lunes, 30 de enero de 2012

A DO Valdeorras acude a súa habitual cita con Xantar

 Como cada ano por estas datas, a DO Valdeorras volve participar na cita gastronómica e turística máis importante do panorama autonómico galego, Xantar 2012. Que se celebrará, como cada ano, no recinto Expourense da capital das Burgas, entre os días 1 e 5 de Febreiro.

Dende o mércores día 1 de Febreiro e até o domingo día 5 do mesmo mes, o Consello Regulador da DO Valdeorras porá a disposición de todos os asistentes á máis importante cita gastronómica e do turismo en Galicia, Xantar 2012, a oportunidade de coñecer e gozar duns dos viños con maior número de galardóns internacionais nos últimos anos.

Previa confirmación dos actos promocionais que realizará o propio Consello Regulador, os asistentes terán á súa disposición na caseta do CRDO Valdeorras, a oportunidade de valorar en primeira persoa as variedades vinícolas propias da comarca valdeorresa. Así mesmo, e no seu firme compromiso cara á promoción, difusión e desenvolvemento da cultura gastronómica galega, poderase gozar da degustación destes caldos acompañados das delicias culinarias da terra.

Xantar é un Salón que xorde tendo como principal obxectivo a defensa da cultura da calidade na gastronomía, situándoa como un dos reclamos turísticos máis importantes de Galicia. Esta será a súa décimo terceira edición e espérase que máis do 35 % dos visitantes sexan profesionais dos distintos sectores. Ademais, en Xantar 2012 poderase gozar de diferentes paquetes promocionais adecuados ás demandas e preferencias individuais de cada un dos asistentes. Vaste perder esta cita?


No hay comentarios:

Publicar un comentario