miércoles, 17 de agosto de 2011

Celebrando cen mil compañas


Para sentirme en Valdeorras, máis nai do viño ca nunca,
hoxe, tería máis de cen mil motivos...

Pero abonda ter sentido, coa vosa axuda, un universo en cada unha das vosas compañas,
para celebrar, as cen mil visitas a calquera dos meus universos.

Recibide, con todo cariño e agradecemento, un brindis polos nosos maridaxes pasados, presentes e futuros.

Saúde!

A Nai do Viño

martes, 16 de agosto de 2011

Rotundo éxito da XIV edición da Feira do viño de Valdeorras

Á primeira hora da noite de onte clausurábase a XIV edición da Feira do Viño de Valdeorras cualificada como un éxito polo presidente do Consello Regulador que anunciou que se cumpriron as mellores expectativas.

A feira que foi inaugurada o pasado sábado polo Conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez que, baixo encomios ao gran traballo realizado por viticultores, adegueiros e consello regulador, quixo destacar o gran éxito internacional que lograron estes caldos nos últimos anos: "A súa proxección está a progresar nos últimos anos, pasando de ser unha D.O. coñecida case en exclusiva polos amantes do viño a ocupar un posto privilexiado, tanto nas guías especializadas como nas cartas dos restaurantes".

Con respecto á afluencia á feira, pódese afirmar que o incremento de público con respecto a edicións anteriores foi considerable. A falta dunha análise máis detallada, os primeiros datos móstrannos unhas cifras próximas aos 3500 visitantes que, pese ao simulacro climatolóxico do domingo, asistiron a degustar uns dos viños máis recoñecidos do panorama actual. En palabras do presidente do Consello Regulador, José Luís García Pando, a feira resúmese así: "a feira cumpriu á perfección cos seus obxectivos, que non son os mesmos dun salón profesional, se non que se busca que o evento sirva como punto de encontro para os diferentes axentes do sector así como para que as adegas dean a coñecer os seus viños".

XII cata da XIV Feira do viño de Valdeorras

A noite anterior a que comezase a Feira do viño de Valdeorras, tivo lugar a entrega dos premios da XII cata oficial da Feira do viño de Valdeorras, que conta co recoñecemento do Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente e nos que Alán de Val Pedrazais Barrica 2009 (de adegas Alán) levou a mención especial á colleita.

En canto aos viños brancos presentados a concurso (un total de 22) o primeiro premio foi para Erebo, de adegas Carballal; o segundo para Pagos de Galir, de Virxen de Galir; e o terceiro para Viñaredo, de Santa Marta. En tintos (dos 26 a concurso) gañou Ventura, de Adega dá Pinguela; o segundo foi para Joaquín Rebolledo, de Joaquín Rebolledo; e o terceiro para Quinta dá Peza ouro, de Quinta dá Peza.

Podes acceder ás adegas e coñecer de primeira man os viños facendo click sobre o nome de cada adega.

Con todo iso dáse por pechada unha nova edición da Feira do viño de Valdeorras que segue demostrando o crecemento, aceptación e prestixio que teñen os viños desta D.O. no panorama vinícola internacional.

viernes, 12 de agosto de 2011

Preto de 50 viños compiten na XII Cata da Feira do viño de Valdeorras

Fonte inf. María Cobas / La Voz
Vinte adegas compiten por lograr algún dos premios da Feira do viño de Valdeorras, cuia valoración comezou onte coa precata e continuou durante toda a mañá de hoxe.


Será de noite, no transcurso dunha cea que se celebra no recinto feiral do Aguillón rués, onde mañá e o domingo será a exhibición vitícola, cando se coñeza o nome dos tres viños brancos, de entre os 22 presentados, e o tres tintos, de entre os 26 que van a concurso, que lograrán facerse cun dos galardóns, que conta con recoñecemento oficial por parte do Ministerio de Medio Rural.

Enólogos da zona, membros da Asociación Galega de Sumilleres e até unha especialista norteamericana participan na valoración dos caldos. A precata de onte serviu para descartar marcas até quedar cun mínimo de 6 e un máximo de 10, por categoría. Ademais, haberá unha mención especial á colleita dunha adega.

Para poder participar nos premios é preciso que as adegas estean na feira que mañá  comeza e que, dos viños que leven a concurso, teñan 1.000 litros en reserva e 500 botellas listas para vender.

Este acto serve de punto de partida para unha feira que abrirá  as súas portas ao público mañá 13 de agosto ás 12:00 da mañá, e que contará coa presenza de 23 das adegas máis destacadas adscritas a D.O. Valdeorras.




jueves, 11 de agosto de 2011

Coñece, unha a unha, todas as adegas que participarán na XIV Feira do viño de Valdeorras


Clicka sobre a imaxe para ampliar 

Coñece, unha a unha, todas as adegas que participarán con Caseta propia na Feira do Viño de Valdeorras  e que concorrerán na XII cata de Valdeorras.

Con motivo da XIV Feira do viño de Valdeorras, que se celebrará os próximos 13 e 14 de Agosto, dende A nai do viño presentámosche todas as adegas que participarán con Stand propio na feira e que poderán ser visitadas polos asistentes ao acto.

A través deste post poderás acceder ao portal Web de cada unha das adegas participantes na XIV edición da Feira do viño de Valdeorras,  tendo a oportunidade de coñecer de primeira man os seus produtos, información, tenda online, ofertas de etnoturismo, así como todos os premios e calidades que encúmian  aos caldos D.O. Valdeorras como uns dos máis destacados do panorama vinícola internacional nos últimos anos.

As adegas participantes son as seguintes:




















Adega Roandi S.A.T


+



Baixo o recoñecemento e amparo do Ministerio de Medio Rural, as adegas participantes poderán presentar dous dos seus viños para que un panel de expertos avalíeos con motivo da XII cata da feira do viño de Valdeorras. Na precata, que se celebra hoxe, seleccionaranse entre seis e dez viños por categoría (brancos e tintos), que serán catados de novo mañá na gran final. Desta cata final sairán os tres gañadores, que serán anunciados na cea oficial celebrada mañá pola noite no recinto feiral.





martes, 9 de agosto de 2011

Programa da XIV Feira do Viño de Valdeorras.



Con motivo dos actos de celebración da XIV Feira do Viño 2011 de Valdeorras, presentamos aqueles  abertos ao público do evento que terá lugar na área recreativa do Aguillón, situada na localidade da Rúa.

Tras os éxitos de afluencia cultivados polos adegueiros particulares na pasada "Festa das Covas" de Vilamartín de Valdeorras, reflectido nunha máis que prolífica asistencia que alagou as rúas da vila valdeorresa; agora é o sector profesional quen prepara as súas mellores galas para presentar os caldos da colleita 2010 que lograron un importantísimo éxito internacional.

A XIV edición da Feira do viño de Valdeorras celébrase baixo a sombra das cualificacións de Robert Parker, que situou 34 caldos da DO Valdeorras por encima dos 90 puntos. Convertendo a esta Denominación de Orixe na segunda de Galicia en número de cualificacións cunha cantidade moito menor de adegas que a súa antecesora, Rías Baixas.

Os actos, que comezan de forma particular o xoves coa preacata da XII cata da XIV Feira do viño e que terá a súa grande final o Venres cando se encumiarán aos viños máis destacados da comarca, terán o seu punto de partida na apertura ao público o sábado a partir das 12:00 horas.

O calendario será o seguinte:

Xoves 11 de Agosto

19:00 horas: Precata  da XII cata da XIV Feira do Viño de Valdeorras

Venres 12 de Agosto

11:00 horas: Final da XII cata da XIV Feira do Viño de Valdeorras

22:00 horas: Cea Oficial da XIV Feira do Viño de Valdeorras, onde se fará entrega dos premios ás adegas gañadoras da XII cata da XIV edición da Feira do Viño de Valdeorras.

Sábado 13 de Agosto

 12:00 horas: Apertura do recinto feiral.

 12:30 horas: Inauguración da XIV Feira do viño de Valdeorras polas autoridades.

 14:00 horas: Peche do recinto feiral.

 19:00 horas: Reapertura do recinto feiral para a degustación dos viños de Valdeorras

 22:30 horas: Peche do recinto.

Domingo 16 de Agosto

 12:00 horas: Reapertura do recinto feiral para a degustación dos viños de Valdeorras.

 14:00 horas: Peche do recinto feiral.

 19:00 horas: Reapertura do recinto feiral para a degustación dos viños de Valdeorras.

 22:30 horas: Clausura da XIV edición da Feira do viño de Valdeorras.






viernes, 5 de agosto de 2011

Arrinca a "Festa das Covas 2011" na súa XV edición

Todo preparado para que de comezo a XV edición da Festa das Covas.

Cunhas previsións que agura que a climatoloxía respectará aos coveiros, a localidade de Vilamartín de Valdeorras enfundase as súas mellores galas para dar comezo a unha das festas con maior repercusión de afluencía do agosto ourensán. 

Os actos, que darán comezo hoxe cunha media ruta dás covas adicada aos oriúndos do lugar que por diversos motivos non poidan asistir mañá á gran festa. Esta comporase dunha sardiñada para os maiores e atraccións e inchables que farán as delicias dos máis pequenos, e servirá de punto de partida para recibir ao gran fluxo de persoas que chegarán de todas partes de España e Portugal para degustar os caldos dos elaboradores particulares da zona.

A festa dará comezo mañá a partir das 20:30, hora a partir da cal se entregarán as cuncas, os panos e un plano das covas, que polo módico prezo de 10 euros, permitirá degustar os diferentes caldos e petiscos ofrecidos polas  máis de 50 adegas particulares participantes.

Desta forma dá comezo a semana máis importante do viño na comarca valdeorresa, que terá o seu colofón final e punto forte o próximo fin de semana coa Feira do Viño que se celebrará na Rúa.


A semana estará marcada por diferentes actos privados, entre os que resalta o concurso realizado polo Consello Regulador DO Valdeorras e secundado polo ministerio para seleccionar o mellor caldo entre as adegas participantes. A este respecto, realizarase unha precata o xoves 11 que seleccionará os viños que participarán na gran final do día seguinte.

Se queres gozar dunha semana máxica, nun lugar de incomparable beleza e rodeado duns dos caldos máis apreciados no panorama internacional, vente a pasar esta semana  a Valdeorras e goza de todo o que esta terra pode ofrecerche. Poderás visitar adegas, degustar a apreciada gastronomía da comarca, facer rutas naturais e coñecer a esencia dunha terra.




jueves, 4 de agosto de 2011

96 puntos para o monovarietal de Brancellao de adegas Alan de Val "A Costiña" 2007

A publicación vivir o viño, no seu guía 2011 outorgou unha máis que sobresaliente puntuación de 96 ao monovarietal de Brancellao, A Costiña 2007, elaborado por adegas Alan de Val.

Este monovarietal, criado en barrica de roble fránces e americano durante 8 meses e en botella durante 6, ten unha gradación de 14º e a súa produción que alcanza as 1.100 botellas pódese adquirir polo módico prezo de entre 30 e 40 euros a botella.

As súas notas de cata son as seguintes: Intensidade alta e complexa. Destacan os aromas de froita vermella e negra. Notas de pementa e cravo sobre un fondo de finos coiros, xara e  tomiño. En boca é amplío, saboroso, acidez mineral e cun final complexo e persistente.

Desta forma Alán de Val cultiva un novo recoñecemento para un viño único no mundo, xa que é o único elaborado integramente coa variedade Brancellao. 


O Brancellao é unha variedade autóctona da Galicia interior, moi escasa e de moi baixo rendemento, que a filoxera estivo a piques de facer desaparecer a finais do século XIX e principios do XX; e que grazas ao traballo dos viticultores galegos estáse a lograr recuperar.

Así, o paciente traballo dos viticultores de Alán de Val segue recollendo o seu merecido premio engadindo un novo galardón aos múltiples cultivados por este viño único no mundo.

Anímate a coñecer o encomiable traballo de Alán de Val e o resto de adegas pertencentes á DO Valdeorras os próximos 13 e 14 de Agosto na Feira do viño que se celebrará na Rúa.





miércoles, 3 de agosto de 2011

13 e 14 de agosto cita coa Feira do viño de Valdeorras

Confírmanse as datas de celebración da XIV edición da Feira do viño de Valdeorras os próximos 13 e 14 de agosto.

Un ano máis a ribeira do Sil, no area recreativa do Aguillón situada na localidade da Rúa; acollerá unha nova edición da Feira do viño de Valdeorras.

Despois da prolífica acollida recibida tanto a nivel nacional como internacional polos viños pertencentes á DO Valdeorras, chega o momento de presentar as excelencias destes caldos dentro da súa máis pura esencia transmitida pola súa terra.

Así, a localidade da Rúa vestirase de festa os próximos días 13 e 14 de Agosto para acoller a flor e nata das adegas valdeorresas que presentarán as súas excelencias na festa do viño máis profesional da comarca de Valdeorras. E que mellor lugar para realizar tal celebración que nun marco de incomparable beleza situado ás beiras do río Sil, fonte de vida que enriquece esta terra.


Se desde Estados Unidos a Rusia, atravesando Europa e sentado sólidas bases no continente asiático, xa se renderon ás excelencias destes caldos, vaste  perder o poder degustalos en primeira persoa? 

Dende a comarca valdeorresa ofrécese unha nutrida oferta etnoturística para que todos os amantes do viño podan gozar destes caldos como máxima expresión e reflexo dunha terra.





martes, 2 de agosto de 2011

Vilamartín prepárase para a Festa dás Covas 2011

O vindeiro sábado 6 de agosto a localidade valdeorresa de Vilamartín acollerá unha nova edición da Festa dás Covas.

Unha das festas por antonomasía da cultura gastronómica e vinícola ourensá celebrarase o vindeiro sábado 6 de Agosto na comarca valdeorresa de Vilamartín. Desde as 20.30 da tarde todos os asistentes a esta popular romaría poderán gozar dos diferentes caldos elaborados polos adegueiros particulares acompañados por diferentes petiscos típicos da gastronomía da zona.

Nun marco de incomparable beleza, preto de 50 covas abrirán as súas portas un ano máis para acoller a todos aqueles visitantes que polo símbolico prezo de 10 euros, desexen participar nunha das festas de máis soleira do panorama galego.

Amenizada por diferentes bandas de música popular da comarca, os asistentes realizarán un interesante percorrido por preto de 50 covas escavadas na roca. A ruta  finalizará  pasada a media noite na Rodeleira, onde se degustará a tradicional queimada baixo as notas musicais do grupo Os Brothers. 

Se desexas gozar da gastronomía característica desta terra non podes perderte A Festa dás Covas 2011.




viernes, 29 de julio de 2011

110 Viños Galegos no olimpo 2011 de Robert Parker

110 viños galegos, entre os que xogan un papel destacado os caldos da D.O. Valdeorras, entran na selección 2011 de Robert Parker en "The Wine Advocate".

Prolífica presenza dos viños galegos na publicación "The Wine Advocate" de Robert Parker que conseguiron situar 110 caldos no olimpo dos viños do Gurú estadounidense.

O gran traballo realizado polos 5.029 viticultores adscritos á  denominación de orixe Rías Baixas, que se reparten en catro zonas diferenciadas cun total de adegas que superan as 160, seguen ocupando un lugar destacado con 51 viños seleccionados. 

Polo seu lado o D.O. Valdeorras, cun número significativamente menor de adegas, sitúase nun máis que meritorio segundo lugar con 34 viños seleccionados, dos cales 26 conseguiron superar a barreira dos 90 puntos, cifra que separa o notable do sobresaliente para Parker. Este feito vén dado pola proliferación do godello e a mencía da comarca valdeorresa no mercado norteamericano do que se vén dando cumprida conta nos últimos anos desde o sector especializado.

En terceiro lugar atópase Riberia Sacra con 19 viños dos que 16 conseguiron superar os 90 puntos; seguida a unha distancia considerable pola D.O. máis novo de Galicia, Monterrei, que coas súas 25 adegas conseguiu incluír 4 caldos na edición 2011 de "The Wine Advocate".

Pola contra, a gran damnificada por Robert Parker nesta edición foi a D.O. Ribeiro, logrando incluír soamente 2 viños entre os destacados 2011.

Aínda que as valoracións non se pecharon definitiva e aínda que talvez poda aparecer algunha sorpresa de ultima hora, non se entreven modificacións notables nesta listaxe.