Mostrando entradas con la etiqueta DO VALDEORRAS XANTAR 2013. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta DO VALDEORRAS XANTAR 2013. Mostrar todas las entradas

martes, 12 de marzo de 2013

Suíza e Xapón novos destinos promocionais para os viños DO Valdeorras


Mentres a Caseta do Consello Regulador DO Valdeorras recibiu multitude de visitas na Feira Xantar 2013, desde a directiva deste organismo xa se preparan as próximas actividades promocionais que levarán aos viños DO Valdeorras  a visitar Suíza e Xapón.

Unha vez concluída a Feira Gastronómica de Galicia, Xantar 2013, que se desenvolveu entre gran expectación e visitas á Caseta do Consello Regulador DO Valdeorras; este organismo porá en marcha a seguir unha serie de preparativos para comezar unha xira promocional, que levará aos viños desta DO a importantes mercados internacionais como o suízo e o xaponés.

Caseta do Consello Regulador DO Valdeorras en Xantar
Xantar, que pechaba o domingo as súas portas, desenvolveu as súas actividades entre unha gran expectación que recaeu, de forma especial, sobre os viños DO Valdeorras. Desta forma, a comitiva estranxeira invitada á Feira, este ano Perú, puido gozar e valorar de primeira man dos viños DO Valdeorras.

Comitiva do Perú desfrutando dos viños DO Valdeorras

Neste ambiente con marcada tinguidura internacional, o punto de partida das próximas presentacións iniciarase en terras helvéticas o 18 de Abril, no hotel METROPOL de Zúric.

 Ao acto, ao que acudirán algunhas das adegas máis destacadas da DO e das que vos daremos cumprida información en próximas crónicas, reunirá á flor e nata do sector profesional da rexión centroeuropea, e servirá como importante complemento ás exitosas presentacións realizadas neste país en anos anteriores.


Unha vez culminada a cita co sector especializado Suízo, o Consello Regulador marcará a súa próxima cita en FENAVIN -  do 7 ao 9 de Maio - onde, desde a Caseta propia do organismo, farase cumprida representación dun diverso número de adegas.

Foto: EFE ARQUIVO /   Frack Robichon

Esta feira abrirá paso á gran cita de Xapón: VINALITUR, que se celebrará  os próximos 13 e 14 de Maio en Tokio.

Nesta feira, o Consello Regulador DO Valdeorras actuará en representación de 7  adegas cos seus viños, e porase a disposición, a través da nai do viño, dunha serie de invitacións para todos aqueles que desexen asistir.

 A través destes actos, dos que vos iremos dando cumprida conta ao longo das próximas semanas, iniciarase  a primeira serie de actos promocionais que o Consello Regulador ten programados para 2013 e, a través dos cales, preténdese reforzar o prestixio internacional do que se fixeron acredores os viños DO Valdeorras no panorama vinícola internacional.