lunes, 18 de julio de 2011

Bos presaxios para a colleita 2011 en Galicia

A floración avanzada das vides na primavera presaxia que se adianten as vendimas en tres das denominacións de orixe galegas augurando en aspectos de enteireza e salubridade do froito "unha gran colleita".

Aínda que o tempo no próximo mes e medio xogará un papel fundamental no devir das colleitas, polo momento desde os consellos reguladores galegos espérase unha moi boa colleita para 2011.

Nas cinco denominacións vitícolas de Galicia, segundo sinalan desde as súas consellos reguladores, a colleita de uva desta campaña "vai como unha seda". O froito está san e o proceso de maduración avanza sen problemas. Todo apunta a que haberá calidade e tamén cantidade.

Á hora de facer previsións sobre a vendima, debido á primavera seca e calorosa que precipitou a floración, Rías Baixas, Ribeira Sacra e Valdeorras apuntan que a colleita vaise adiantar. Dende o órgano de certificación e control do consello de Rías Baixas prevén un adianto de dúas semanas con respecto ao ano pasado, sempre co matiz da evolución meteorolóxica do próximo mes e medio. Neste aspecto a maior preocupación para Rías Baixas é a seca pertinaz e como poderán soportala as plantas.

Desde Riberia Sacra, Xosé Manuel Rodríguez presidente do Consello Regulador matiza un adianto doutras dúas semanas con respecto á campaña anterior, o que suporía comezar os traballos de recolección a última semana de agosto ou a primeira de setembro, sempre a expensas da evolución climatolóxica do próximo mes.

Mentres no Ribeiro e Monterrei aínda mostran cautela en Valdeorras, de boca do técnico do Consello Santiago Pérez, augúranos unha previsión de adianto da colleita dunha semana ,explicando que a floración este ano na comarca adiantouse case medio mes. Aínda que o estado de salubridade da uva augura cantidade e calidade na comarca valdeorresa, Santiago Pérez móstrase cauto nas súas previsións precisando que "temos que ser prudentes e agardar á evolución de temperaturas e precipitacións até a última semana de agosto"

Como dato reseñable anunciar que 126 milímetros foi a media das precipitacións caídas na pasada primavera en Galicia, un 40% menos das habituais nun ano normal. Foi o rexistro máis baixo dos últimos 50 anos, unha cifra só comparable á do ano 1982.



No hay comentarios:

Publicar un comentario