martes, 4 de junio de 2013

O Godello DO Valdeorras gran atractivo para o sector internacional en Vinisterrae



Vinis Terrae, o Salón do Viño e Licores Galegos de Calidade que se celebrou durante a pasada semana en Expourense, pechou a súa quinta edición tras dous días de intensa actividade das adegas expositoras, que mantiveron máis de 500 citas de negocio con importadores dunha quincena de países e con compradores nacionais.

Trátase da feira máis profesional de Galicia, xa que a única finalidade é facer negocio e abrir novos mercados, ademais de contar cun cociente de importadores por adega superior ao doutros eventos do sector, destacaron os organizadores.

Ante un mercado nacional no que descende o consumo de viño e prolifera cada ano o número de adegas, este salón contribuíu novamente a promover a saída ao mercado exterior das pequenas e medianas empresas galegas que mostraron a súa satisfacción pois "eventos como este, de reducido tamaño e con alto nivel de profesionalidade, facilitan o contacto directo co importador e o adegueiro e sentan as bases dunha relación comercial a curto ou medio prazo".


Vinis Terrae consolidouse como un centro de negocios para as pequenas e medianas adegas galegas. Buscando novas vías de negocio a través da internacionalización, os expositores desta edición presentaron viños elaborados con uva autóctona de calidade, moi personalizado e vinculado ao territorio no que se produce. Trátase dun sector, o do viño de calidade, que xerou en 2012 máis de 153 millóns de euros en Galicia.

Pola súa banda, os importadores destacaron a calidade do viño galego e, sobre todo, a súa personalidade.
"Galicia ten todas as vantaxes para situarse no mercado estranxeiro dentro do segmento da calidade. Hoxe en día hai viños bos e despois hai viños baratos. Galicia ten que situarse nos primeiros e competir en calidade, non en prezo, xa que as condicións de produción a pequena escala non o permiten", dixo Bruno Murciano, un dos importadores procedentes de Reino Unido, quen tamén explicou nunha conferencia que "aínda que o albariño é a variedade autóctona galega máis demandada en Reino Unido, o godello está a abrirse paso con forza".


Tamén se estreou neste salón do viño a adega Alan deVal da DO Valdeorras e o seu enólogo, Manuel Sánchez, explicou que a variedade branca godello "está a entrar moi ben en Estados Unidos onde o mercado dos brancos, centrado na variedade albariño, comeza a estar saturada e están receptivos a alternativas o que nos posibilita acceder a ese mercado".

Os tintos de Valdeorras, das variedades mencía, garnacha e brancellao, son atractivos para o Norte de Europa e Reino Unido e, segundo Sánchez, esperan poder entrar en Brasil pois "aínda que a competencia é universal, pois hai variedades estendidas por todo o mundo, as nosas son orixinais e asentadas e xa son apreciadas"


Participaron nesta edición de Vinis Terrae importadores  de Estados Unidos (que representaron a 27 estados), Reino Unido, Holanda, Brasil, Dinamarca e España, os países con maior representación. Ademais, asistiron compradores de Alemaña, Australia, Bélxica, Canadá, Francia, Suecia, México, Portugal e Perú.

Dentro do  programa de actividades desta edición resaltou a posta en marcha do Túnel do Viño, moi concorrido durante as dúas xornadas e no que os visitantes profesionais tiveron a oportunidade de coñecer as características e probar todos os caldos presentes en feira.


Autónomos de Galicia-AUGA organizou un relatorio sobre a venda de viños en Internet, e o mellor catador de España en 2008 e xefe catador do Hotel Ritz de Londres, Bruno Murciano, impartiu unha charla sobre as oportunidades das varietales galegas no mercado do Reino Unido.

A presidenta da Asociación de Catadoras de Galicia Gallaecia, Mercedes González, impartiu o curso sobre criterios de confección de cartas de viños para restaurantes, que contou coa presenza de numerosos restauradores de toda Galicia. Neste curso ensinou a crear un "Libro de Adega· abordando aspectos como o tipo de cociña e a localización xeográfica do restaurante, tendo en conta se se pertence á zona vitivinícola ou que capacidade de almacenamento ten o establecemento.






No hay comentarios:

Publicar un comentario