miércoles, 22 de junio de 2011

Rusia aposta polo viño español como referente de calidade

Fonte artigo: vinogallego e ICEX
O cambio de tendencias de consumo en Rusia e a promoción dos viños de calidade españois, producen que as importacións rusas de viño español subisen un 7,6% en vendas e un 37,8% en volume no primeiro trimestre de 2011

Segundo un estudo publicado recentemente polo Observatorio Español do Mercado do Viño (OeMv), as importacións totais de viño en Rusia incrementáronse no primeiro trimestre de 2011 un 7,6% en volume, até alcanzar os 83,8 millóns de litros e un 37,8% en valor, o que supuxo unha cifra de 114,3 millóns de euros de facturación.

Un dos datos máis significativos que se desprenden do informe do OeMv é o cambio de tendencia que se aprecia na demanda de viño importado envasado, a cal superou por primeira vez en importancia ao viño a granel nas importacións rusas.

Segundo o estudo, o viño envasado foi o produto que máis peso tivo no mercado ruso de importación, superando por primeira vez ao viño a granel e alcanzando o 53% da cota en volume e o 69% en valor.

Pola súa banda, o viño a granel, que fora o produto máis importado en volume durante 2010 sufriu un retroceso do 1,7% durante o primeiro trimestre de 2011.

Este dato apunta a un cambio de tendencia no mercado do viño de importación en Rusia cara a unha demanda de produtos de maior calidade, algo que pode beneficiar o crecemento das exportacións de viño español a este país, sobre todo en canto ao seu valor.

España situouse como o principal provedor de viño a Rusia en volume, alcanzando no tres primeiros meses de 2011 os 19,7 millóns de litros. En valor, o viño español sitúase na terceira posición, superado polos viños franceses e italianos, nesa orde.

A posición dos viños españois en Rusia está determinada polo predominio histórico que tiveron os viños a granel nas exportacións totais a este país.
Visita da comitiva rusa a adegas Godeval
Os viños con denominación de orixe representaron tan só un 5% do valor das exportacións españolas de viño a Rusia no ano 2010, en tanto que os viños a granel supuxeron un 60% do valor exportado nese  mesmo ano. Así, os viños españois están rematando coa imaxe no mercado ruso de viños baratos pola de viños de calidade.

E neste marco móvense os viños galegos. O patente cambio de tendencia materializouse en importantes visitas profesionais, que acudiron ás diversas denominacións galegas para coñecer "in situ" a calidade que os seus caldos transmiten, tanto nivel nacional como internacional.

Desta forma, e como nos faciamos eco fai apenas unhas xornadas, un nutrido grupo de profesionais rusos, conformado por destacados importadores, aos que se sumarón, diversos someliers de restaurantes das cidades de Samara, Novosibirsk, Perm, Ekatrerinburg e San Petersburgo; visitaron as adegas Godeval para degustar os afamados caldos "Godeval" e "Godeval Cepas Vellas", cualificados con 98 e 99 puntos respectivamente nos galardóns "Excelencia 2011", e dos que levaron unha máis que grata impresión.

No hay comentarios:

Publicar un comentario