lunes, 27 de agosto de 2012

A adega DO Valdeorras Santa Marta únese ao programa "Singular Galician Cellars" para potenciar a internacionalización da excelencia dos seus viños

José Manuel Moreno.Enólogo de Adega Sta. Marta/
Fonte Foto: Ivinourense
A Adega DO Valdeorras Santa Marta únese a outras catro adegas, unha de DO Rías Baixas, outra de DO Ribeiro e dúas da DO Ribeira Sacra, dentro do programa "Singular Galician Cellars" con miras postas en potenciar a internacionalización dos seus viños.

Co lema de pretender chegar aos clientes estranxeiros, ofrecendo e garantindo un trato «íntimo e personalizado» coas súas elaboracións, á vez que consideran fundamental o seu lugar de orixe: Galicia. Todo isto é o que pretende representar a asociación «Singular Galician Cellars», un consorcio creado entre cinco adegas galegas que tentan potenciar a comercialización dos seus viños no mercado internacional.

O obxectivo destas cinco casas -que inclúen todas as Denominacións de Orixe excepto a de Monterrei- pasa pola unión, elemento crave para promocionar os seus viños no estranxeiro e afianzarse no mercado exterior. E é que Adega Eidos, Sociedade Agraria de Transformación Virxe dos Remedios, Adega Santa Marta, Adega Pena das Doas e Adegas Valdavia son empresas «pequenas e familiares» que, por separado, carecen da capacidade económica suficiente para asumir todos os gastos que leva a internacionalización dunha maneira optimizada.

Así o explicou o axente de exportación deste novo colectivo, Francisco Santiso, quen destacou o abanico de posibilidades que se abren no mercado estranxeiro. Mentres o nacional continúa en «recesión, o internacional mantense, polo que, ou se asocian, ou as adegas pequenas apenas teñen posibilidades», destacou, ao mesmo tempo que avanzou a ruta de promoción para este ano.

Aínda que polo momento se están a desenvolver a súa imaxe corporativa, páxina web e catálogo, desde a asociación teñen claro cales son os mercados potenciais: «o americano, o holandés e o belga». Aínda así, durante este ano tan só centraranse no ámbito europeo pola súa proximidade, en países como Alemaña. O 23 e o 24 de outubro, a «Singular Galician Cellars» visitará a «Eins Tag für Wein aus Spanien», unha exposición nas cidades de Colonia e Berlín na que participarán varias adegas españolas.

Pero previamente, a asociación presentarase en público o 3 e o 4 dese mesmo mes en Xapón, na «Spain Gourmet Fair». Viaxes, dietas e custos de asistencia a feiras serán compartidos polos socios actuais, así como os gastos de contratación dun axente de exportación común. Iso si, as cinco beneficiaranse dos contactos de todos.

Desde a Denominación de Orixe Valdeorras, Santa Marta xa leva dous anos abastecendo coas súas elaboracións de godello, mencía e sousón -unha variedade autóctona- o mercado de Estados Unidos, Xapón, Bélxica, Holanda, Reino Unido e Polonia. "Até agora só supón o 15%, pero isto ten que subir", asegura a propietaria, María Jesús Álvarez. A empresa, que data de 1998 e ten 28 hectáreas propias e controladas: "O consumo de viño por persoa baixou moito, hai máis adegas e o mercado nacional está moi apertado"" nós estamos a vender máis, pero de maneira mais dificil e pelexando moito, e sobre todo elaborando viños de calidade, como asi demóstrao os numerosos premios obtidos"

Con respecto á asociación, María Jesús aclara que: "Abrir mercados no exterior é unha estratexia de empresa, para expandirnos, crecer e consolidar as nosas marcas. Tentamos coa asociación, facelo cun menor custo e ofrecer aos importadores un paquete de viños galegos de calidade, todos procedentes de adegas coa mesma filosofia, adegas familiares co máximo coidado polos seus viñedos e viños". 

No hay comentarios:

Publicar un comentario