lunes, 23 de julio de 2012

Cualifícase á colleita 2011 da DO Valdeorras como "Moi Boa" mentres o Concello da Rúa entregou os premios da súa primeira cata de viños

A colleita 2011 dos viños amparados  baixo o Selo de Calidade DO Valdeorras foi cualificada como 'Moi Boa', tal e como anunciou a pasada semana o pleno do Consello Regulador. Mentres, pola súa banda, o Concello da Rúa entregou o pasado sábado os seus premios "Cigurro" aos viños DO Valdeorras.

A multitude de premios nacionais e internacionais dos que se fixeron acredores os viños DO Valdeorras a través da súa colleita 2011 convertéronse no selo do prestixio internacional dunha colleita que se antollou desde un principio como mostra de calidade e recoñecemento do traballo que os produtores e adegueiros desempeñan na DO Valdeorras .

Nesta liña e seguindo rigorosos criterios de análises fundamentadas na excelencia e calidade, o Consello Regulador DO Valdeorras cualificou a esta anada 2011 como "Moi Boa", en claro marco de continuidade con respecto ao traballo que leva realizando nos últimos anos na DO e que situou a estes viños como uns dos caldos máis de moda no panorama vinícola internacional, sendo recoñecidos por algúns dos máis prestixiosos especialistas do sector como a gran promesa de España no sector internacional do viño.


Pola súa banda, o Concello da Rúa entregou este fin de semana os premios da súa primeira cata  - concurso de viños DO Valdeorras


Un total de 33 viños participaron na cata organizada polo Concello da Rúa, que onte entregou os premios no tres categorías establecidas nas bases do concurso.

 O Cigurro na categoría de brancos foi para Adega A Coroa, o de tintos para Adega Melilla e o Dourado, establecido para outras anadas, recaeu na Adega Viña Somoza.

O xurado da cata estivo formado por José Serrano, Ramón García, José Luís Bartolomeu, Jesús Mielfa e José Manuel Fernández Anguiano.


Ademais dos trofeos e medallas, os viños das diferentes categorías premiados na cata serán utilizados polo Concello da Rúa para todos os actos institucionais durante un ano.


No hay comentarios:

Publicar un comentario