Mostrando entradas con la etiqueta godeval. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta godeval. Mostrar todas las entradas

martes, 22 de octubre de 2013

Excepcional éxito dos viños DO Valdeorras no XIV Salón dos Mellores viños de España

Fonte Info: Cristina de la Torre (Da Pinguela) / J.R. Castellano (Joaquín Rebolledo) /
Amigos de Godeval / Manu Sánchez (Adega Alan)

O XIV Salón dos mellores Viños de España - Guía Peñín 2014 - reforza a repercusión dos viños DO Valdeorras que, este ano, aumentan presenza e bos calificativos.

Guía Peñín convocou o XIV Salón dos Mellores Viños de España, un evento onde se deron cita os viños puntuados con 93 puntos ou máis na Guía Peñín 2014. Como vén sendo habitual, esta cita presentouse como oportunidade única de compartir o éxito das adegas participantes cos profesionais do sector.

O salón celebrouse o pasado 10 de outubro (De 11.00h-21.00h),  nun espazo tan singular coma o Museo do Ferrocarril de Madrid.




No tocante aos viños de Valdeorras e segundo datos facilitados pola propia organización, a presenza estes caldos dentro do salón saldouse sendo a 3ª DO máis valorada de España (cociente xeral de valoración de viños de 90,06 puntos).

As adegas DO Valdeorras con presenza no Salón (é dicir aquelas con viños de 93 ou máis puntos na Guía Peñín 2014) e que quixeron compartir coa nai do viño a súa asistencia son as seguintes: 

Adega Alan de Val


A adega DO Valdeorras Alan de Val visita nesta edición o Salón dos mellores viños de España en compañía do seu "Pedrazais Godello Sobre Lías 2012" que, con 94 puntos, entra a formar parte dos viños máis exclusivos seleccionados pola guía Peñín 2014.

O mesmo ano do seu lanzamento e amparado por diversos premios nacionais, Pedrazais Godello Sobre Lías 2012 reafirma a aposta pola calidade da adega Alan de Val, a través dun viño de gran exclusividade.

Adega Alan é unha adega de ámbito familiar, artesanal, que se funda no ano 1993, a partir da experiencia herdada de pais e avós adicados, dende sempre, ao viñedo, ao viveiro e a elaboración e venda de viños.

No ano 2006 constrúese a nova adega, situada na comarca de Valdeorras e rodeada pola finca "Pedrazais". Nesta nova etapa, incorpóranse novas técnicas e coñecementos co fin de obter os mellores caldos.

Na actual eclosión dos godellos de Valdeorras, atópase o punto de creación de viños complexos e de altísima calidade.

En Adega Alan dáse enorme importancia á viticultura. Así, En 2006 empezan a elaborar viños de leira, buscando a peculiaridade, a singularidade de cada viñedo. A Leira Pedrazais, situada ao redor da adega, é a primeira na que se fai Alan de Val PEDRAZAIS. Seguirán outras como A Costiña ... ; nelas, ademais do varietal, reflíctese o terruño (terroir) que fai únicos aos viños DO Valdeorras.






Adega dá Pinguela


Catro viños desta adega da DO Valdeorras reciben máis de 90 puntos da prestixiosa guía de viños. Entre eles, o máis destacado foi "Memoria de Ventura Mencía 2012" que repite con 94 puntos e liderará a presenza da adega no II Salón das Estrelas.

A revolución nos tintos galegos que presaxiaba hai un ano Carlos González, director da Guía Peñín, consolídase. O Memoria de Ventura Mencía 2012, un viño xove de Adega da Pinguela, elaborado con uva seleccionada das ladeiras valdeorresas, volveu a obter 94 puntos na Guía Peñín.  Esta puntuación sitúao a par doutros viños de denominacións máis vinculadas aos tintos, como Rioja ou Ribera del Duero.

Para o responsable da adega, Francisco Núñez, esta puntuación "é a demostración de que o recoñecemento do ano pasado, cando sorprenderon os nosos 94 puntos, non foi unha anécdota, demostramos que os tintos galegos poden sorprender e competir cos mellores".

Outro tres viños da adega tamén se atopan por riba dos 90 puntos na Guía Peñín. Memoria de Ventura Garnacha 2011 está cualificado con 90 puntos, do mesmo xeito que a Memoria de Ventura Godello 2012.

A novidade de "Dá Pinguela" este ano, Vento 2011, un godello fermentado en barrica, obtivo 92 puntos na que é a súa primeira colleita.

Estes catro viños de Adega dá Pinguela estarán en Madrid o próximo 26 de novembro no II Salón das Estrelas da Guía Peñín xunto aos mellores viños de España en relación calidade prezo. Será a segunda ocasión en que esta adega galega, que aposta por diferenciarse e ofrecer viños con personalidade, participe nun Salón Peñín.






Adega Joaquín Rebolledo


A mítica adega Joaquín Rebolledo segue fiel á súa tradición no salón e, se o ano pasado conseguiu o galardón a mellor tinto xove de España,  este ano continua polos seus foros conseguindo situar a tres dos seus viños por encima dos 90 puntos.

Así e en orde ascendente, o "Mencía Barrica 2011" de Joaquín Rebolledo foi cualificado polos especialistas con 91 puntos; o "Godello 2012" con 92 e  o gran protagonismo deste ano volveu recaer no tinto xove "Joaquín Rebolledo Mencía 2012" con 93 puntos.

A familia Joaquín Rebolledo foi unha das pioneiras, hai 30 anos, na recuperación da uva Godello. Grazas ao impulso de Joaquín Rebolledo e á súa arriscada aposta, hoxe a adega posúe un viñedo de Godello de 30 anos de antigüidade. 

En adicción e coa mencía como variedade tinta por excelencia no norte peninsular, o prestixio de Joaquín Rebolledo en Tintos é mítico e, como se mostra con este novo premio, continúa facéndose acredor de prestixiosos galardóns de primeiro nivel internacional

O parque de barricas da adega é o suficientemente complexo para que os viños de Joaquín Rebolledo sexan moi característicos. Roble francés, americano e caucásico copan a cova da adega. Alí, cunhas condicións de humidade, temperatura e silencio concretas, os viños adquiren unha notable e diferenciadora expresión, que se traduce nun máis que sobresaiente recoñecemento no sector vinícola internacional.






Adegas Godeval


93 puntos máis se foron para outra das míticas adegas Valdeorresas. Neste caso, a acredora foi Godeval a través da súa "Godeval Cepas Vellas 2012" que, un ano máis, volve destacar na prestixiosa guía. 

Adegas Godeval nace en 1986 a raíz do Programa Revival (Reestruturación Viñedos Valdeorras) dedicado á recuperación da variedade godello na comarca. Godeval aposta desde a súa orixe polos viños monovarietales de godello, coidando a uva desde a súa orixe na viña até o seu embotellado.

Actualmente nas súas novas e modernas instalacións comercializa 120.000 botellas anuais coas marcas Godeval e Godeval Cepas Vellas. Viños que elabora con 17 Ha de viñedo propio plantado nos concellos de Ou Barco e Vilamartín de Valdeorras en chans de lousa situados nas ladeiras do val do río Sil.

Ademais Godeval, no seu firme afán pola innovación en aras da excelencia do Godello, volve ser precursora no seu campo desenvolvendo un estudo de criomaceración da Godello. Un ambicioso programa que ten como fin ofrecer ao consumidor a máxima calidade desta variedade.






Adega Rafael Palacios

Foto propiedade: www.quelujo.com
Se se fala de viños de "Alta Gama" en España, é  un referente obrigado facelo de Rafael Palacios, quen co seu viño "Sorte  Ou Soro 2011", logra o título de "Viño Revelación Guía Peñín 2014".

Rafael Palacios e os seus viños son famosos nas máis importantes mesas e adegas particulares a nivel internacional. Ademais, ningún centro de restauración de alta gama que se prece pode obviar algún dos caldos elaborados na DO Valdeorras por Rafael.

Os viñedos de Rafael Palacios atópanse localizados en varias parcelas situadas entre os 600 e 720 metros da parte máis occidental da comarca valdeorresa, é dicir,  a marxe dereita do río Bibei. Os chans areosos son produto de rocas de granito desmenuzadas que lle confiren unha cor crema á terra. A idade do viñedo de Godello vai dende os oito aos 90 anos.

Na actualidade a adega produce unhas 200.000 botellas, das cales case o 60% destínanse á exportación. Os viños producidos son: Bolo, Louro do Bolo, As Sortes e unha selección de 2.000 botellas dunha das mellores viñas das que dispón, O Soro.

Sorte O Soro, na primeira colleita que se comercializa, conseguiu superar as cualificacións do seu irmán maior, As Sortes, un dos mellores brancos de España, e todo iso grazas a unha colleita de gran calidade como foi a 2011. O seu nomeamento como Viño Revelación Guía Peñín 2014 obedece á súa inmensa capacidade expresiva, á súa exaltación da variedade godello, á mineralizade do viño como expresión do seu chan e ao frescor case salino do seu paso final por boca, e todo iso na súa primeira colleita.




jueves, 19 de septiembre de 2013

As adegas DO Valdeorras colleitan a súa Godello cunhas condicións óptimas da uva


Entre 12 e 13 graos, os optimos para a vendima, atópase a Godello nas primeiras zonas de recolección da uva. Ademais, as súas condicións de salubridade e maduración óptimas auguran uns viños de primerísimo nivel para 2014.

A pesar de que se agarda unha redución da cantidade que roldará un 30 %, ese déficit reforzou a maduración e salubridade dunha Godello da que se esperan extraer uns exquisitos caldos. Este é o sentir xeral das adegas DO Valdeorras que empezaron as tarefas de recolección da variedade branca máis especial da rexión.


Vendima de Adega María Teresa Núñez Vega- Fonte: La Región

Estas tarefas, como cada ano, han ir comezando de forma graduada e por zonas debido á diferente orientación e situación xeográfica dos viñedos. Neste marco e como en anos anteriores, a adega María Teresa Núñez Vega foi das pioneiras en saltar ao viñedo a colleitar a Godello obtida nas súas fincas da Barxela - Petín.


O pasado venres Celestino Naveira, máximo responsable da adega, ofrecía as primeiras impresións: "Para nós, a colleita é boa en cantidade e calidade este ano. Nesta zona non afectaron tanto as condicións climatolóxicas adversas e esperamos poder producir ao redor de 40.000 botellas de Bioca Godello".

Á súa vez, augurou unha boa demanda de uva argumentado que "nós non temos viño almacenado do ano pasado, polo que e en xeral, estímase que haberá boa demanda".

Vendima adegas Godeval

Neste marco, outra das adegas en recoller a testemuña e xa na zona de Vilamartín, foi a mítica Godeval, que iniciou as súas tarefas de recolección o pasado luns nos seus viñedos da Graciosa.

Araceli Fernández do Palacio, responsable de Godeval, nárranos as súas impresións: " Este ano as condicións climatolóxicas atrasaron a vendima con respecto a outros anos, pero atopámonos cunha uva de gran calidade. En Godeval facemos mostras aleatorias desde mediados de agosto nos nosos viñedos e, cando a media desas mostras dannos os parámetros que a experiencia nos di que son óptimos para a elaboración, organizamos a vendima"

Á súa vez, destaca que: "a pesar das condicións meteorolóxicas que reduciron a cantidade, ao final atopámonos cun pouquiño máis dos esperado e, iso si, de gran calidade. Teremos unha vendima en canto a cantidade, para nós, suficiente". Prevese que Godeval embotelle este ano unha cantidade próxima ás 150.000 botellas.


Vendima A Coroa
Outra das adegas que tivo a deferencia de compartir coa nai do viño o seu período de recolección foi A Coroa, quen iniciaba onte mércores os seus labores de recollida nas súas fincas de produción controlada.

Segundo nos explica a Directora Comercial e Export Manager da Coroa, Marta Sertaje: "A nós tocounos un pouquiño máis de uva que o ano pasado e, de momento, a que está a chegar á adega atópase moi sa. Librámonos da xeada e da saraiba por sorte, por iso,  esta colleita preséntase tan boa ou mellor que a do ano pasado".

Aínda que a cantidade de uva será un pouco maior que outros anos para A Coroa, Marta Sertaje lembra que esta cantidade difire moi pouco ano tras ano ao ser a primeira adega adscrita ao selo DO Valdeorras de Produción Controlada. " Os incrementos e as diminucións de cantidade de produción das colleitas non nos afectan en demasía, xa que estamos adscritos ao selo de Produción Controlada e, así, podemos centrarnos en exclusiva na calidade". 

O selo de produción controlada implica que, nunha superficie mínima de 0,5 Ha (nunha ou varias parcelas que non superen un radio de 1,5 Km), a produción máxima permitida para tintas será de 6.000 KG uva/ Ha e até 8.000 para brancas. Un Órgano de Control e Certificación do Consello Regulador encárgase de que isto se cumpra a través da figura do veedor, quen realiza un exhaustivo control de todas e cada unha das partes do proceso. Por iso, espérase que a produción de viño rolde as 72.000 botellas de A Coroa, 6000 botellas de A Coroa Lías e 2000 botellas do exclusivo 200 cestos.

A medida que vaian xurdindo novas reseñas e as adegas váiannos facilitando os seus datos de recolección da vendima 2013 na DO Valdeorras, desde A nai do viño irémosvos dando cumprida conta dun período que se está vendo marcado pola excepcional calidade da uva recollida e que augura uns grandes caldos para 2014.

                                    

miércoles, 28 de marzo de 2012

Éxito de acollida á DO Valdeorras por parte do público asistente a Alimentaria 2012

 Dende o Consello Regulador DO Valdeorras, chégannos noticias moi alentadoras en referencia á acollida recibida polos caldos valdeorresés en Alimentaria 2012.

Segundo palabras do director técnico Jorge Mazaira: "A participación en Alimentaria 2012 foi un éxito en todos os aspectos: tanto de acollida por parte do público asistente, que non aforraron eloxios para os viños DO Valdeorras, como na presenza que os propios caldos tiveron na feira. Entre os mágnificos cualificativos recibidos, encomiouse con gran énfase a frescura, elegancia e profundidade dos brancos, sendo estes apelativos unánimes entre os visitantes"

Das palabras de Jorge Mazaira despréndese unha xa habitual satisfacción polo interese mostrado desde o sector internacional polos viños DO Valdeorras. Unha vez máis, a multitude de premios internacionais que reciben as adegas veñen referendados polas grandes acollidas que se lles outorga nestes actos promocionais, máis persoais e abertos a un público heteroxéneo, onde os viños da DO Valdeorras seguen causando sensacións sobresaientes e de distinción.


Ademais do mostrador do Consello Regulador, integrado dentro da Caseta da Xunta de Galicia e onde estaban presentes un gran número de adegas Valdeorresas, a atención da comitiva de Valdeorras quixo mostrar a excelencia dos seus caldos en estreita maridaxe con algúns dos produtos característicos da comunidade de Galicia. Ofrecendo, desta forma, unha armoniosa comuñón de sabores que fixo as delicias dos asistentes.

Maridaxe viños DO Valdeorras con Queixos de Galicia
Tamén as adegas que participaban con Caseta propia en Alimentaria fixéronse eco da singular notoriedade que o público dispensou aos viños desta denominación de orixe, tal e como demostran as fotos que nos chegan desde as Adegas Godeval e Ruchel.





lunes, 12 de diciembre de 2011

O sector internacional réndese á revolución enóloxica da DO Valdeorras cun aumento de importacións do 93%

 As adegas da Denominación de Orixe case duplicaron as súas exportacións en 2011, respecto ao ano anterior. O volume de 166.469 litros vendido no exterior é un 93 % maior que os 86.196 litros de 2010, segundo os datos que o Consello Regulador logrou recompilar entre os embotelladores. Só o período de 2007, con 209.577 litros, supera a cantidade da última campaña.

En canto ao tipo dos caldos exportados, 106.757 litros foron brancos e 59.712 de tintos. Estas cifras demostran o bo momento da variedade godello, que son as uvas que encabezan as preferencias dos consumidores nas dúas citadas variedades.

O continente americano é o principal mercado das adegas valdeorresas. Cara a él viaxaron 68.643 litros. Máis do dobre, 47.022, son brancos, que atopan no mercado estadounidense un cliente nada despreciable, ao levar 42.262. A Unión Europea, con 42.327 litros, ocupa o segundo lugar na relación de importadores. Os seus compradores mostran unha clara inclinación polo branco, como  demostran os 38.599 litros que adquiriron deste tipo de caldos. No resto de Europa sucede todo o contrario, pois as súas preferencias inclínanse polos tintos, comprando 28.868 litros desta variedade.

Estados Unidos e Suíza, con 49.834 e 31.845 litros, respectivamente, son os maiores importadores. Este dato xustifica plenamente as cidades estranxeiras elixidas polo Consello Regulador para presentar os viños da  Denominación. O pasado 24 de outubro, unha ducia de adegas deron a coñecer os seus caldos en Zúric (Suíza). Cinco meses antes, o 19 de maio, sete embotelladores levaron os seus caldos ao 'Great Match' de Dallas (Estados Unidos).

'Os actos promocionais que organiza o Consello foron programados para os países que reflicten as maiores exportacións e tamén nos que están presentes máis adegas valdeorresas', dixo o presidente do citado Consello Regulador de Valdeorras, José Luís García Pando.

O Consello Regulador remítese a unha combinación favorable de 'calidade, prezo, materia prima e desenrolo' para xustificar o auxe dos viños da Denominación.Unha proba do éxito son os premios e valoracións dos expertos en enoloxía. O último recoñecemento conseguiuno a adega Godeval, polo seu viño de uva godello 'Godeval 2010'. Foi clasificado no posto 71 dos 100 mellores viños do mundo pola prestixiosa revista norteamericana 'Wine Spectator', sendo o único branco español.

'Non é unha sorpresa. Antes xa se nos valorou moi favorablemente', dixo Horacio Fernández Presa, director técnico de Godeval. A adega barquense ten os seus principais mercados en Estados Unidos, Canadá, China, Xapón e Reino Unido, exportando o 40 % dunha produción de 150.000 botellas. Esta porcentaxe supera amplamente o 4 % da produción que a Denominación destina á exportación.

Pola súa banda, a adega ruesa A Coroa sitúase de forma consolidada en Asia obtendo unha máis que destacable medalla de Prata no certame "Mellores viños españois para Asia", celebrado en Hong Kong. Desta forma, o godello de Valdeorras logra un merecido recoñecemento á súa calidade, abanderiado polo traballo que dende hai algúns anos levan realizando algunhas adegas para darse a coñecer nestes novos mercados.

Mentres isto sucede, o compromiso da DO Valdeorras cos seus seguidores faise patente con novos apostas de maridaxes, para que poidades gozar destes mágnificos caldos na súa máxima esencia.








viernes, 2 de diciembre de 2011

Broche de Ouro para os viños de Valdeorras cun godello seleccionado entre os 100 mellores viños do mundo


Wine Spectator situou ao Godello de Valdeorras Godeval 2010 entre os 100 mellores viños do mundo; enxalzándoo no posto 71, como único viño branco español incluído no Top 100 da prestixiosa publicación estadounidense.

Este prestixioso recoñecemento únese ao que recolliamos dende a nai do viño alá por Setembro; onde Wine Spectator outorgaba 90 puntos ao godello de Godeval que se sumaban aos 91 puntos outorgados por Parker en xullo. Pola súa banda, os especialistas galegos de AGASU e GALLAECIA tamén premiaron o gran traballo desta adega, pioneira en recuperar o Godello en Galicia, con senllos recoñecementos que sitúan de forma merecida a aposta de calidade de Godeval.

Os recoñecementos que chegan ás adegas de Valdeorras, tanto do ámbito nacional como internacional, xa non resultan estraños para ninguén. Se Estados Unidos rendeuse á gran calidade do Godello de Valdeorras; agora países como: Inglaterra, Francia, Italia e sobre todo salientar a importancia de Alemaña como importante competidor en brancos, fíxanse en Valdeorras como un exemplo a seguir en aspectos de calidade, prezo, materia prima e desenvolvemento.

A nivel nacional o mercado está a estenderse moito. Importantes rexións como as comunidades de Madrid, Cataluña, Baleares, Levante, A Mancha ou Cantabria, entre outras moitas, supuxeron un incremento máis que considerable na demanda e consecuente consumo dos viños de Valdeorras por toda España.

Con todo iso, queremos felicitar aos adegueiros de Godeval, extendendo a nosa felicitación e agradecemento a todas as adegas valdeorresas, por todo o empeño que poñen no arduo traballo de elaborar uns dos mellores viños do mundo, sempre fundamentados na honestidade do gran labor de crear uns caldos que son fiel reflexo das súas xentes e a súa terra.





jueves, 22 de septiembre de 2011

Wine Espectator outorga 90 puntos a Godeval 2010

A prestixiosa revista nortemaricana Wine Spectator outorga 90 puntos ao godello de Godeval 2010.

A prestixiosa publicación estadounidense Wine Spectator, da que o godello de Godeval é un dos habituais nos seus recoñecementos dos últimos anos, non quixo perder a tradición outorgando ao godello 2010 unha cualificación de 90 puntos.

Este recoñecemento únese ao recibido de man de The Wine Advocate que lle outorgou á colleita 2010 unha cualificación de 91 puntos e que é a mellor cualificación obtida por este viño na súa historia na revista que dirixe e edita Robert Parker, xa que as anadas 2006, 2007, 2008 e 2009 lograron 90 puntos.

O godello de Godeval, que se comercializa en Estados Unidos baixo o nome de "Viña Godeval", recolle as seguintes valoracións por parte da prestixosa publicación:

"Este ousado branco móstranos unha equilibrada acidez con remarcados aromas minerais, de pomelo e d herba fresca. Un pouco austero, pero estimulante e equilibrado. Un gran complemento para as comidas" 




martes, 6 de septiembre de 2011

As adegas da D.O. Valdeorras atópanse en plena vendima

Fonte info: Comunicalium
Varias adegas do D.O. Valdeorras áchanse inmersas en plena vendima, entre elas a premiada Godeval.

Cunha semana de adianto fronte a unha campaña normal, o pasado 29 de agosto Godeval comezou a súa vendima 2011, da que destacan, por unha banda a óptima maduración das uvas así como o seu excelente estado sanitario.

"Un ano máis, o noso Godello fai honra á súa calidade", afirma Horacio Fernández Presa, fundador de Adegas Godeval.

Este é o segundo ano na historia da adega amparada pola D.O. Valdeorras en que se comeza a vendima en agosto.

"Para nós, o habitual é empezar a primeiros de setembro, pero este ano a uva mostraba unha maduración óptima o último fin de semana de agosto e por iso decidimos comezar o pasado luns. Este adianto debeuse á tensión hídrica sufrida polo viñedo durante a primavera e o verán, pero favorece a calidade", explica Fernández Presa.

Así, as uvas de Godeval, aínda que un pouco máis pequenas de tamaño que outros anos, ten un excelente equilibrio entre azucre e acidez e o seu grao alcohólico probable roldará os 13º.


"Isto é contrario aos criterios dalgúns que opinan que os viños brancos deben ter menor gradación, en cambio eu considero que mostran a súa máxima expresión ao redor dos 12º-13º", opina a alma máter de Godeval.

En definitiva, trátase dunha colleita que se está desenvolvendo con arranxo á normalidade e que, sen dúbida, dará orixe a unha anada sobresaliente tanto de Godeval como de Godeval Cepas Vellas, as dúas referencias da adega.





martes, 26 de enero de 2010

BODEGA GODEVAL, S.A.T.

Godeval conta para a súa vinificación cunha modernísima tecnoloxía, que se suma á noble vocación dos seus fundadores por respetar o mellor que a tradición pode aportar. Dende a súa fundación prima máis a calidade que a cantidade, polo que a súa producción non pasa dos 150.000 litros, elaborados exclusivamente con uvas Godello das súas 17 belísimas hectáreas de viñedo propio.

Instaladas no mesmo monasterio Xagoaza, que, recordemos, data do século XII, as súas grosas paredes de vella pedra non só proporcionan unha fermosa estética senón tamén o aislamento máis convinte para o nacemento dese milagre chamado viño.

Os viñedos de Bodegas Godeval foron prantados nos anos 70 y 80 polos seus fundadores, polo que a idade media das cepas é superior aos 15 anos. Están situados nas ladeiras coas pendentes máis pronunciadas da comarca, en terreos de carácter louseiro, plantados en empalizadas e orientados na súa maioría cara o sur, polo que queda garantizada non só a maduración senón tamén un perfecto estado de saúde.

Coidadosos co seu entorno, os responsables da adega utilizan técnicas de producción integrada que respetan ao máximo o ecosistema da zona. Por sistema e porque o obriga a orografía, a vendima é totalmente manual.

Coa recuperación da variedade Godello, a intención da adega foi ofrecer un viño branco xoven, suave, aromático e afroitado, que responda claramente ao concepto dun magnífico viño monovarietal. O resultado foi: Viña Godeval, un viño noble no que destaca tanto a variedade, como o clima e o chan de onde procede; un viño que acaba de ser elexido pola prestixiosa revista norteamericana "Wine Spectator" como o mellor viño español do mundo cun coste inferior aos 12 euros.