jueves, 20 de enero de 2011

Valdeorras espérate para un gran fin de semana gastronómico

Foto: La Región

O embutido rei da gastronomía valdeorresa vístese de gala para ofrecerse a modo de degustación este fin de semana en O Barco.

Este fin de semana terá lugar na vila Valdeorresa de O Barco, a popular "Feira do Botelo", que ano tras ano recibe preto dun milleiro de persoas de todas partes da península e o norte de Portugal.

Esta tradición popular, que goza de gran aceptación no marco gastronómico do norte penínsular, verase este ano reforzada  polos bares e restaurantes inscritos na 'I Ruta de Petiscos' de O Barco que aproveitarán a "Feira do Botelo" para promocionar este valorado produto acompañado dos sempre exquisitos viños da zona. Se aínda non tes plan para este fin de semana, desde a nai do viño instámosche a que valores esta opción, non te arrepentirás, garantido.



miércoles, 19 de enero de 2011

O viño tostado de Valdeorras, un tesouro gardado desde xeracións

foto: Rosa Veiga

Mentres o Consello Regulador  tenta recuperar a produción masiva  desta variedade para a súa comercialización a base de uva garnacha, a tradición secular dos tostados elaborados a base de godello, soubo pervivir nas viñas e adegas dalgúns particulares.

A terra e a calidade das uvas augúrannos uns futuros tostados de Valdeorras de gran calidade, equiparables aos Tokaji húngaros ou os máis próximos Oportos portuguesés.  Todo iso referendado pola calidade, tradición e fama que estes caldos tiñan no pasado en terras Valdeorresas. Alá por 1900  xa recibiron notorio prestixio e gran aceptación na Exposición Universal de París.  

A día de hoxe, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, de man da súa dirección técnica seleccionou a variedade garnacha como a adecuada e prolífera para a recuperación destes caldos; aínda que, o xerme foi gardado con coidado e mimo dentro das adegas de poucos particulares, que mantiveron a tradición na elaboración destes valoradísimos brebaxes coa variedade autóctona Godello.





martes, 18 de enero de 2011

A exportación vinícola, unha aposta ante a actual situación económica

Gráfico: vinogallego.com

A fortaleza deste sector e a gran reputación que se outorga aos caldos galegos no estranxeiro, propician que a administración autonómica, por medio da Consellería de medio rural, outorgue axudas que roldan o millón de euros en concepto de promoción internacional.

Por medio desta campaña, que terá unha duración de tres anos e que estará financiada polo  Fondo  europeo agrícola de garantías (FEAGA), preténdese incrementar o fluxo comunicativo sobre os viños galegos en terceiros países; ampliando, á súa vez, a comercialización dos mesmos a través de programas promocionais que terán unha duración de tres anos  por beneficiario e país.

Desta forma valórase a apreciada industria vinícola galega no exterior como unha resposta ante a actual situación económica, procurando non deixar da man a "fráxil" fortaleza  que a día de hoxe posúen os caldos galegos no exterior; xa que, de non promocionarse, os grandes recoñecementos e valoracións  poderían chegar a volatilizarse.



miércoles, 12 de enero de 2011

Valdeorras prepárase para a X edición da feira do "botelo"

fonte do artigo: Berenguela

O Concello do Barco de Valdeorras pon á venda as entradas para a Festa do Botelo o xoves día 13 de xaneiro. 

A exaltación deste delicioso embutido celebrará a súa décima edición o 23 de xaneiro. A corporación municipal decidiu manter o prezo da entrada, que seguirá custando 13 euros. Os tickets poden retirarse na conserxería do Conservatorio de Música, de luns a venres e de 16 a 21 horas.

A degustación do embutido rei da gastronomía barquense terá lugar a partir das 14.30h no Pavillón Municipal de Calabagueiros e está prevista a participación de máis de 800 persoas. Dúas horas antes dará comezo o acto de entrega das Mencións de Honra e o Pregón no salón de actos do IES Martaguisela.

O pregón será lido polo xornalista e escritor Carlos Santos Gurriarán, oriúndo da comarca; e a nota musical, neste acto previo ao xantar, será posta polo cantautor Anxo Rei e o guitarrista Jorge Fernández Ojea, un dúo de talentos musicais valdeorreses para amenizar o preludio da X Festa do Botelo.




martes, 11 de enero de 2011

O MARM publicou hoxe o calendario oficial de concursos de viño para o 2011

O ministerio de medio Ambiente e Medio Rural e Mariño (MARM) publicou hoxe no Boletín Oficial  do Estado (BOE) o calendario dos concursos oficiais de viño en España para este ano.

A día de hoxe publicouse o calendario de concursos oficiais de viños 2011, que se resume nun conxunto de certames relativos ao mundo do viño que son organizados polo Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, as diversas D.O. españolas, os Gobernos autonómicos, Consellos Reguladores, etc.

Neste documento detállanse os eventos enolóxicos, convocantes, lugares, datas e os premios que se outorgan en cada un dos múltiples concursos que se celebran durante o ano.

Para os amantes do mundo do viño que desexedes asistir aos eventos, deixámosvos unha ligazón á publicación oficial para que consultedes e planifiquedes a vosa asistencia a estes actos oficiais imprescindibles para os máis incondicionais.



lunes, 10 de enero de 2011

Os petiscos e os viños de Valdeorras vencen á climatoloxía en O Barco

Foto: La Región

Coa iniciativa "O Barco vai de viños - I Ruta de Petiscos", que tivo unha gran acollida entre os participantes, téntase recuperar a tradición polos viños acompañados de petiscos na vila Valdeorresa.

Este fin de semana no que daba comezo a actividade, e que se prolongará até o 22 de xaneiro, cando se clausurará co broche de ouro da festa do Botelo; recibiu unha boa acollida entre o gran público, que fixo fronte ás inclemencias meteorolóxicas para gozar dos manxares que ofrece a rica gastronomía desta terra.

A  trintena de locais que participan na actividade, non desexan marcarse iniciativas previas e prefiren centrar os seus esforzos en recuperar a tradición de "saír de petiscos" sempre acompañados por un bo viño de Valdeorras. Dende o equipo da nai do viño, apoiamos esta iniciativa e convidámosvos a compartir as vosas fotos con esta gran familia, enviándoas a: lamadredelvino@dovaldeorras.tv . Ademais gustaríanos que nos contasedes que vos parece esta iniciativa e se desexaríades que se mantivese durante o resto de meses do ano, deixa o teu comentario neste artigo.



martes, 4 de enero de 2011

O Barco inaugura a súa ruta de Petiscos e viños

Desde este fin de semana e até o 22 de Xaneiro, data que coincide coa Festa do Botelo, trinta establecementos de O Barco promocionarán a súa ruta de Petiscos e viños.

26 Bares e cafetarías e 4 restaurantes promocionan nestes primeiros días de 2011 a recuperada ruta de petiscos e viños na vila Valdeorresa. Con esta iniciativa, onde os que o desexen poderán gozar dos viños da rexión en compañía de petiscos tradicionais e innovacións culinarias, ábrese unha oferta gastronómica para os oriúndos e para os visitantes da zona. 

Desde a típica tortilla, até o puré con zorza e ovo, pasando polo afamado botelo, as fabas con ameixas, tosta de chacina con queixo, brocheta de polbo, cotofello, boliños preñados e filloas recheas entre outros; os cociñeiros destes bares, restaurantes e cafetarías porán todo o seu empeño para satisfacer aos padais máis esixentes sempre a prezos máis que recomendables.

Para facilitar a localización dos locais, e á súa vez ofrecer unha ruta na que se poidan degustar todos estes manxares, a organización porá a disposición de quen o desexe centos de planos para non perderse esta magnífica iniciativa.


lunes, 3 de enero de 2011

Celebrando o 2011. Feliz ano familia!

Que teñamos un bó ano de catro estacións climáticamente equilibradas,
onde a terra, a atmósfera e a viña celebren a máis perfecta das maridaxes…

Facendo referencia a que, un ano máis, neste 2011 que comeza, A Nai do Viño estará convosco celebrando, informando, estreando e compartindo todo un universo de novidades
relacionadas con Valedoras e os seus Caldos, entorno a unha das culturas máis plurais e variadas que existen no mundo: a cultura do viño.  

Nese senso estreámonos lembrando o que xa adiantamos, de xeito que os videos da Homepage ou páxina de Inicio que formaban parte das Novidades 2010, atópanse agora á disposición dos Internautas nas diferentes páxinas que se corresponden cos seus títulos referenciais:
Así, a presentación de Nova York atópase nas Noticias do Consello Regulador, o desecenso do río Sil e os Escultores de tremiñan en Festas e artesanía,
e a Poda, Inxerto e Vinificación na páxina do Ciclo do Viño, correspondente á Denominación de Orixe.



viernes, 24 de diciembre de 2010

Felices Festas!!!

Consello Regulador DO Valdeorras, Adegueiros e todo o equipo de A nai do viño, deséxanvos unhas felices festas.

miércoles, 22 de diciembre de 2010

Sinerxía a modo de maridaxe entre os viños de Valdeorras e a música de Lulavai

A historia de Lulavai comeza na "Escola de Artes e Oficios" de Vigo onde as catro compoñentes da banda coñécense (Paula Oanes, Josefa Fernández, Lorena Reinaldo e Elena Paz). Estudan harpa céltica co profesor Rodrigo Romaní e pasan a formar parte da orquestra folc Sondeseu, comezando un período de xiras, percorrendo importantes escenarios da xeografía nacional e europea. A finais de 2007 deciden crear "Lulavai", un novo proxecto no que a sonoridad de 4 harpas e 4 voces fúndense para interpretar cun son propio tanto temas tradicionais como de composición. En marzo do 2008 Lulavai é finalista no concurso "Festival Cancioneiros" convocado pola fundación Pedro Barrié da Maza. A partir de entón comezan a percorrer escenarios galegos e europeos. En abril de 2010 sae á venda o seu primeiro traballo discográfico, "CorDasVerbas".

O compromiso destas catro artistas cos produtos da súa terra faise patente na cesión desinteresada coa colaboración do seu tema Amalgama para a realización dos vídeos do Portal Web da D.O. Valdeorras. Dende a nai do viño queremos mostrarlles todo o noso agradecemento, compartindo a súa música con todos vós, a nosa familia, nestas datas tan especiais.