lunes, 22 de noviembre de 2010

Viño galego en carballo, unha prometedrora parella

Fonte foto e artigo: La voz de Galicia

O carballo do país preséntase como unha boa alternativa para a crianza

Cata de viños criados en carballo galego. Esta era o pasado sábado a penúltima actividade do Salón de Viños e Augardentes de Galicia (a última foi unha velada jazzística), celebrado esta semana na Coruña. Antes da cata, Ignacio Díaz Maroto, enxeñeiro agroforestal da Universidade de Santiago, avanzou algúns datos da investigación sobre o uso do carballo galego na crianza de viños, un traballo de I+D no que participan tamén a Universidade de Castela-A Mancha, a Adega Algueira, da Ribeira Sacra, e o Consello Regulador de Valdeorras. «Tampouco é que esteamos a inventar nada, porque isto xa o facían os romanos», apuntaba Maroto.

Levan ano e medio con este proxecto e fixeron unha primeira mostra con mencía de Valdeorras e de Ribeira Sacra «para poder facer unha comparativa». Dúas barricas de 225 litros, unha con viño de cada zona, serviron para ir rexistrando os primeiros datos. O de Valdeorras estivo en barrica un catro meses e medio «e xa o sacamos». O Ribeira Sacra estará case dez meses. O primeiro deles «ten un tostado lixeiro; iso é que cando se fixeron as barricas estiveron en contacto co fume, non co lume, porque os viños de aquí non aguantan ese tostado superior que teñen, por exemplo, os rioja», explicaba Ignacio Díaz. No caso da barrica con ribeira sacra «é sen tostado para poder comparar, para ver que pasa sen ningunha interferencia externa», detallou.

Marcial Pita, secretario da asociación española de xornalistas do viño, dirixiu onte a cata destes caldos galegos criados en carballo galego, unha investigación que continuará coa colleita deste ano «porque ás veces hai moita diferenza entre a anada dun ano e de outro», indicaba Díaz Maroto.

Este experto destacaba o dato recolleito o pasado xoves no suplemento Fugus de La voz de Galicia  por Luís Díaz, segundo o cal hai algúns colleiteiros, como Eladio Rodríguez en Ribeiro, que elaboran desde hai tempo «un tinto en barricas de carballo de bosques lucenses fabricados nunha tonelería de Xerez».

Para Maroto, o problema é que en Galicia non hai suficientes carballos, «unhas 220.000 hectáreas». Dos útiles para barricas, «teñen que medir máis de 40 centímetros á altura do peito», habería unhas 20.000.

«É unha madeira extraordinaria, con composicións en taninos moi boas e de calidade cando menos igual á do carballo americano, e habería que ver se non igual ao carballo francé, conclúe. Unha proba: os donos do whisky Macallan viñeron por carballo galego para crialo. Por todo iso, o futuro desa parella de «viño galego en carballo galego» é prometedor.


No hay comentarios:

Publicar un comentario