viernes, 11 de octubre de 2013

3 viños de Adega A Coroa cualificados por Stephen Tanzer como os mellores brancos españois en Internacional Wine Cellar 2013

Fonte: Marta Sertaje - Adega A Coroa

Stephen Tanzer, o que é considerado por un amplo sector de especialistas do mundo do viño como o gran competidor de Robert Parker no papel de persoa máis influente no sector vinícola, aposta un ano máis polos Godellos DO Valdeorras como referente de brancos españois no sector internacional do viño.

A través da análise realizada polo encargado de cata Josh Raynolds, os viños "200 cestos 2012 e 2011" foron cualificados con 93 e 92 puntos respectivamente; mentres, "A Coroa  Godello 2012" obtivo a puntuación de 91 sobre 100.

Tanzer é un crítico norteamericano de viños, director e editor da publicación bimensual "International Wine Cellar" que se edita dende 1985. Esta publicación, que xa  encumiou aos Godellos DO Valdeorras en anteriores edicións, emprega un sistema de cualificación do viño baseada nunha escala de calidade que se establece entre os 70 e 100 puntos, e é a grande competidora de "The Wine Advocate" de Robert Parker, aínda que o trazo diferencial de ámbalas publicacións céntrase nunha liña menos extravagante - segundo expertos - por parte de Tanzer.



Neste sentido e polémicas de expertos a parte, Adega A Coroa lábrase un oco na historia dunha das publicacións máis respectadas do sector, conseguindo as mellores puntuacións dos brancos españois e incrementando, máis se cabe, o caché da DO Valdeorras no marco dos grandes Gurús do viño a nivel internacional.

Así,  "con 93 puntos para 200 cestos 2012",  "92 puntos para 200 cestos 2011" e "91 puntos para  A Coroa Godello 2012", os brancos DO Valdeorras brillan con luz propia entre as máis respectadas cualificacións a nivel mundial.

Os viños puntuados preséntanse da seguinte maneira:


A Coroa 200 cestos é un viño moi especial, xa que se trata dun godello 100% que procede da mellor viña da adega. Con cepas case centenarias e plantadas en bancales, elabórase este viño que posúe unha tirada anual de só 2.000 botellas.

Desta parcela, pola súa situación, orientación e altura, obtense da variedade godello todo o seu potencial; destacando a elegancia, complexidade e potencia aromática tradicionais do godello e, ademáis, vese enriquecido por unha maior intensidade de cor, frescura e fondo de froita.

Nota de Cata

Fase visual: Ton verdoso alimonado moi vivo e brillante que transmite reflexos de frescura e vitalidade.

Fase Olfativa: sensacións aromáticas de herba fresca, ameixa amarela, flor branca (madreselva) volvéndonos ás emocións refrescantes. A súa vez,  trátase dun viño cálido e maduro, reflectindo un excelente potencial alcohólico perfectamente ensamblado cunha magnífica acidez cítrica (pomelo vermello) que o mantén longo tempo.

Fase Gustativa: A súa entrada en boca é potente e o sabor graso, vivo (gominola de cítricos, lima), con moito nervio, con amargos de fiúncho, infusión de herba luisa propio dun gran viño e que predice longa vida e nobre evolución en botella.

Manifesta na súa esencia un fondo de mineralidad característico do terruño granítico desta "pequena gran viña".


A Coroa Godello 2012 preséntase como un branco de cores atrevidas e frescas, cargadas de luz e brillos que evocan ao xardín primaveral de flores de folla verde, con plantas vivaces de cor amarelo claro.

En nariz aparecen notas cálidas con recordos refrescantes e doces, como a flor de sauco, xasmín e céspede, que se funden con froita recentemente cortada como a pera, mazá e mango, cun final cítrico moi refrescante.

En boca entra con garra, frescura e vivacidade, combinando todo iso coa calidez necesaria para lograr un excepcional equilibrio. É estruturado e potente. Aparecen recordos de zumes cítricos-  especialmente pomelo, co seu moi sutil amargor - que fan que o seu post-gusto sexa longo, delicado e moi elegante.






Pechando a semana ao grande, adiantámosvos que a próxima comezará na mesma liña. O luns seguiremos falando dun dos grandes Gurús do viño, José Luís Peñín e a repercusión dos viños DO Valdeorras no XIV Salón dos Mellores Viños de España; da cita anual dos viños DO Valdeorras en San Sebastián Gastromika e a visita que recibiu o Consello Regulador, dende Mendoza - Arxentina,  do gran comunicador do viño José Bahamonde.

Aquí vos agardamos!





No hay comentarios:

Publicar un comentario