miércoles, 12 de junio de 2013

4 medallas para o Godello DO Valdeorras nos premios Zarzillo 2013

Información cortesía de Julio Ricarte

Pingadelo Godello, Godeval, Godeval Cepas Vellas  e Bioca Godello condecorados con senllas medallas de prata nos premios Zarcillo 2013.

Os brancos de Godello DO Valdeorras conseguen 4 medallas de prata nos premios Zarcillo 2013, feito que ratifica a gran anada do Godello 2012 en Valdeorras e que sitúa a esta DO como a máis premiada entre as súas homólogas galegas.


Os Premios Zarcillo naceron no ano 1991 con motivo da culminación dos actos do ano Europeo de Turismo por iniciativa das Consellerías de Cultura e Turismo, Agricultura e Gandaría da Xunta de Castela e León, co compromiso de realizar un concurso nacional de viños co obxecto de promocionar e defender a calidade dos viños españois.

Vinte e dous anos despues, os Premios Zarcillo alcanzaron o seu XV edición nacional e a súa VII internacional. Ao longo destes anos fóronse consolidando como o certame nacional máis importante dos viños españois, coa intención de que se converte nun dos Concursos máis prestixiosos a nivel internacional.

Un complexo sistema de recepción de mostras e o rigoroso control informático de tratamento dos datos fornecidos polos xurados, é a metodoloxía utilizada para premiar aos mellores. Ao longo de toda a duración do certame, o regulamento establece que un experto delegado da O.I.V. vele polo cumprimento da normativa co apoio técnico da Estación Enológica de Castela e León. Con iso, durante catro días déronse cita os mellores catadores do mundo, os padais mellor educados do planeta, foron os encargados de ditaminar que viños son os mellores do concurso. A norma establece, que poidan participar nel todos os países produtores do mundo, segundo a definición adoptada pola Organización Internacional do Viño.

Pola súa banda, presentámosvos os viños DO Valdeorras premiados no certame:


Pingadelo Godello 2012, de Cooperativa Virxe das Viñas, posúe unha cor amarela palliza con reflexos dourados. En nariz resaltan os seus intensos aromas froiteiros e varietales. En boca é untuoso e ben constituído.

Ten a acidez adecuadamente marcada e ensamblada, moi viva e equilibrada, cun retrogusto de elegante e agradable persistencia.

A Adega Cooperativa Virxe das Viñas foi fundada no ano 1964 polos viticultores da comarca de Valdeorras pertencentes a catro concellos, Petín, Vilamartín de Valdeorras, O Bolo e A Rúa de Valdeorras que é a mais céntrica e onde se atopa situada.

Actualmente forman a Cooperativa un total de 850 socios e ten 350 hectáreas de viñedo representando aproximadamente o 45% da produción da comarca, garantindo a calidade da súa materia prima.

Os seus viñedos asíntanse en chans pizarrosos, calcáreos, graníticos terrosos e de aluvión que se estenden polas ladeiras e as ribeiras dos ríos Sil e Xares. Esta diversidade de chans unida a un microclina especial que vai desde o mediterráneo tépedo ao mediterráneo fresco dá un carácter único aos seus viños, moi diferenciados doutros caldos, e que recibiron numerosos galardóns e recoñecementos no ámbito nacional e internacional. Os seus viños están elaborados co apoio da máis moderna tecnoloxía a partir das variedades de Godello, Doa Branca e Palomino fino en brancos e Mencía, Garnacha e Gran - negro en tintos 







Godeval 2012, de Adegas Godeval,  é un viño de cor amarela pálido con ribete aceirado. Luminoso e limpo. Nariz de boa intensidade, fresca e redonda, con presenza de variadas froitas brancas ben maduradas, marmelo, leves tons de mel, limón maduro e flor de xasmín. 

En boca é saboroso e pleno, con recordos de froita branca golosa e limpa, notas de mel, herba fresca e pel de limón. De paso franco, cremoso, amplitude media, goloso e refrescante, con final de froitas moi maduras.




Pola súa banda, Godeval Cepas Vellas 2011 procede da selección das uvas dos viñedos máis vellos da sociedade Godeval e dun proceso de vinificación en presenza das súas propias leas durante 6 meses, Todo isto, dá un carácter de untuosidade, elegancia e volume en boca. 

Cunha cor amarela verdosa con tons dourados, caracterízase nun aroma de intensidade media, limpo, envolvente, con recordos a herbas do campo, fiúncho, hierbabuena, flor de tilo e froita madura (mazá, melón e pexego).

En boca móstrase especialmente agradable, cun equilibrio de sensacións doces que achegan corpo e volume, sabores acedos que dan frescura e notas minerais de gran complexidade, achegados pola lousa do chan procedente, ofrecendo un conxunto de sensacións longas e pracenteiras.

Adega Godeval fundouse en 1986, realizando unha primeira vinificación para elaborar un único viño monovarietal a base de uva da variedade Godello.

En 1988 comezaron os traballos de restauración e acondicionamento do Mosteiro de Xagoaza, un belo conxunto medieval dos séculos XII-XIII para convertelo na Adega Godeval e nun centro cultural de primeira orde na rexión.

Desde a súa fundación até o ano 2005, a adega só elabora o viño monovarietal de Godello "Viña Godeval", actualmente denominado "Godeval Clásico".  A partir de 2005 amplía o seu traballo de elaboración a "Godeval Cepas Vellas". Do mesmo xeito, desde 1990 fanse tamén destilados procedentes do bagazo do Godello.





Bioca Godello 2012, de adegas María Teresa Núñez Vega, é un Viño elaborado 100 por 100 con uva Godello. De cor limón, estilo floral moi acusado, con xasmín e azahar. Bo nivel de acidez, intenso no medio padal, capas de complexidade e un final longo.

Bioca Godello foi un dos grandes embaixadores dos viños DO Valdeorras a nivel internacional, conseguindo facerse acredor de múltiples galardóns en importantes concursos de Europa e Norteamérica.



No hay comentarios:

Publicar un comentario