martes, 15 de junio de 2010

Valdeorras cría viño noble de mencía en barrica que compite cos rioxas

A adega Virxe de Galir, referente en apostar pola calidade, avoga por un departamento de I+D+i na denominación.


Un dos produtos dos que pode presumir Galicia é dos seus excelentes viños, que a pesar da alta competitividade neste sector, colocou os seus caldos insignia nas mesas de case todo o mundo.

A denominación de orixe ourensá de Valdeorras é unha das emerxentes na nosa comunidade grazas ao bo facer da maioría das súas adegas, nunha aposta decidido pola calidade e a diferenciación.

Virxen de Galir é unha desas adegas que se converteu en referente nesta denominación. Os seus viños insignia figuran, coas puntuacións máis altas, na nómina do crítico Robert Parker. De orixe familiar, naceu en 2002, "aproveitando a tradición vitícola da nosa familia que se remonta varias décadas atrás", sinala David Barros, xerente da adega. Na actualidade conta con 15 hectáreas de viñedo provenientes da saga familiar e a súa aposta, unha das pioneiras en Galicia neste aspecto, foi a de elaborar viños nobres de mencía criados en carballo, de calidade, "para competir nas mesas cos mellores caldos de Rioxa, Ribeira do Douro... rompendo a crenza de que os tintos galegos eran inferiores en calidade ou para consumo local", explica David.

Engade "hoxe en día e creo que en parte grazas á nosa aposta, as adegas máis representativas de Galicia contan na súa gama de produtos con algún Mencía barrica, e penso que nun futuro non moi afastado estes serán os viños predominantes naquelas adegas que dispoñan de viñedos con calidades para vinificación en madeira, neste sentido creo que Valdeorras e Monterrey son as máis propicias para este tipo de elaboración en madeira debido a chan e clima", asegura.

Para facer un viño de calidade, David indica que a única receita secreta "está na viña, en crer e querer o viño que se desexa facer, a nosa maior forza son os nosos viñedos, sobre lousa, en altitude e sendo os que máis horas de sol teñen de Galicia, a partir de aquí, moita dedicación en viña con bo complemento tecnolóxico e humano en adega", afirma.

Futuro do sector. O futuro dos viños galegos cre que pasa "por elaborar viños de calidade diferenciada, cada vez máis, os mercados están máis saturados e para exploralos é

necesario viños que acheguen algunha calidade diferenciadora e propia da zona, e como denominación de orixe debemos apostar por un valor engadido como o enoturismo", relata David, de acordo coa filosofía que aplica na súa adega.

Tamén destaca que "sería moi importante desenvolver ou crear un departamento exclusivo de I+D+i na denominación que nos permita estar en continua evolución, hoxe máis que nunca se te pairas...morres", di.

En canto ao papel das denominacións non dubida en afirmar que, nestes momentos, "non se entende o consumo ou elaboración de viños se non están amparados por algunha denominación, xa que é garantía para os consumidores de calidade e procedencia".

No hay comentarios:

Publicar un comentario