lunes, 7 de junio de 2010

Máis de 400 profesionais e coñecedores dos viños asisten en Compostela á presentación da colleita 2009 de DO Valdeorras



O Consello Regulador do D.O. Valdeorras presentou en Compostela a colleita 2009. O acto celebrouse no Hostal dos Reis Católicos e contou coa participación de máis 400 profesionais dos sectores da hostalaría, a restauración, prensa especializada, catadores e, en xeral, coñecedores dos viños galegos. O presidente do Consello Regulador, José Luís García Pando, mostrou a súa satisfacción pola gran acollida deste evento, que se celebra en Santiago por terceiro ano consecutivo.

Durante a presentación, García Pando definiu a colleita de 2009 como dunha calidade excelente aínda que non abundante, dadas as especiais condicións climatolóxicas que afectaron á Comunidade galega durante o pasado ano. Con todo, o presidente do Consello Regulador dixo estar moi contento pola evolución dos viños de Valdeorras durante estes últimos anos, lembrando que se trata dun D.O. que ten xa uns niveis de calidade amplamente recoñecida, ás veces mesmo máis fóra das nosas fronteiras que no mercado nacional.

José Luís García Pando adiantoulles aos asistentes a este acto que o próximo mes de outubro, o Consello Regulador fará unha presentación dos viños en Nova York, un mercado, o estadounidense que ofrece, segundo indicou, unhas grandes perspectivas de negocio. Neste sentido, tamén destacou que a evolución das exportacións é moi positiva e compensa a crise do mercado nacional. A crise, en todo caso, non está a afectar demasiado á Denominación, segundo o presidente, aínda que que se se nota máis dificultades na distribución.

Pola súa banda, o director técnico, Jorge Mazaira, definiu a colleita do 2009 como atlántica, polo grao de acidez e frescura que presentan os seus viños brancos, e de gran calidade. No que respecta aos tintos afirmou que presentan aromas a froita fresca e, para ambos os casos, viños que conservados nas condicións debidas aguantan perfectamente entre tres e catro anos en botella sen perder absolutamente nada das súas calidades.

Vinte e seis adegas acollidas á Denominación de Orixe foron as encargadas de presentar máis de sesenta marcas de brancos, tintos e tintos madurados en barrica mediante degustacións comentadas polos propios adegueiros.

Con esta presentación pública, o D.O. Valdeorras quixo dar a coñecer na capital de Galicia os viños desta comarca do nordeste da provincia de Ourense, que programa realizar unha segunda presentación da colleita o próximo mes de xuño en Vigo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario