martes, 30 de abril de 2013

A colleita 2012 da DO Valdeorras namora en Suíza



Máis dun cento de profesionais do sector Suízo acudiron á cita cos viños DO Valdeorras en Zúric, onde se eloxiou a nova colleita.

Nun acto no que se suscitou ademais unha gran expectación entre o público en xeral, as valoracións do Consello Regulador DO Valdeorras cualifican de moi positivo esta presenza promocional en terras helvéticas.

 "Somos conscientes do clima de incerteza que vive a economía en xeral, por iso, o feito de poder contar coa presenza de público xerada en Suíza fala de forma clara da evolución e fama que os viños DO Valdeorras están a alcanzar no exterior" explica Jorge Mazaira, director técnico do Consello Regulador DO Valdeorras.

"Que unha cita encarada ao sector profesional reciba unha máis que notable afluencia de público xeral, mostra o gran interese que suscitan os viños DO Valdeorras no consumidor final. Feito que consideramos moi positivo, xa que os nosos viños son coñecidos e valorados por quen realmente os consumen" engade Jorge.

Con respecto á valoración da nova anada 2012 DO Valdeorras, as cualificacións de expertos e asistentes seguen avalando a traxectoria ascendente dos últimos anos " Como ven sendo habitual, os brancos, despois do aval e excelentes críticas por parte dos principais diarios internacionais - The New York Times (EE UU) e The Times (Reino Unido)-, foron valorados polos asistentes dada a súa gran personalidade e diferenciación cos demais brancos do  mundo" engade  Mazaira.

Sendo os tintos os grandes protagonistas do Salón este ano. " os máis de 120 asistentes - distribuidores, importadores e consumidores finais - encomiaron principalmente as excelencias dos nosos tintos, atopándoos moi frescos, agradables e de perfecta maridaxe coa súa gastronomía", finaliza o director técnico.

Con este balance positivo péchase a presentación DO Valdeorras en Suíza, pondo xa as miras nas próximas citas de Cidade Real e Xapón do 7 ao 9 de Maio e do 12 ao 14 de Maio, respectivamente. 



Coñece as adegas DO Valdeorras presentes en Suíza

Coñece as valoracións de The New York Times sobre o Godello DO Valdeorras

Coñece as valoracións de The Times sobre o Godello DO Valdeorras

Coñece o mellor tinto xove de España

Coñece a DO Valdeorras

No hay comentarios:

Publicar un comentario