viernes, 2 de julio de 2010

Gallaecia e AGC acoden a Valdeorras a catar os seus viños

A Asociación de Sumillieres de Galicia Gallaecia e a AGC (Asociación Galega de Catadores) xuntaron esforzos e decidiron facer as súas catas conxuntamente nos distintos Consellos Reguladores de Galicia. O pasado martes 15 de xuño cataron no Consello Regulador de Valdeorras.

A conclusión foi unánime, unha anada excelente. Para Mercedes, a Presidenta de Gallaecia sen dúbida é o mellor ano desde que empezou a catar en Valdeorras, polo menos á vista dos viños que se presentaron a concurso. Todos foron viños sans, ben elaborados, equilibrados, estruturados, moi varietais os que teñen que selo e cunha excelente resposta á crianza os que decidiron someter o seu viño ao paso do tempo. Se volvesen pasar o romanos camiño do Arde Lucus en Lugo sen dúbida volverían facer unha longa parada para tomarse uns viños.

jueves, 1 de julio de 2010

Valdeorras sumaráse ao proxecto interfronteirizo de Rutas do Viño

Os responsábeis municipais dos concellos integrados na Asociación Ruta do Viño de Valdeorras reuníronse onte cos técnicos de Agader para recibir información sobre a nova xestión conxunta que terá esta iniciativa dentro do proxecto transfronteirizo que aglutina a cinco rutas galegas e unha portuguesa e que conta con financiamento europeo.

A asociación para promover a Ruta do Viño de Valdeorras creouse hai un ano con 12 membros entre adegas e os concellos de O Barco, Petín e A Rúa. Na actualidade hai outros 16 candidatos esperando á súa inclusión: unha ducia de adegas, tres establecementos hostaleiros e o Concello de Rubiá. Aínda que durante algúns meses o proxecto apenas avanzou, a pasada primavera volveu a impulsarse e xa se están iniciando os traballos de sinalización.

martes, 29 de junio de 2010

Valdeorras, terra de grandes viños

O pasado 18 de xuño no IES Fonte Fresnedo de Laredo, sede oficial da Asociación de Catadores Unami, celebrouse unha cata de viños da Denominación de Orixe Valdeorras, dirixida e coordinada por Jorge Mazaira, director técnico do Consello Regulador do D.Ou. Valdeorras.

Catáronse cinco viños brancos da variedade Godello e outro tres da variedade Mencía. Previamente, Jorge Mazaira realizou unha exposición acerca da comarca, na que se destacaron a terra, as variedades de uva que se desenvolven, o clima que favorece ao crecemento das viñas e ao traballo dos homes e mulleres que forman o Consello.

martes, 22 de junio de 2010

Concurso de fotografía e imaxe dixital




1º CONCURSO DE FOTOGRAFÍA E IMAXE DIXITAL: O MUNDO DO VIÑO EN VALDEORRAS

BASES

1. PARTICIPANTES
Poderanse presentar ao concurso todas aquelas persoas maiores de idade procedentes de
calquera nacionalidade.

2. TEMÁTICA
O motivo das fotografías é totalmente libre, sempre e cando teña relación coa temática do
Concurso: O Mundo do Viño en Valdeorras.

3. REQUISITOS
Os concursantes poderán presentar un mínimo de 5 fotografías e un máximo de 20.
As fotografías irán convenientemente identificadas, é dicir, indicarase que ou quen aparece nelas.
A obra, sen restricción temporal, non puido ser premiada con anterioridade.
A técnica e estilo son libres, así como o uso da cor e o branco e negro.

4. FORMA DE PRESENTACIÓN E ENVÍO
As fotografías poden ser enviadas por correo electrónico a lamadredelvino@dovaldeorras.tv.
Cada fotografía ou grupo de fotografías deberá enviarse acompañada dos seguintes datos:
-Título da obra.
-Nome e apelidos, enderezo, teléfono e mail.
-Localización da fotografía e data de realización.

5. PREMIOS
Serán tres premios de semellante categoría:
- Fin de semana para dúas persoas no Hotel Palladium (O Barco de Valdeorras)
- Cea para seis persoas na Casa Galaica (O Barco de Valdeorras)
- Cea para seis persoas no Restaurante Fernando III (O Barco de Valdeorras)

6. DATA LÍMITE
Todos os traballos deberán ser enviados antes do 22 de Setembro de 2010 ás 18.00 horas.

7. XURADO E ENTREGA DE PREMIOS
O xurado, elixido pola organización tomará unha decisión que lle será comunicada aos gañadores
e publicada no Blog Un universo en cada botella.


8. PROPIEDADE E UTILIZACIÓN DAS IMAXES
As fotografías dos gañadores serán expostas no Consello Regulador da D.O. Valdeorras por
tempo indefinido.
Os dereitos de autor sobre as obras premiadas serán dos autores, pero éstos cederanos de xeito
inmediato ao resultaren gañadores (polo mero feito de aceptar estas bases) ao Consello
Regulador da D.O. Valdeorras co obxecto da súa repoducción gráfica e/ou difusión sen ánimo de
lucro por calquera tipo de canle audiovisual que estime procedente. En calquera caso, a D.O.
citará sempre o nome do autor.
O participante deberá ser o único titular dos dereitos de autor das fotografías enviadas e
asegurarse de que terceiras persoas non poidan reclamar ningún dereito con respecto a ellas. O
autor é o único responsábel da fotografía. A organización e o Consello Regulador declinan toda
responsabilidade legal sobre a fotografía a concurso.
Os gañadores do concurso enviarán as imaxes nun formato de maior calidade dentro dun
CD/DVD ao enderezo que se lle faiclitará no seu momento.
Todas as fotografías participantes no Concurso serán publicadas no Blog Un universo en cada
botella.

9. OUTROS
A participación neste concurso supón a aceptación íntegra das súas bases por parte do
concursante.
Os convocantes resérvanse o dereito de decidir sobre calquera incidencia na interpretación das
mesmas.

martes, 15 de junio de 2010

Valdeorras cría viño noble de mencía en barrica que compite cos rioxas

A adega Virxe de Galir, referente en apostar pola calidade, avoga por un departamento de I+D+i na denominación.


Un dos produtos dos que pode presumir Galicia é dos seus excelentes viños, que a pesar da alta competitividade neste sector, colocou os seus caldos insignia nas mesas de case todo o mundo.

A denominación de orixe ourensá de Valdeorras é unha das emerxentes na nosa comunidade grazas ao bo facer da maioría das súas adegas, nunha aposta decidido pola calidade e a diferenciación.

Virxen de Galir é unha desas adegas que se converteu en referente nesta denominación. Os seus viños insignia figuran, coas puntuacións máis altas, na nómina do crítico Robert Parker. De orixe familiar, naceu en 2002, "aproveitando a tradición vitícola da nosa familia que se remonta varias décadas atrás", sinala David Barros, xerente da adega. Na actualidade conta con 15 hectáreas de viñedo provenientes da saga familiar e a súa aposta, unha das pioneiras en Galicia neste aspecto, foi a de elaborar viños nobres de mencía criados en carballo, de calidade, "para competir nas mesas cos mellores caldos de Rioxa, Ribeira do Douro... rompendo a crenza de que os tintos galegos eran inferiores en calidade ou para consumo local", explica David.

Engade "hoxe en día e creo que en parte grazas á nosa aposta, as adegas máis representativas de Galicia contan na súa gama de produtos con algún Mencía barrica, e penso que nun futuro non moi afastado estes serán os viños predominantes naquelas adegas que dispoñan de viñedos con calidades para vinificación en madeira, neste sentido creo que Valdeorras e Monterrey son as máis propicias para este tipo de elaboración en madeira debido a chan e clima", asegura.

Para facer un viño de calidade, David indica que a única receita secreta "está na viña, en crer e querer o viño que se desexa facer, a nosa maior forza son os nosos viñedos, sobre lousa, en altitude e sendo os que máis horas de sol teñen de Galicia, a partir de aquí, moita dedicación en viña con bo complemento tecnolóxico e humano en adega", afirma.

Futuro do sector. O futuro dos viños galegos cre que pasa "por elaborar viños de calidade diferenciada, cada vez máis, os mercados están máis saturados e para exploralos é

necesario viños que acheguen algunha calidade diferenciadora e propia da zona, e como denominación de orixe debemos apostar por un valor engadido como o enoturismo", relata David, de acordo coa filosofía que aplica na súa adega.

Tamén destaca que "sería moi importante desenvolver ou crear un departamento exclusivo de I+D+i na denominación que nos permita estar en continua evolución, hoxe máis que nunca se te pairas...morres", di.

En canto ao papel das denominacións non dubida en afirmar que, nestes momentos, "non se entende o consumo ou elaboración de viños se non están amparados por algunha denominación, xa que é garantía para os consumidores de calidade e procedencia".

lunes, 7 de junio de 2010

Máis de 400 profesionais e coñecedores dos viños asisten en Compostela á presentación da colleita 2009 de DO Valdeorras



O Consello Regulador do D.O. Valdeorras presentou en Compostela a colleita 2009. O acto celebrouse no Hostal dos Reis Católicos e contou coa participación de máis 400 profesionais dos sectores da hostalaría, a restauración, prensa especializada, catadores e, en xeral, coñecedores dos viños galegos. O presidente do Consello Regulador, José Luís García Pando, mostrou a súa satisfacción pola gran acollida deste evento, que se celebra en Santiago por terceiro ano consecutivo.

Durante a presentación, García Pando definiu a colleita de 2009 como dunha calidade excelente aínda que non abundante, dadas as especiais condicións climatolóxicas que afectaron á Comunidade galega durante o pasado ano. Con todo, o presidente do Consello Regulador dixo estar moi contento pola evolución dos viños de Valdeorras durante estes últimos anos, lembrando que se trata dun D.O. que ten xa uns niveis de calidade amplamente recoñecida, ás veces mesmo máis fóra das nosas fronteiras que no mercado nacional.

José Luís García Pando adiantoulles aos asistentes a este acto que o próximo mes de outubro, o Consello Regulador fará unha presentación dos viños en Nova York, un mercado, o estadounidense que ofrece, segundo indicou, unhas grandes perspectivas de negocio. Neste sentido, tamén destacou que a evolución das exportacións é moi positiva e compensa a crise do mercado nacional. A crise, en todo caso, non está a afectar demasiado á Denominación, segundo o presidente, aínda que que se se nota máis dificultades na distribución.

Pola súa banda, o director técnico, Jorge Mazaira, definiu a colleita do 2009 como atlántica, polo grao de acidez e frescura que presentan os seus viños brancos, e de gran calidade. No que respecta aos tintos afirmou que presentan aromas a froita fresca e, para ambos os casos, viños que conservados nas condicións debidas aguantan perfectamente entre tres e catro anos en botella sen perder absolutamente nada das súas calidades.

Vinte e seis adegas acollidas á Denominación de Orixe foron as encargadas de presentar máis de sesenta marcas de brancos, tintos e tintos madurados en barrica mediante degustacións comentadas polos propios adegueiros.

Con esta presentación pública, o D.O. Valdeorras quixo dar a coñecer na capital de Galicia os viños desta comarca do nordeste da provincia de Ourense, que programa realizar unha segunda presentación da colleita o próximo mes de xuño en Vigo.

martes, 11 de mayo de 2010

Tres viños de Valdeorras reciben medallas no Concurso Mundial de Bruselas

Unha vez fallado o Concurso Mundial de Bruxelas 2010, o campionato mundial da cata con case 7.000 viños e espirituosos participantes do mundo enteiro e co aval de dezasete anos de experiencia, destaca a calidade das denominacións de orixe ourensás, xa que tres delas obtiveron importantes recoñecementos ao lograr nove medallas: dous de ouro e sete de prata.

Viños do Ribeiro, Valdeorras e Monterrei contribuíron así a que España siga ocupando un prestixioso segundo lugar en canto ao número de recoñecementos obtidos no coñecido e reputado certame ano, no que participaron este ano 275 catadores profesionais en Palermo, pero o primeiro como o país con máis grandes medallas de ouro do Concurso Mundial de Bruxelas, dezasete fronte ao dezaseis do ano pasado.

Dous delas foron para a Colección Costeira Treixadura 2009 da Cooperativa Vitivinícola do Ribeiro e tamén para Pazo de Mariñán Branco 2009 de Pazo Branco Núñez S.L. de Monterrei, a denominación máis nova da provincia.

O sete medallas de prata restantes obtidas por viños ourensáns repartíronse en Valdeorras, tres, para Bioca Godello 2009, Guitián Sobre Lías 2008 e Viñaredo Barrica Selección Godello 2007, no Ribeiro para Adega do Moucho 208 e Beade Primacía Branco 2009 e en Monterrei. Neste caso recaeron para Alma de Branco Godellos 2009 e Quinta deas Tapias Branco 2009.

O Concurso Mundial de Bruxelas é ademais o primeiro certame que instaurou un control, a posteriori, dos viños premiados para garantir a lexitimidade dos seus resultados. Despois de cada edición da cita, un laboratorio independente analiza químicamente unha selección importante das mostras premiadas e un equipo de enólogos cata as botellas enviadas comparándoas con outras compradas anonimamente nos puntos de venda, recoñece o propio concurso, o que dá máis valor aos premiados.

martes, 4 de mayo de 2010

René Redzepi estivo en Galicia


O Chef do restaurante Noma, en Copenhague, distinguido como o mellor do mundo por «Restaurant Magazine»

Redzepi é a nova referencia mundial en cociña, segundo a prestixiosa lista S. Pellegrino que elabora a británica Restaurant Magazine , na que desbancou ao catalán Ferran Adrià, tótem dos fogóns durante catro anos consecutivos. Curiosamente, traballou durante un ano no Bulli e asegura que foi a experiencia máis importante da súa vida como chef.

Pero xa no 2002 o chef danés veo a Galicia para visitar adegas da Denominación Orixe Valdeorras. Seis anos máis tarde repetiu visita con motivo do primeiro Fórum Gastronómico en Santiago de Compostela.


Fonte: La Voz de Galicia.

martes, 13 de abril de 2010

O Salón do Gourmet




O XXIV Salón Internacional do Gourmet, reunirá até o próximo día 15 a máis de 1.300 expositores europeos que mostrarán as últimas novidades culinarias a uns 80.000 profesionais, cun especial protagonismo, nesta edición, do viño.

Trátase dunha das principais feiras europeas de produtos delicatessen e á que acudirán compradores do cinco continentes cun potencial de compra global superior a 500 millóns de euros, segundo datos dos organizadores.


Produtos procedentes de 16 países, e a cada vez máis numerosa presenza de expositores estranxeiros referendan o carácter internacional do Salón de Gourmets.

Aceites, afumados e salgaduras, café, té e infusións, conservas cárnicas, de peixe e vexetais, foie-gras e derivados de pato e oca, de lácteos e derivados, legumes e pastas, meles e confeituras, pastelaría e chocolataría, pratos preparados, produto fresco, queixos, salsas, vinagres e especias. No capítulo de bebidas, augardentes e licores, augas, cava e champagnes, cervexas e zumes, máis un nutrido grupo de adegas que presentan os seus produtos e novidades vinícolas. Diversas editoriais, empresas de enxoval e accesorios completan o abanico de produtos que se exhiben na feira.

Unha das principais apostas este ano é o XII Foro do Viño, que incluirá conferencias, catas das últimas novidades enológicas e actividades sobre a maridaxe entre caldos e alimentos así como unha cata comentada dos mellores viños de España.

Alí están presentes adegas da D.O. Valdeorras.

viernes, 9 de abril de 2010

Festa das Covas de Seadur (Valdeorras)



Seadur, no concello de Larouco, celebrou un ano máis a Ruta das Covas, una tradicional festa en torno a un total de 16 adegas que os veciños do pobo poñen a disposición dos participantes nesta xornada, e que se convertiu xa nunha convocatoria aoredor do viño e o bo beber ampliamente respaldada polos vecinos do entorno.

Fontes da organización calcularon que se venderon aproximadamente 1.200 cuncas coas que degustar os caldos das adegas, un dato que ofrece unha idea do concorrida que estivo unha ruta que non contou coa colaboración da climatoloxía.

Pese ao mal día, quenes apostaron por achegarse até este pobo tiveron ocasión de gozar dunha tarde na que non deixou de estar presente a música. Distintas charangas e bandas de gaitas amenizaron a xornada.

As cifras de participación fan prever que en convocatorias posteriores sigan aumentando o número de adegas que abren as súas portas neste evento.