martes, 20 de agosto de 2013

Os viños DO Valdeorras espertan interese en Texas


O incipiente crecemento do Estado norteamericano de Texas non deixa de lado a excelencia dos viños DO Valdeorras e, nunha visita comercial realizada a finais de Xullo, achegou á comarca a importadores e catadores para coñecer "In situ" a calidade dos caldos valdeorreses.

A través dun proxecto impulsado por INORDE e coa firma Go Galicia Worldwide Business como intermediaria, James King, presidente dos catadores texanos e impulsor das importacións de viño galego a este estado, visitou Galicia o pasado mes de xullo facendo parada de rigor na DO Valdeorras.

Desta visita, na que se viu acompañado por Pilar Torres - responsable da organización de "Welcome to Galicia Week" en Houston - e que os levou por todas as denominacións de orixe Galegas, King puido acceder a diferentes adegas valdeorresas, pechando acordos con O Cepado e A Pinguela.

James King visitando viñedo de O Cepado - Foto: Adega O Cepado

Os viños de O Cepado e A Pinguela únense a outras adegas da DO Valdeorras que xa levan varios anos operando  neste mercado. É o caso de A Coroa, Valdesil e Godeval que comercializan as súas anadas nalgúns dos centros vinícolas máis importantes do estado da estrela solitaria.

Así e tras un estudo "In situ" do referente económico do estado, a cidade de Houston, pódense atopar as marcas valdeorresas en "Spec´s", a viñoteca máis importante de Texas, e algúns puntos de venda situados en importantes zonas de primeiro nivel adquisitivo, caso de Woodlands, cidade dormitorio das altas fortunas do estado.


A importancia deste mercado debe ser interpretada na súa xusta medida, xa que, aínda que se albisca como o incipiente motor industrial de Estados Unidos - Industria Médico-Farmaceútica, Industria Petroquímica, disparado índice de crecemento demográfico, o 6º porto máis importante do mundo e a cidade de USA que máis negocio xera segundo a última análise FORBES-, débese entender como un mercado emerxente que, aínda con menor risco de volatilidade que outros exteriores, aínda non asentou ao 100% a cultura do viño nos consumidores potenciais.

Pilar Torres - Frame: Telemiño
A pesar diso, as primeiras iniciativas para materializar este asentamento mostran claras doses de optimismo. Así se desprende das palabras de Pilar Torres concedidas en exclusiva á nai do viño: "Os primeiros achegamentos foron moi positivos. Na cidade de Houston realizáronse varios actos co viño galego como protagonista e a resposta foi impresionante".

Algúns destes actos, como a cata Best Galician Wines ou, sobre todo, Welcome to Galicia Week, son os encargados de dar énfases á introdución do viño galego en Texas.

Entrega de premios Best Galician Wines - Houston 2012
Centrándonos en Welcome to Galicia Week - semana promocional de Galicia en Houston que este ano se celebrará no mes de novembro -, dende a organización , Go Galicia Worldwide Business, póñense altas expectativas promocionais que se estiman corresponderan cunha amplía afluencia de distribuidores, restauradores e público en xeral de todo o estado. Alí,  os asistentes terán a oportunidade de coñecer "in situ" as bondades, calidade e excelencia do produto galego en xeral e algúns dos viños DO Valdeorras máis significativos en particular.    

Desta semana, así como de calquera acto paralelo que poida xurdir en relación ao evento, darémosvos cumprida información dende A nai do viño.






No hay comentarios:

Publicar un comentario