lunes, 12 de diciembre de 2011

O sector internacional réndese á revolución enóloxica da DO Valdeorras cun aumento de importacións do 93%

 As adegas da Denominación de Orixe case duplicaron as súas exportacións en 2011, respecto ao ano anterior. O volume de 166.469 litros vendido no exterior é un 93 % maior que os 86.196 litros de 2010, segundo os datos que o Consello Regulador logrou recompilar entre os embotelladores. Só o período de 2007, con 209.577 litros, supera a cantidade da última campaña.

En canto ao tipo dos caldos exportados, 106.757 litros foron brancos e 59.712 de tintos. Estas cifras demostran o bo momento da variedade godello, que son as uvas que encabezan as preferencias dos consumidores nas dúas citadas variedades.

O continente americano é o principal mercado das adegas valdeorresas. Cara a él viaxaron 68.643 litros. Máis do dobre, 47.022, son brancos, que atopan no mercado estadounidense un cliente nada despreciable, ao levar 42.262. A Unión Europea, con 42.327 litros, ocupa o segundo lugar na relación de importadores. Os seus compradores mostran unha clara inclinación polo branco, como  demostran os 38.599 litros que adquiriron deste tipo de caldos. No resto de Europa sucede todo o contrario, pois as súas preferencias inclínanse polos tintos, comprando 28.868 litros desta variedade.

Estados Unidos e Suíza, con 49.834 e 31.845 litros, respectivamente, son os maiores importadores. Este dato xustifica plenamente as cidades estranxeiras elixidas polo Consello Regulador para presentar os viños da  Denominación. O pasado 24 de outubro, unha ducia de adegas deron a coñecer os seus caldos en Zúric (Suíza). Cinco meses antes, o 19 de maio, sete embotelladores levaron os seus caldos ao 'Great Match' de Dallas (Estados Unidos).

'Os actos promocionais que organiza o Consello foron programados para os países que reflicten as maiores exportacións e tamén nos que están presentes máis adegas valdeorresas', dixo o presidente do citado Consello Regulador de Valdeorras, José Luís García Pando.

O Consello Regulador remítese a unha combinación favorable de 'calidade, prezo, materia prima e desenrolo' para xustificar o auxe dos viños da Denominación.Unha proba do éxito son os premios e valoracións dos expertos en enoloxía. O último recoñecemento conseguiuno a adega Godeval, polo seu viño de uva godello 'Godeval 2010'. Foi clasificado no posto 71 dos 100 mellores viños do mundo pola prestixiosa revista norteamericana 'Wine Spectator', sendo o único branco español.

'Non é unha sorpresa. Antes xa se nos valorou moi favorablemente', dixo Horacio Fernández Presa, director técnico de Godeval. A adega barquense ten os seus principais mercados en Estados Unidos, Canadá, China, Xapón e Reino Unido, exportando o 40 % dunha produción de 150.000 botellas. Esta porcentaxe supera amplamente o 4 % da produción que a Denominación destina á exportación.

Pola súa banda, a adega ruesa A Coroa sitúase de forma consolidada en Asia obtendo unha máis que destacable medalla de Prata no certame "Mellores viños españois para Asia", celebrado en Hong Kong. Desta forma, o godello de Valdeorras logra un merecido recoñecemento á súa calidade, abanderiado polo traballo que dende hai algúns anos levan realizando algunhas adegas para darse a coñecer nestes novos mercados.

Mentres isto sucede, o compromiso da DO Valdeorras cos seus seguidores faise patente con novos apostas de maridaxes, para que poidades gozar destes mágnificos caldos na súa máxima esencia.








No hay comentarios:

Publicar un comentario