jueves, 19 de septiembre de 2013

As adegas DO Valdeorras colleitan a súa Godello cunhas condicións óptimas da uva


Entre 12 e 13 graos, os optimos para a vendima, atópase a Godello nas primeiras zonas de recolección da uva. Ademais, as súas condicións de salubridade e maduración óptimas auguran uns viños de primerísimo nivel para 2014.

A pesar de que se agarda unha redución da cantidade que roldará un 30 %, ese déficit reforzou a maduración e salubridade dunha Godello da que se esperan extraer uns exquisitos caldos. Este é o sentir xeral das adegas DO Valdeorras que empezaron as tarefas de recolección da variedade branca máis especial da rexión.


Vendima de Adega María Teresa Núñez Vega- Fonte: La Región

Estas tarefas, como cada ano, han ir comezando de forma graduada e por zonas debido á diferente orientación e situación xeográfica dos viñedos. Neste marco e como en anos anteriores, a adega María Teresa Núñez Vega foi das pioneiras en saltar ao viñedo a colleitar a Godello obtida nas súas fincas da Barxela - Petín.


O pasado venres Celestino Naveira, máximo responsable da adega, ofrecía as primeiras impresións: "Para nós, a colleita é boa en cantidade e calidade este ano. Nesta zona non afectaron tanto as condicións climatolóxicas adversas e esperamos poder producir ao redor de 40.000 botellas de Bioca Godello".

Á súa vez, augurou unha boa demanda de uva argumentado que "nós non temos viño almacenado do ano pasado, polo que e en xeral, estímase que haberá boa demanda".

Vendima adegas Godeval

Neste marco, outra das adegas en recoller a testemuña e xa na zona de Vilamartín, foi a mítica Godeval, que iniciou as súas tarefas de recolección o pasado luns nos seus viñedos da Graciosa.

Araceli Fernández do Palacio, responsable de Godeval, nárranos as súas impresións: " Este ano as condicións climatolóxicas atrasaron a vendima con respecto a outros anos, pero atopámonos cunha uva de gran calidade. En Godeval facemos mostras aleatorias desde mediados de agosto nos nosos viñedos e, cando a media desas mostras dannos os parámetros que a experiencia nos di que son óptimos para a elaboración, organizamos a vendima"

Á súa vez, destaca que: "a pesar das condicións meteorolóxicas que reduciron a cantidade, ao final atopámonos cun pouquiño máis dos esperado e, iso si, de gran calidade. Teremos unha vendima en canto a cantidade, para nós, suficiente". Prevese que Godeval embotelle este ano unha cantidade próxima ás 150.000 botellas.


Vendima A Coroa
Outra das adegas que tivo a deferencia de compartir coa nai do viño o seu período de recolección foi A Coroa, quen iniciaba onte mércores os seus labores de recollida nas súas fincas de produción controlada.

Segundo nos explica a Directora Comercial e Export Manager da Coroa, Marta Sertaje: "A nós tocounos un pouquiño máis de uva que o ano pasado e, de momento, a que está a chegar á adega atópase moi sa. Librámonos da xeada e da saraiba por sorte, por iso,  esta colleita preséntase tan boa ou mellor que a do ano pasado".

Aínda que a cantidade de uva será un pouco maior que outros anos para A Coroa, Marta Sertaje lembra que esta cantidade difire moi pouco ano tras ano ao ser a primeira adega adscrita ao selo DO Valdeorras de Produción Controlada. " Os incrementos e as diminucións de cantidade de produción das colleitas non nos afectan en demasía, xa que estamos adscritos ao selo de Produción Controlada e, así, podemos centrarnos en exclusiva na calidade". 

O selo de produción controlada implica que, nunha superficie mínima de 0,5 Ha (nunha ou varias parcelas que non superen un radio de 1,5 Km), a produción máxima permitida para tintas será de 6.000 KG uva/ Ha e até 8.000 para brancas. Un Órgano de Control e Certificación do Consello Regulador encárgase de que isto se cumpra a través da figura do veedor, quen realiza un exhaustivo control de todas e cada unha das partes do proceso. Por iso, espérase que a produción de viño rolde as 72.000 botellas de A Coroa, 6000 botellas de A Coroa Lías e 2000 botellas do exclusivo 200 cestos.

A medida que vaian xurdindo novas reseñas e as adegas váiannos facilitando os seus datos de recolección da vendima 2013 na DO Valdeorras, desde A nai do viño irémosvos dando cumprida conta dun período que se está vendo marcado pola excepcional calidade da uva recollida e que augura uns grandes caldos para 2014.

                                    

No hay comentarios:

Publicar un comentario