lunes, 17 de septiembre de 2012

A vendima do Godello DO Valdeorras atópase no seu punto álxido e pronto se espera o inicio da recollida das variedades tintas

Foto: Alan de Val
  Mentres o groso das adegas DO Valdeorras áchanse inmersas na vendima do Godello, as primeiras previsións sobre as variedades tintas auguran que as tarefas de recolección non se demorarán en demasía con respecto á finalización da recollida da variedade branca.

Nunha vendima marcada pola gran calidade dunha uva que superou as mellores expectativas dun ano climatolóxicamente duro, as adegas DO Valdeorras anímanse a compartir as súas previsións sobre o próximo inicio da recolección das variedades tintas, nas que a mencía, garnacha e tempranillo protagonizarán a segunda parte da vendima DO Valdeorras.

Desta forma Manuel Sánchez, un dos máximos responsables da adega Alan de Val, compartía algúns dos datos previos ao comezo da vendima do godello que comezou para a adega o pasado xoves 13 na súa finca de Pedrazais.

Con respecto á cantidade, Manuel afirma que "a redución con respecto ao ano pasado é considerable, pero non vai ser unha mala colleita". Á súa vez, súmase ao carro da calidade afirmando que "se non se torce moito a cousa, a calidade este ano será moi boa".

 Con respecto á vendima das variedades tintas puntualiza que "atópanse algo máis atrasadas con respecto ao ano pasado e, como é natural, ao godello pero, ao final, a diferenza non vai ser moita". Como ratificación a este feito, Manuel afirma que o tempranillo "xa case está nos 13 º ".

Foto: Alan de Val
 Adega Alan é unha adega de ámbito familiar, artesanal, que se funda no ano 1993, a partir da experiencia herdada de pais e avós, dedicados desde sempre ao viñedo, ao viveiro, á elaboración e venda de viños.

No ano 2006 constrúese a nova adega, situada na comarca de Valdeorras e rodeada pola "Finca Pedrazais". Nesta nova etapa incorpóranse novas técnicas e coñecementos co fin de obter os mellores caldos.

Na actual eclosión dos godellos de Valdeorras, Alan de Val atópase no punto de creación de viños complexos e de altísima calidade.

En Adega Alan dáse unha enorme importancia á viticultura. En 2006 comezouse a elaborar viños de finca, buscando a peculiaridade e a singularidade de cada viñedo.

Nas diferentes fincas da adega ( Pedrazais, A Costiña ...) ademais do varietal, téntase reflectir toda a esencia do terruño (terroir) que caracteriza á rica terra de Valdeorras.



No hay comentarios:

Publicar un comentario