viernes, 15 de julio de 2011

España crea a primeira plataforma tecnolóxica do viño en Europa

Fonte artigo: vinogallego.com

A Plataforma Tecnolóxica do Viño de España ten como obxectivo a mellora do sector en investigación e desenvolvemento, optimizando os recursos existentes.

Este 14 de Xullo constituíuse en Madrid a Plataforma Tecnolóxica do Viño de España, a primeira de Europa dedicada a este sector, cuxa creación xa se anunciou o pasado mes de abril en diferentes medios relacionados co sector.

A creación da Plataforma Tecnolóxica do Viño, que conta cun orzamento inicial de 290.000 euros, responde á necesidade de evitar as duplicidades existentes nos investimentos en I+D+I.

Con máis de 200 integrantes (adegas, consellos reguladores, universidades, fundacións, centros tecnolóxicos, asociacións empresariais, empresas e profesionais) e co apoio do Goberno de España, ten como obxectivo aumentar a competitividade do sector, identificando as principais necesidades e retos tecnolóxicos aos que se enfronta, e superándoos mediante iniciativas innovadoras.

A asemblea constituínte foi inaugurada polo presidente provisional do Consello Reitor da Plataforma, José Luís Benítez, e representantes dos Ministerios de Ciencia e Innovación e do MARM.

A Plataforma tecnolóxica do Viño é un foro de encontro e reflexión entre os distintos axentes do sector do viño español que aspira a converterse nunha verdadeira rede de cooperación empresa-ciencia capaz de definir unha estratexia común no campo da I+D+I, baixo o liderado empresarial.

Entre os socios promotores destacan: Proxecto Europeo Wine Tech; Federación Española do Viño (FEV); Instituto de Ciencias da Vide e o Viño; Conferencia Española de Consellos Reguladores; Grupo de Empresas Vinícolas de Rioxa.

Outro dos aspectos fundamentais da Plataforma Tecnolóxica do Viño é levar a cabo diferentes accións relacionadas coa comercialización, comunicación e mercadotecnia no sector vitivinícola.




No hay comentarios:

Publicar un comentario