lunes, 30 de enero de 2012

A DO Valdeorras acude a súa habitual cita con Xantar

 Como cada ano por estas datas, a DO Valdeorras volve participar na cita gastronómica e turística máis importante do panorama autonómico galego, Xantar 2012. Que se celebrará, como cada ano, no recinto Expourense da capital das Burgas, entre os días 1 e 5 de Febreiro.

Dende o mércores día 1 de Febreiro e até o domingo día 5 do mesmo mes, o Consello Regulador da DO Valdeorras porá a disposición de todos os asistentes á máis importante cita gastronómica e do turismo en Galicia, Xantar 2012, a oportunidade de coñecer e gozar duns dos viños con maior número de galardóns internacionais nos últimos anos.

Previa confirmación dos actos promocionais que realizará o propio Consello Regulador, os asistentes terán á súa disposición na caseta do CRDO Valdeorras, a oportunidade de valorar en primeira persoa as variedades vinícolas propias da comarca valdeorresa. Así mesmo, e no seu firme compromiso cara á promoción, difusión e desenvolvemento da cultura gastronómica galega, poderase gozar da degustación destes caldos acompañados das delicias culinarias da terra.

Xantar é un Salón que xorde tendo como principal obxectivo a defensa da cultura da calidade na gastronomía, situándoa como un dos reclamos turísticos máis importantes de Galicia. Esta será a súa décimo terceira edición e espérase que máis do 35 % dos visitantes sexan profesionais dos distintos sectores. Ademais, en Xantar 2012 poderase gozar de diferentes paquetes promocionais adecuados ás demandas e preferencias individuais de cada un dos asistentes. Vaste perder esta cita?


viernes, 27 de enero de 2012

Canutillo de azucre e laranxa recheo de Mousse de Chocolate e Xeado de Mazá

Para endulzar a fin de semana e completar o menú que vos propoñemos dende A nai do viño, Grupo Nove e a DO Valdeorras, hoxe toca esta magnífica sobremesa: "Canutillo de azucre e laranxa recheo de Mousse de Chocolate e xeado de Mazá". Esta excepcional sobremesa chéganos da man de Miguel Ángel Campos, representante do prolífico grupo culinario de vangarda "Nove", e  rexente da cociña do case centenario restaurante "A Gabeira" en O Ferrol. Para acompañar esta delicia culinaria, Miguel Ángel proponnos na súa maridaxe un Godello DO Valdeorras, do que exalta as súas virtudes no segundo vídeo da publicación.
Miguel Ángel, "un vixía da ortodoxia coquinaria galega", preséntase da seguinte forma:
"Pertenzo á cuarta xeración dun restaurante inaugurado en 1.923. Tiña sete anos cando me queimei elaborando unha salsa de tomate coa miña avoa Pepucha. A aventura levou tres días encamado pero eu tiña claro que quería ser cociñeiro e o meu idilio cos fogóns non fixera máis que comezar. É o seo da miña familia. A boa mesa e os grandes cociñeiros facían espectaculares as celebracións en casa. Levámolo no sangue que herdamos da miña bisavoa Jesusa, unha persoa moi avanzada para a súa época. Ela é o meu referente pola súa elegancia e a súa perfeccionismo. Adoraba e consentía a horta e a cociña. Recordo como seleccionaba durante unha hora as patacas para facer unha boa tortilla. Esa era por entón a base da súa cociña, xunto cos percebes. En 1.995 tomei as rendas da Gabeira e marqueime un prazo de cinco anos para, aplicando os meus estudos e habilidades, para convertelo nun restaurante de referencia na comarca do Ferrol. Non persigo o favor da crítica, aínda que un sempre agradece que valoren o seu traballo. Cociño para a miña cidade. Aínda que sigo as novas tendencias, aplícoas con certa mesura, con humildade, con respecto ao produto e especialmente ao cliente. Podería elaborar pratos máis arriscados pero prefiro pisar firme e seguro porque o restaurante tamén é unha empresa que ha de manter ás familias que nela traballan. A Gabeira é o meu capricho e a miña ilusión, pero a miña filosofía é realista".

A modo de atalaia sobre a despensa rexional, este restaurante ten así mesmo no seu xefe de cociña, Miguel Ángel Campos, un atento vixía da ortodoxia coquinaria galega para, dende esa referencia, aplicar ao condumio toques modernizadores cuidadamente respectuosos co xénero. Feito que así corrobora e premia a prestixiosa Guía Michelín

viernes, 20 de enero de 2012

Costelar de vaca vella de Bandeira con cabaza pochada e queixo curado de Arzúa

 No seguinte vídeo presentámosvos a proposta gastronómica da fin de semana: Costelar de vaca vella de Bandeira con cabaza pochada e queixo curado de Arzúa. Esta receita chéganos por cortesía de Alberto González Prelcic, representante de Grupo Nove e máximo responsable da Cociña do Restaurante Silabario en Tui. Para a perfecta maridaxe deste prato Alberto recoméndanos un Mencía DO Valdeorras.

Alberto González Prelcic preséntase como un cociñeiro de "formación e vocación", destacando que: 

"Tres puntos crave son os que marcan o escoller os fogóns como unha maneira de entender a vida. O primeiro, o exemplo familiar, o ver á miña nai na cocíña día tras día ao longo da miña nenez e adolescencia. O segundo, a miña formación no Centro Superior de hostalaría, no que afiancei unhas sólidos alicerces sobre os que comnezar a crecer profesionalmente. O terceiro, o paso por Casa Solla, onde a cociña pasou para min de profesión a paixón. Este tres ingredientes básicos fóronse enriquecendo con pasos por outras cociñas de primeira liña e a realización de diferentes cursos ata que, sen que te deas conta, veste á fronte dun proxecto vital que che apaixona e ilusiona... igual que un neno que aprende a escribir coa axuda do seu silabario".

Porque "Silabario" é o nome do restaurante situado na fronteiriza rexión de Tui onde Alberto desenvolve a súa gran habilidade culinaria e todo o seu saber facer.

"O Silabario era un antigo caderno para aprender a escribir. Igual que un neno na escola, no noso restaurante partimos das bases da cociña tradicional, guisos pausados, brasas de leña de carballo galego, repostaría artesá... e adaptamos os pratos aos tempos actuais, utilizando as novas técnicas da cociña moderna e empapándonos co bo que vén de fóra, collendo sustancia, crecendo... facemos unha cociña eminentemente galega, influenciada por todo aquilo que nos rodea e nos enriquece. A situación fronteiriza imprime sen dúbida carácter á carta do Silabario e o vivir na raia vai deixando no noso restaurante pequenas chiscadelas do veciño Portugal".

Así presenta Alberto este prato:





viernes, 13 de enero de 2012

Xarda escabechada con queixo de Cebreiro ao Godello de Valdeorras

No seguinte vídeo ofrecémosvos a receita de elaboración de Xarda escabechada con queixo de Cebreiro ao Godello de Valdeorras. Unha receita que nos chega da man de Iñaki Bretal, rexente da cociña do restaurante Eirado dá Leña e integrante do prolífico grupo gastronómico de vangarda galego "Nove".

Iñaki Bretal é unha cabeza inquieta que procura sacar sempre "o mellor do mellor produto galego" utilizando a máxima expresión dese produto como trazo caracterizador da súa cociña. 

A súa arte culinaria alcanza a máxima expresión no seu restaurante "O Eirado da Leña", situado nunha casa antiga no centro histórico de Pontevedra, concretamente na Praza da Leña, fronte á entrada principal do antigo Museo Provincial.

"O Eirado" comezou hai 7 anos como un proxecto de tres amigos (Marta, Rober e Iñaki) no que a idea principal "sempre foi a de non montar o comedor dun restaurante, senón que deberiamos conseguir montar nun restaurante o comedor dunha casa". Un comedor acolledor no que o comensal se sentise cómodo e a gusto.

Así presenta Iñaki a receita de hoxe 
 




jueves, 12 de enero de 2012

Financial Times selecciona a un Godello de Valdeorras entre os 25 mellores viños brancos do mundo

A xornalista e influente crítica de viños Jancis Robinson escribiu un artigo no diario "Financial Times" en defensa dos grandes viños brancos, no que citou cales son os seus 25 favoritos de todo o mundo, sendo o viño Valdesil 2010 o único español da lista.

No seu artigo titulado "Os grandes brancos" (The Great Whites) Jancis Robinson manifesta o seu apoio aos viños brancos, xa que segundo ela, son tan consumidos como o tintos pero moito menos encomiados. Engade, ademais, que hai moitos viños brancos bos hoxe en día polos que non fai falta esperar moito para bebelos.

Robinson describe Valdesil 2010 da seguinte maneira: "Procede dun produtor dunha Denominación de Orixe na que se están producindo algúns dos viños brancos máis interesantes de España. Da variedade Godello, unha uva local revitalizada, procede de altos viñedos de 30 anos de idade e ladeiras de lousa. Moi fresco, afumado, un viño puro e seguro de si mesmo. Cremoso".

Pode lerse o artigo completo do Financial Times coa listaxe dos 25 facendo click.








O Barco de Valdeorras preparase para un xaneiro de Maridaxes Gastronómicos

Fonte Info: La Región

A II Ruta de Pinchos e a XII Festa do Botelo, principais atractivos gastronómicos da vila valdeorresa de O Barco en xaneiro.

Un total de 29 establecementos hostaleiros de O Barco iniciaban a pasada fin de semana a segunda edición de "O Barco vai de viños - II Ruta de pinchos', organizada polo Concello, a Asociación de Empresarios de Valdeorras (Aeva) e o Centro Comercial Aberto.

Até o próximo 22 de xaneiro, veciños e visitantes de O Barco poderán degustar algunha das creacións culinarias dos establecementos participantes.

Este ano, como novidade, editáronse uns cartóns, nos que se irá pondo o selo do establecemento ao que se acuda. Entre os clientes que completen o cartón sortearase a denominada 'escapada relax no Pazo do Castro', que consiste nunha noite de aloxamento en habitación dobre, con almorzo buffet para dúas persoas, dúas ceas de menú no restaurante e dous circuítos hidrotermales completos dunha hora de duración (jacuzzi, sauna finlandesa, termas de vapor ou duchas de aromas).

O primeiro día desta segunda edición da Ruta dos petiscos 'rexistráronse 550 persoas que os probaron nalgún dos establecementos participantes', sinala Anxo Álvarez, presidente do Centro Comercial Aberto.

Á súa vez, o Concello de O Barco comezará a vender as entradas da 'XII Festa do Botelo' mañá, ao prezo de 14 euros, que como cada ano, prevé reunir o próximo día 22 a un milleiro de comensais no polideportivo municipal de Calabagueiros.

Con estas dúas iniciativas proponse exaltar as delicias gastronómicas propias de Valdeorras en compañía duns dos viños máis premiados internacionalmente en 2011. Unha gran aposta para coñecer a máis pura esencia dunha marabillosa terra.



martes, 10 de enero de 2012

Achégase unha nova colleita que trae consigo novos proxectos e ilusións

Comeza un novo ano e o aroma da nova colleita empeza a emanar das adegas que conforman a DO Valdeorras. Con este aroma chegan novas ilusións e proxectos, que baixo o espírito característico da DO, materializarase en todas as mesas a través dos caldos representativos desta rexión  reflectindo o sentir dunhas xentes e unha terra.

Nuns tempos peculiares, a honestidade da DO Valdeorras primará a través duns viños que lograron un gran prestixio e recoñecemento internacional sendo alcanzables a todas as mesas, sempre baixo o criterio fundamental que engloba ás adegas valdeorresas en achegar a todas as xentes a máxima calidade ao mellor prezo.

Por todo iso, e dende a nai do viño, seguiremos apoiando as iniciativas desta DO de arrimar o gran traballo dos viticultores, adegueiros e Consello Regulador de Valdeorras a todos os amantes do viño.

Como mostra deste compromiso hoxe tomamos a referencia da proposta que a DO Valdeorras presenta conxuntamente con Grupo Nove, na súa intención de axuntar a cociña de vangarda en maridaxe cuns dos caldos máis premiados internacionalmente en 2011, para conformar un selo de identificación único coa esencia dunha terra.

Aínda que sobran as presentacións sobre DO Valdeorras e Grupo Gastronómico Nove, si queremos facer fincapé no gran traballo promocional que os 20 integrantes desta agrupación gastronómica están a realizar en aras de prestixiar internacionalmente a cociña galega tradicional, apoiándose nas novas tendencias gastronómicas que dotan de gran prestixio e modernidade ao acervo gastronómico de Galicia.

Por todo iso dende a nai do viño propómosvos unha iniciativa gastronómica que parte de Grupo Nove e DO Valdeorras, para que cada fin de semana podades gozar nas vosas mesas, ou na dos restaurantes dos integrantes de grupo nove, da máis pura esencia de Galicia.

Así, cada venres ofrecerémosvos un prato elaborado por un dos cociñeiros de grupo nove acompañado cun viño DO Valdeorras, que a recado fará as delicias dos padais máis esixentes.

Dende a nai do viño agradecémosvos a vosa fidelidade un ano máis e desexamos poder seguir compartindo todo o agarimo que desprende esta terra materializado no aroma, sabor e textura duns magnífico viños.