jueves, 15 de diciembre de 2011

OS VIÑOS DA D.O. VALDEORRAS E O GRUPO GASTRONÓMICO NOVE ESTREAN UNHA MARIDAXE "DE CINEMA"

Foto: David A Panizo
Os viños da DO Valdeorras e a cociña galega de vangarda de Grupo Nove únense baixo a mesma bandeira para presentar internacionalmente as excelencias da gastronomía de Galicia.

A exaltación e recoñecemento internacional dos viños amparados baixo o selo de calidade DO Valdeorras e a cociña galega de vangarda representada polo prolífico Grupo Nove, únense nunha promoción conxunta das súas excelencias que remarcan a firmeza da revolución enolóxico-gastronómica do século XXI en Galicia.

A través dunha maridaxe perfecta, e por medio de tres vídeos que poderedes gozar na páxina do Consello Regulador DO Valdeorras ao longo de 2012 e baixo o nome de "Un universo en cada prato"; o mellor da cociña galega de vangarda representada por Grupo Nove, tal e como acreditan as 7 estrelas Michelin que se reparten entre os seus 20 membros dun total de nove estrelas outorgadas á cociña galega, únense ao auxe internacional dos viños DO Valdeorras para dar a coñecer o selo de incomparable calidade de Galicia que namorou a propios e estraños de todos os recunchos do mundo.

A adecuación de valores de ambas partes fundaméntase na adaptación das súas creacións aos novos tempos, sempre baixo o amparo fundamental de manter a herdanza tradicional e a gran calidade dos produtos de Galicia.

O acto de presentación do primeiro dos vídeos, celebrado hoxe en Valdeorras e ao que acudiron representantes do grupo gastronómico provenientes das 4 provincias galegas, serviu para dar o punto de partida a unha das máis importantes campañas de promoción enolóxico-gastronómicas da comunidade.

Por medio desta iniciativa preténdese achegar a todos os públicos a posibilidade de gozar dos pratos máis significativos da nova cociña galega en estreita maridaxe coa gran calidade dos viños de Valdeorras.

Xa sexa na Web do Consello Regulador DO Valdeorras ou na mesa dos restaurantes dos integrantes de Grupo Nove, instámosvos a que gocedes nestas festas da revolución enolóxico-gastronómica da Galicia do século XXI.

Lembrade que poderedes coñecer as receitas para elaborar os pratos na sección de gastronomía do Website da DO Valdeorras.




No hay comentarios:

Publicar un comentario