enólogos, adegueiros, que representan coas súas creacións vitivinícolas os mil matices da viticultura galega", explica o colectivo.

Estas elaboracións, segun afirma a asociación Agasu, "devolven a Galicia ao lugar onde lle corresponde neste universo do viño, que non é outro que o dos viños de máis calidade de Europa e polo tanto do mundo".
 
"Aqueles viños que deran fama a Galicia, sendo degustados nas mesas máis nobres polos padais máis esixentes do continente e cantados ademais polo rei máis sabio que houbo".

Serán vintecinco adegas de Galicia, acompañadas dunha representación do norte de Portugal e do Bierzo, por ser comarcas que comparten con Galicia unha parte da súa identidade, as que mostrarán "a emoción" dos bos viños.

O acto prolongarase entre as 16.00 e as 21.00 horas. Os socios de Agasu terán entrada libre.