martes, 19 de julio de 2011

A paixón de Parker polo viño galego

A revista máis prestixiosa a nivel mundial no sector vinícola enxalza o gran traballo realizado na comunidade galega por viticultores, adegueiros e consellos reguladores.

Un ano máis o viño galego avanza no seu posicionamento dentro da guía internacional máis importante do sector vinícola internacional. O sinal de Robert Parker Jr. volve situar ao viño galego nun lugar privilexiado no panorama mundial, xa que a publicación The Wine Advocate posiciona masivamente aos caldos elaborados en Galicia por enriba dos 90 puntos.

Á grande tirada de Rías Baixas e Ribeira Sacra hai que unir as etiquetas con uva godello que son especialmente valoradas polo equipo de Robert Parker; e de feito, este ano, na propia revista destácase o traballo dalgunhas das adegas ourensás, entre as que destacan as valdeorresas como recuperadoras e impulsoras desta variedade.

Se os viños de variedade godello levan a palma, este ano non se pode obviar un feito curioso que está a dar moito que falar e que non é outro que a cualificación de 90 puntos para un viño elaborado a partir de uva xenérica coñecida popularmente como Xerez (Palomino fino), Rúa 2010. Aínda que non chega á cualificación dos seus irmáns maiores elaborados con godello, a puntuación fálanos dun gran acontecemento que aúna un traballo ben feito referendado por unha clara aposta pola calidade sen que isto supoña un incremento excesivo do prezo.

Este feito, sempre apoiado nas características xeográficas e climatolóxicas específicas que caracterizan á zona valdeorresa, marcará un punto de inflexión á hora de analizar o gran traballo que realizan os viticultores, os adegueiros e Consello Regulador para facer que prevaleza o selo de "honestidade" por enriba de calquera outra característica intrínseca.

Así, as cinco denominacións galegas unen as súas excelencias nunha publicación que basea o seu prestixio na súa metodoloxía de traballo. O equipo Parker proba cada ano só en España un mil viños. Inicialmente, aos seleccionados dánselles 50 puntos, que despois se van completando: a cor e a aparencia poden sumar 5 puntos; o aroma e o buqué, 15; e o paso en boca e o posgusto poden supor 20 máis. Sacar entre 80 e 85 puntos é un notable baixo; entre 85 e 90 é notable alto, e con 90 chégase ao sobresainte; para alcanzar os cen valóranse a calidade global, e a súa posible evolución e futura mellora.

Desta forma só queda felicitar aos produtores e elaboradores galegos, agradecendo o seu gran traballo, esforzo e saber facer para ofrecernos uns dos mellores viños do mundo. 

Talvez poda interesarche

No hay comentarios:

Publicar un comentario